Renovada por catro anos a acreditación do Campus Terra como Campus de Especialización

O campus lucense recibirá unha nova achega superior aos 4 millóns de euros e continuará apostando pola investigación ligada á sustentabilidade do rural

Vista das distintas Facultades que integran o Campus Terra da USC en Lugo

Campus Terra da USC en Lugo.

A Xunta de Galicia renovará a acreditación do Campus Terra de Lugo como Campus de Especialización por catro anos máis. Así se recolle no informe analizado hoxe no Consello da Xunta, que presenta un avance dos resultados da avaliación dun comité externo realizada entre febreiro e abril deste ano.

A reacreditación implicará unha nova inxección económica por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Para iso, está previsto un novo convenio coa Universidade de Santiago de Compostela, cuxa contía concreta se determinará proximamente, pero que superará os 4 millóns de euros.

Esta nova achega económica sumarase aos máis de 8,8 millóns de euros que o Goberno galego leva investido nesta iniciativa desde a súa creación no ano 2013.

O Campus Terra foi o segundo campus galego en obter esta acreditación, despois do Campus Industrial de Ferrol. O seu obxectivo é atraer e formar alumnos, técnicos e investigadores que contribúan ao futuro do rural galego.

O obxectivo do campus é converterse nun referente científico e social nos ámbitos relacionados coa sustentabilidade económica, social e ambiental dos recursos da terra. Isto representa unha oportunidade clave para Lugo, pola súa conexión directa co tecido socioeconómico da contorna e pola capacidade de establecer sinerxías co sector primario.

 

Fortalezas e retos do Campus Terra

O informe preliminar do Comité Avaliador Externo destaca como principais fortalezas o aliñamento das titulacións co ámbito da agricultura, gandaría, medio ambiente, veterinaria e saúde global.

O comité recomenda reforzar a identidade do campus arredor desta especialización para afondar no seu posicionamento. Tamén salienta a existencia de grupos de investigación activos e de alta calidade, cunha forte orientación á resolución de problemas concretos.

Porén, tamén se sinala a necesidade de incrementar a actividade de certos grupos de investigación, especialmente de cara á súa futura integración no Instituto de Saúde Global, un novo centro proposto pola USC nesta segunda fase do Campus Terra.

Outro aspecto a mellorar é o reforzo da investigación básica, fundamental para o avance científico a longo prazo. Ademais, recoméndase incrementar o número de estudantes matriculados e mellorar a oferta docente en inglés, co fin de potenciar a proxección académica e mellorar a empregabilidade dos egresados en contextos internacionais.

 

Calendario e avaliación

Está previsto que o informe final do comité avaliador estea listo ao longo deste mes de maio. A renovación da acreditación formalizaríase en xuño.

A partir dese momento, negociaranse os novos indicadores de seguimento e avaliación, así como os termos do novo convenio. Este acordo de financiamento prevese para a segunda quincena de setembro.

O proceso de avaliación foi realizado por un comité externo, que revisou a documentación sobre o traballo realizado desde 2021 no marco do Plan Estratéxico para o próximo cuadrienio. Tamén se incluíron entrevistas con diferentes axentes implicados, como grupos de investigación, empresas, investigadores novos e estudantes.

Dentro deste proceso, visitáronse distintas infraestruturas científicas como o Hospital Veterinario Rof Codina, o Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET), a Aula de Habilidades Clínicas e o Laboratorio de Automatización de Procesos Robotizados da EPSE.

 

Un programa pioneiro

O programa Campus de Especialización é unha iniciativa pioneira no Estado, impulsada pola Xunta desde 2013. Busca universidades máis conectadas co territorio e aposta por fortalecer as capacidades de cada campus.

Ata o momento, o Goberno galego investiu máis de 35 millóns de euros neste programa. En 2019 púxose en marcha o proceso de acreditación, do que tamén forman parte o Campus Industrial de Ferrol (UDC) e o Campus Auga de Ourense (UVigo).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *