Sistema de Información Territorial da USC, unha plataforma para unha mellor xestión de terras
Facilitar os intercambios de fincas entre explotacións ou identificar as parcelas con mellores aptitudes para determinados cultivos son algunhas das utilidades prácticas dos algoritmos empregados por esta plataforma científico-tecnolóxica do Campus Terra
A xestión de terras e a ordenación do territorio é unha das grandes asignaturas pendentes de Galicia, onde o minifundio e a dispersión da propiedade dificulta en moitos casos levar a cabo un aproveitamento rendible e viable das parcelas, compatible cos sistemas de produción actuais.
Nese contexto, o Campus Terra conta con ferramentas tecnolóxicas de última xeración que facilitan a toma de decisións e que son un instrumento de apoio fundamental para os técnicos. A través de mapas obtidos por teledetección desde satélites e outras tecnoloxías de información xeoespacial combinadas con algoritmos desenvoltos en grupos de investigación locais é posible chegar a unha ordenación territorial máis eficiente e produtiva.
Para dar soporte a estas novas necesidades, tanto no eido da investigación como no desenvolvemento de proxectos concretos postos en marcha por distintas entidades públicas e privadas, a Universidade de Santiago conta cunha plataforma científico-tecnolóxica que se nutre do coñecemento xerado polo LaboraTe, o Laboratorio do Territorio da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.
O SIT é unha plataforma científico-tecnolóxica do Campus Terra que se nutre do coñecemento xerado polo Laborate, o Laboratorio do Territorio da USC
Ubicado no edificio Cactus de apoio á investigación, o Sistema de Información Territorial da USC foi creado no ano 2004 a proposta do profesor Rafael Crecente, que conseguiu financiamento Feder para poñer en marcha esta iniciativa que dá servizo no ámbito das tecnoloxías da información xeoespacial, tanto para a comunidade universitaria como para outros organismos.
O cometido do Sistema de Información Territorial é proporcionar apoio científico e tecnolóxico aos investigadores da USC e ao resto da sociedade no tocante ao manexo de información relacionada co territorio ou cunha compoñente xeoespacial.
Dos drons e xeorradares aos PPGIS, 20 anos de evolución tecnolóxica
David Miranda, coordinador do SIT, explica que as súas funcións foron cambiando nestes 20 anos a medida que as tecnoloxías ían tamén mudando. “Inicialmente, cando se creou o SIT, daba servizo sobre todo no ámbito dos sistemas de información xeográfica. Era unha tecnoloxía emerxente naquel momento na que había moito interese. Do que nos encargabamos era de dar formación e da distribución de licenzas. Máis adiante demos soporte tamén na captura de información xeoespacial, por exemplo, utilizando drons, xeorradar, láser 3D ou Lidar. E agora, nos últimos anos, ofrecemos máis servizos atendendo a unha demanda máis especializada, por exemplo, no ámbito dos PPGIS, que son os sistemas de información xeográfica participativos, onde os usuarios poden interactuar para delimitar zonas de interese”, detalla.
O SIT acumula 20 anos de experiencia e atende na actualidade unha demanda más esixente no ámbito do deseño de sistemas de axuda á decisión espacial
O SIT atende na actualidade unha demanda crecente e máis especializada no ámbito do deseño de sistemas de axuda á decisión espacial, mediante mapas interactivos que permiten, por exemplo, ubicar unha actividade concreta no territorio, agrupar parcelas, definir rutas óptimas, etc.
As dúas ferramentas principais de traballo do SIT na actualidade son un visor GIS web participativo orientado a que os usuarios poidan aportar a súa información directamente, tanto vía web como vía tecnoloxía móbil, o que facilita o seu uso en campo, e toda unha serie de algoritmos que son capaces de poñer a disposición do público para o apoio na toma de decisións na xestión territorial. “Cada vez nos imos especializando máis cara eses sistemas máis complexos que nos axudan na planificación e na xestión de terras para ter un uso máis eficiente delas”, indica David.
Concentracións parcelarias 4.0
Miguel Cordero, técnico superior de investigación e desde o ano 2004 responsable técnico do SIT, salienta que as aplicacións xeradas mediante estas tecnoloxías están optimizadas para o territorio galego. “Mediante o noso visor online participativo podemos sumar á potencialidade dos algoritmos o coñecemento local dos usuarios”, destaca.
Mediante o noso visor online participativo podemos sumar á potencialidade dos algoritmos o coñecemento local dos usuarios
Entre as utilidades prácticas destas ferramentas están proxectos piloto de agrupación de parcelas en comarcas como A Mariña ou a Terra Chá, onde se aplicaron algoritmos de permutas en bloque nas que as explotacións intercambian as súas parcelas para mellorar o manexo da súa superficie agraria.
Os sistemas de permutas voluntarias permiten agrupar o uso das fincas sen tocar a súa propiedade
Sen os entullos habituais das concentracións parcelarias clásicas, que encallan moitas veces durante décadas por conflitos insalvables entre propietarios, estes novos sistemas de permutas voluntarias permiten agrupar o uso das fincas sen tocar a súa titularidade legal.
Escolla das mellores terras para cultivos concretos
Outra das iniciativas recentes do SIT foi un proxecto para a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) para a escolla das mellores terras para determinadas producións (kiwi, viñedo, horta, etc), onde os demandantes de superficie para a posta en marcha de novas explotacións poden consultar antes cal é a zona máis axeitada para instalala en función da súa orientación produtiva e de factores como a calidade da terra ou a climatoloxía. Un proxecto semellante, de identificación de explotacións e recursos dispoñibles na zona, desenvolveuse nas comarcas ourensás de A Limia e Arnoia.
A potencialidade das ferramentas desenvolvidas no SIT teñen mesmo traspasado as fronteiras galegas e demostrado as súas utilidades noutros territorios. “Nos últimos meses estamos a traballar nun proxecto en Honduras coa ONG Enxeñería Sen Fronteiras onde se aplica un visor participativo para a xestión comunitaria da auga en aldeas que manexan de forma autónoma as súas traídas de auga, como se fai aínda en moitas parroquias de Galicia. Son os veciños, que son os que saben onde se encontran os pozos ou as captacións de auga, os que poden subir esa información á cartografía web”, explica Miguel.