O Foro Datagri afondará na dixitalización do sector agrogandeiro en España

Valladolid acollerá os días 18 e 19 de novembro o IX Foro Datagri. Trátase dun encontro concibido para acelerar a dixitalización do sector agroalimentario. Máis de 1.500 profesionais dos sectores primario e tecnolóxico participarán nun evento que terá lugar logo do convenio acadado entre o Ministerio de Agricultura e a asociación Datagri.

Mediante demostracións prácticas e casos de uso real no campo, abordaranse os retos dixitais para mellorar a rendibilidade, a sustentabilidade e a competitividade do sector. O convenio entre o Ministerio e Datagri enmárcase na Estratexia de Dixitalización do Sector Agroalimentario e do Medio Rural e no seu III Plan de Acción 2024-2026.

Datagri confírmase, pois, como un dos principais espazos de encontro entre administracións públicas, empresas, centros tecnolóxicos, organizacións agrarias, cooperativas e profesionais para acelerar a incorporación de solucións dixitais ao sector.

A día de hoxe, o Ministerio de Agricultura respalda máis de 200 iniciativas de innovación agroalimentaria -cun investimento que ronda os 50 millóns de euros- orientadas a facilitar a incorporación de novas tecnoloxías que permitan producir de forma máis eficiente e rendible.

Grupos operativos de innovación, proxectos piloto, o Centro de Competencias en Dixitalización, os espazos de datos agroalimentarios e distintas actuacións vencelladas á intelixencia artificial e a transferencia de coñecemento ao sector son algunhas das actividades nas que se coopera.

O Foro Datagri está promovido pola Asociación Datagri, integrada pola Asociación Española de Agricultura de Conservación Suelos Vivos (AEAC.SV), a Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG), Cooperativas Agro-alimentarias de España e a empresa tecnolóxica Hispatec.

O foro estará estruturado en 15 eixes temáticos que abordarán cuestións como o dato en forma de infraestrutura do agro, a rendibilidade das explotacións, a xestión intelixente da auga, a gandería
dixital, a ciberseguridade, a sustentabilidade certificable ou o talento, analizando o seu impacto na sustentabilidade económica, social e medioambiental das explotacións e nos modelos produtivos e de negocio.

Na segunda xornada do foro -o Demo Day- haberá demostracións tecnolóxicas en vivo e casos de uso reais aplicados ao campo, a industria e a loxística, mostrando solucións xa operativas en ámbitos como a automatización, a intelixencia artificial ou a trazabilidade da cadea valor do dato entre o campo e os consumidores.

Comments are closed.