A UVigo participa nun proxecto que busca reforzar a prevención ante os grandes incendios a través de estratexias innovadoras
Conta cun orzamento de 4,3 millóns de euros e estenderase ata 2028
Reforzar a prevención e resposta ante os grandes incendios forestais, ao longo da fronteira entre España e Portugal, a través de estratexias innovadoras é sostibles é o obxectivo central do proxecto Firepoctep Avanza, no que participan 18 institucións e entidades dos dous países, entre as que se atopa a UVigo. Os investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos e Julia Armesto lideran a participación da institución viguesa nesta iniciativa cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenolvemento Rural (Feder), no marco do Programa Interreg VI-A España-Portugal (Poctep) 2021-2027, que este mércores e xoves celebra a súa reunión de lanzamento na localidade portuguesa de Lousã.
Coordinado pola Comunidade Intermunicipal da Rexión de Coimbra, Firepoctep Avanza conta cun orzamento de preto de 4,3 millóns de euros e estenderase ata finais de 2028. Dando continuidade ás iniciativas deseñadas e impulsadas en Firepoctep e Firepoctep+, financiados tamén polo programa Poctep, este novo proxecto busca facer fronte á problemática dos incendios forestais extremos na fronteira entre Portugal e España, promovendo unha xestión forestal “sistémica e integrada, con solucións baseadas na natureza e nas características do territorio”, salientan os seus promotores.
Nese senso, o proxecto dá continuidade ao desenvolvemento de actuacións estratéxicas nos distintos territorios transfronteirizos iniciada en Firepoctep e continuada en Firepoctep+, un proxecto coordinado por Picos, que na tarde deste martes presentaba no Parlamento Europeo algunha das accións desenvolvidas, que se completará a finais deste 2026. Como sinalan os responsables de Firepoctep Avanza, este novo proxecto buscará avanzar na “análise sobre o impacto do cambio climático e a gravidade dos lumes forestais coa posta en marcha de tecnoloxías innovadoras” e a “capitalización” das prácticas xa desenvolvidas para a identificación e tipificación de zonas estratéxicas de xestión, puntos clave na propagación dos grandes lumes.
Ampliación das zonas piloto e deseño de “corredores ecolóxicos”
Con ese propósito, proxéctase a ampliación das áreas piloto definidas nos proxectos previos, así como traballar na “interconexión” das zonas estratéxicas de xestión identificadas “a través dunha rede de corredores ecolóxicos resilientes e estratéxicos”, que poidan actuar como “barreiras naturais” contra os incendios. Do mesmo xeito, tamén está previstas “melloras en infraestruturas críticas na zona de influencia das áreas piloto” definidas ao longo da ‘raia’, o fomento de “cortalumes produtivos e de paisaxes en mosaico” e o impulso de iniciativas de emprendemento que contribúan á xestión desas zonas estratéxicas, axudando a frear o despoboamento de zonas rurais. Así mesmo, deseñaranse “plans de defensa para pequenas localidades en risco” e fomentarase a “sensibilización ambiental” a través de programas educativos e actividades de voluntariado, “que reforcen a participación activa na protección do territorio”, sinalan os promotores de Firepoctep Avanza, que abrangue así mesmo iniciativas dirixidas a mellorar tanto a capacitación dos equipos de emerxencia como a cooperación transfronteiriza en materia de combate dos lumes forestais.
Outro dos obxectivos será promover a integración dos resultados nas políticas públicas, facilitando a súa adopción por parte das administracións. De feito, entre os socios do proxecto atópanse tanto a Dirección Xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia, como os gobernos autonómicos de Castela e León e Estremadura, a Axencia de Seguridade e Xestión Integral de Emerxencias de Andalucía e as comunidades intermunicipais de Coimbra, Alto Miño, Ave e Algarve. Xunto ás universidades de Vigo, Córdoba, Estremadura e Évora, deste consorcio forman tamén parte Feuga, a Deputación de Ourense e a Fundación Finnnova, así como a Fundación Vuelta al Mundo, o Concello de San Xoán de Río, a Fundación Ávila e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Algarve.
Nese senso, Picos sinala que “o peso das administracións públicas neste proxecto é moito maior que nos anteriores”, seguindo unha “evolución natural” que implicou en primeiro momento “diagnosticar” a situación, para logo “propor e demostrar en proxectos piloto” a efectividade das iniciativas desenvolvidas, que agora este novo consorcio buscará “darlle escala”.
Diferentes liñas de actuación
Baixo a coordinación de Picos e Armesto, en Firepoctep Avanza participarán investigadores e investigadoras da EE Forestal e ao proxecto sumarase tamén persoal investigador da UVigo da área das ciencias sociais e dos ámbitos tecnolóxicos ás iniciativas que se desenvolverán das diferentes áreas do proxecto.
Unha delas ten como obxectivo mellorar “a xestión e intervención proactiva no territorio transfronteirizo”, para minimizar o impacto dos grandes incendios forestais, promovendo actuacións nas zonas estratéxicas de xestión. Neste eido, o persoal da UVigo traballará tanto no deseño de actuacións orientadas ao impulso de “corredores ecolóxicos” entre estas áreas clave na prevención, así como no deseño de cortalumes preventivos e outros modelos de xestión e na redacción e execución de plan de defensa en núcleos urbanos vulnerables.
Outro dos bloques de traballo estará centrado na capacitación e formación dos operativos de resposta e axentes locais, dentro do cal os investigadores da UVigo participarán en accións de formación e autoprotección en “contornas de alto risco”, así como no traballo con grupos voluntarios de protección civil. Do mesmo xeito, tomarán parte no impulso de solucións innovadoras, área na que se insiren accións dirixidas á busca dunha “participación máis activa da poboación local” do espazo transfronteirizo, accións formativas e outras actividades ambientais de voluntariado.
Firepoctep Avanza complétase cos bloques de traballo centrados na mellora da gobernanza e resposta común, na xestión e coordinación do proxecto e na súa visibilidade e comunicación.



