Laura Sánchez Piñón foi nomeada directora do CEBIOVET

O centro busca xerar novas liñas de investigación no campo dos pequenos, medianos e grandes animais e impulsar a súa difusión dentro da comunidade científica

O Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET) conta cunha nova directora, a profesora emérita Laura Sánchez Piñón. A profesional pertence ao departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física e sitúase á fronte deste centro de apoio ao progreso das Ciencias Veterinarias e Biomédicas.

A investigación de Sánchez Piñón céntrase no desenvolvemento de modelos animais de peixe cebra para comprender a base xenética de enfermidades humanas mediante a tecnoloxía de edición xenética. Así mesmo o seu grupo participa en investigacións interdisciplinarias para o estudo da toxicidade e biodistribución de novos compostos que poidan xerar novos fármacos. Ao longo da súa traxectoria, ten sido EMBO Senior Fellowship no MRC Rosalind Franklin, Centro de Investigación Xenómica no Genome Campus, en Cambridge (Reino Unido), participando no primeiro proxecto de secuenciación do xenoma do peixe globo baixo a dirección do Premio Nobel Sydney Brenner e con Greg Elgar.

O CEBIOVET pon a disposición do usuario o asesoramento para a realización de estudos, así coma o espazo físico e unha gran infraestrutura tecnolóxica para xerar novas liñas de investigación no campo dos pequenos, medianos e grandes animais e impulsar a súa difusión dentro da comunidade científica. A súa función é asesorar e colaborar no deseño e realización de proxectos de investigación, docencia especializada de posgrao e outras actividades mediante o uso de animais vivos das especies canina, felina, ovina, caprina, porcina e bovina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *