A mocidade investigadora pode presentar os seus resumos ao Congreso Ibérico

A segunda edición deste foro do Campus Terra levarase a cabo do 21 ao 23 de outubro baixo o lema ‘Raíces do coñecemento’ e busca ser un punto de encontro entre a mocidade


A segunda edición do Congreso Ibérico de Mocidade Investigadora Campus Terra mantén aberto ata o día 30 de xuño o prazo para o envío de resumos. O evento diríxese á mocidade da Universidade de Santiago de Compostela pero tamén á doutras universidades, centros de investigacións e institucións. Poden participar dende estudantes de grao e mestrado, estudantes predoutorais e novo persoal investigador ata interesados en compartir os seus resultados de investigación e poñerse en contacto con especialistas doutras áreas.

As persoas interesadas en participar neste foro que se desenvolverá os días 21, 22 e 23 de outubro, mediante a presentación dunha comunicación, deberán enviar un resumo da súa proposta a través do formulario habilitado no web á dirección de correo congreso.mocidade@usc.gal.

“O principal obxectivo deste Congreso é crear un ambiente de encontro entre a mocidade investigadora ibérica, presentando as súas investigacións e no que poidan xurdir diversas colaboracións”, explican dende o Campus Terra da USC. En paralelo, o congreso que leva por lema ‘Raíces do coñecemento’ convértese tamén nunha xuntanza de iniciación, divulgación e formación para as persoas aspirantes, xa sexa de grao ou de mestrado, cara ao inicio ou consolidación dunha carreira investigadora. “As informacións e as experiencias compartidas son chave para aquelas persoas que elixen o camiño da investigación tras o remate dos seus estudos universitarios”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *