A xestión agrupada do monte revélase como impulsora da prevención dos incendios forestais

No marco do proxecto Resonate, a Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra (UVigo) avaliou as melloras que suporía agrupar a xestión dunha área de monte caracterizada polo minifundio nos concellos de Negreira e Outes (A Coruña). Falamos co profesor Juan Picos sobre os resultados da simulación realizada

O minifundio extremo que caracteriza boa parte da propiedade forestal particular en Galicia xera dificultades en todos os ámbitos. Para a persoa propietaria, resulta complicado obter unha rendibilidade axeitada das parcelas de pequeno tamaño. No ámbito territorial, dificúltase a ordenación e, en consecuencia, empeora a capacidade de prevención dos incendios.

A Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra (UVigo) escolleu un área de minifundio en Negreira e Outes para comparar os cambios que se producirían cunha xestión conxunta de 2.000 hectáreas, actualmente divididas en 15.000 parcelas de xestión particular. Falamos co profesor Juan Picos, que dirixiu esta simulación no marco do proxecto Resonate, financiado polo programa Horizonte 2020 da Unión Europea.

– Explícanos o traballo que desenvolvestes no marco desta simulación dunha agrupación forestal.

As accións enmárcanse no proxecto europeo RESONATE, que levamos desenvolvendo estes últimos anos xunto con socios europeos. O obxectivo do proxecto é traballar na resiliencia das masas forestais fronte ao cambio climático. No noso caso, escollemos como caso de estudo unha zona da provincia da Coruña. O que fixemos foi avaliar como a xestión agrupada destas masas forestais de minifundio pode contribuír a unha maior resiliencia fronte ao cambio climático, especialmente fronte aos incendios forestais.

Neste sentido, a simulación que desenvolvemos sobre a evolución dun posible incendio forestal resultou moi útil e fiable. Comparamos a situación actual cunha posible masa forestal xestionada de maneira agrupada, na que poidamos ordenar os usos do territorio, tanto forestais como de conservación, entre outros.

Simulamos distintos incendios en diferentes situacións, con cambio climático e sen el. Utilizouse software de simulación de incendios para comprobar cal sería a diferenza se o lume atopase a masa forestal tal e como está na actualidade e cal sería o seu comportamento se existise unha xestión agrupada como a que propoñemos.

– Esta área de monte caracterízase polo minifundio. Que vantaxes tería a xestión conxunta, ademais de mellorar a prevención dos incendios?

A xestión conxunta, co modelo silvícola que propoñemos para o piñeiro, permitiría realizar traballos máis mecanizados, xa que a unidade de xestión sería máis ampla. Organizaríanse labores conxuntas de rareos, podas e traballos orientados tanto á prevención dos incendios como á mellora da calidade da madeira.

A xestión conxunta permite reducir custos nos traballos forestais e mellorar a calidade da madeira, a parte de favorecer a prevención de lumes

O que buscamos é que esta área sexa significativa para a produción de madeira destinada a usos estruturais e á construción, cuxos prezos probablemente se dupliquen no futuro. Na actualidade, non se realiza unha boa selección da madeira nin se leva a cabo un traballo silvícola profesionalizado.

Así pois, non se trata tanto de aumentar a cantidade de madeira producida como de reducir os custos da silvicultura. E, sobre todo, de mellorar a calidade da madeira que se obterá no futuro, dun produto que sabemos que será escaso e que terá unha elevada demanda.

Nunha superficie de 2.000 hectáreas hai 15.000 parcelas catastrais. As persoas propietarias teñen que decatarse do potencial que están a perder.

A superficie total de xestión sería dunhas 2.000 hectáreas. Porén, o problema é que temos 15.000 parcelas catastrais, algunhas delas con máis dunha persoa titular. Polo tanto, o verdadeiro reto consiste en dotarse dun marco xurídico acreditado que favoreza esa agrupación e, despois, obviamente, que as persoas propietarias se decaten do potencial que están a perder.

Hai que ter moi en conta ademais o risco que supón que toda esta masa forestal poida verse afectada por un incendio nun contexto de cambio climático.

– Esta zona caracterízase pola presenza do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’). No caso dunha agrupación forestal, como enfocariades o traballo con esta especie?

Iso é algo que terían que decidir as persoas propietarias que optasen por unha xestión conxunta. Si que observamos que nesta zona predomina o piñeiro do país, pero tamén hai moitas outras especies e unha biodiversidade considerable.

O piñeiro é unha especie bastante ben adaptada ó clima que se prevé no futuro e ten unha longa tradición nesta área. Complementámola a nivel teórico con áreas de restauración de bosque atlántico en zonas de ribeira e nas franxas secundarias das aldeas

A simulación dos incendios realízase sobre o monte actual. Precisamente, a presenza de ‘Pinus pinaster’ foi un dos motivos que nos levou a escoller esta zona, xa que a xestión do piñeiro ten aquí unha longa tradición, é histórica. Hai imaxes tomadas por avións estadounidenses nos anos 50 nas que se pode ver que toda esta área xa se xestionaba con ‘Pinus pinaster’.

Polo tanto, ao tratarse dunha especie bastante ben adaptada ao que se prevé que será o clima futuro, escolleuse como especie principal. Pero, obviamente, no noso traballo de ordenación teórica do que sería esta agrupación forestal incluímos áreas de restauración do bosque atlántico nas zonas de ribeira e nas faixas secundarias das distintas aldeas que conforman a área de estudo.

– Esta simulación dunha agrupación que realizastes na área de Negreira e Outes sería extrapolable a outras zonas de Galicia?

Este monte sérvenos como exemplo porque reúne unha gran parte das características que buscabamos. Cómpre ter en conta que o minifundio ocupa practicamente dous terzos da superficie forestal de Galicia. O terzo restante corresponde ao monte veciñal en man común.

En boa parte dos lugares, a xestión agrupada será probablemente unha ferramenta que permita recuperar en maior medida o potencial produtivo do monte. Ademais, permitirá que a silvicultura facilite a adaptación ao cambio climático e a redución do risco de incendios.

– Esta zona na que traballastes caracterízase por unha gran biodiversidade forestal e faunística, como comentabas antes. Como tedes en conta esa riqueza no proxecto de agrupación?

A nosa proposta de ordenación desta agrupación parte dunha visión multifuncional. Aínda que o produto principal poida ser esa madeira estrutural da que falaba, resérvase máis dun 20 % da superficie para a restauración de hábitats.

Resérvase un 20% da superficie para a restauración de hábitats. A ordenación nunha superficie amplia permite compatibilizar múltiples funcións, máis alá de que teñamos na madeira o aproveitamento principal

Trátase, principalmente, de bosque de ribeira e bosque atlántico, en consonancia cos obxectivos xerais establecidos, por exemplo, na Lei de restauración da natureza. Tamén temos en conta a configuración e a disposición das franxas nas que se recupera o bosque atlántico.

Buscamos, así mesmo, favorecer a conectividade ao longo de toda a superficie de actuación, o que pode beneficiar a fauna. Temos que ter en conta que, aínda que poidamos ter un produto ou aproveitamento principal —a madeira—, a ordenación forestal nunha superficie suficientemente ampla permite compatibilizar múltiples funcións.

Non debemos perder de vista o resto dos bens e servizos que poden achegar as masas forestais, como a biodiversidade e o lecer, entre outros, e que deben estar adaptadas ao clima.

Este último aspecto é importante porque, aínda que nunha plantación nova se poida recorrer a unha rega de emerxencia en caso de seca extrema, o ideal é que a masa forestal sexa capaz de adaptarse a esa situación e manterse por si mesma.

A xestión conxunta do monte en Outes–Negreira reduciría a superficie queimada nun 65 %

O equipo da UVigo que traballou no proxecto RESONATE vén de publicar un artigo científico coas conclusións do estudo de caso da área de Negreira–Outes, no que realizaron unha simulación dunha agrupación de xestión conxunta. Os resultados do traballo apuntan a que, en distintos escenarios climáticos futuros, a superficie queimada nun incendio forestal reduciríase arredor dun 65 % coa xestión conxunta do monte que se propón, en comparación co escenario de funcionamento actual.

O traballo, asinado por Laura Alonso, Juan Picos, Julia Armesto e Paulo M. Fernandes, destaca que a xestión forestal é vital para aumentar a resiliencia dos bosques. «Nas rexións propensas aos incendios, a planificación a escala da paisaxe é esencial, pero tamén supón un reto, especialmente naquelas zonas onde a terra está fragmentada nun gran número de pequenas propiedades. A xestión forestal conxunta ofrece unha posible solución, aínda que a miúdo os propietarios forestais se amosan reticentes a xestionar os seus terreos de forma conxunta», sinala o artigo.

Os autores propoñen impulsar politicamente as figuras de xestión conxunta do monte, non só como vía para previr os incendios, senón tamén para mellorar a rendibilidade forestal, grazas ao maior valor da madeira obtida. Nunha simulación de 120 anos, o beneficio económico adicional que xeraría un monte xestionado de forma agrupada na área de estudo cuantificouse en ata 28 millóns de euros, en función do clima e do escenario de incendios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *