San Xoán de Río atrae talento internacional de 16 países para revitalizar o rural galego
O proxecto 'Rural Valley' interesa a empresarios, exdirectivos e consultores sénior dos cinco continentes que buscan desenvolver os seus novos proxectos dixitais desde Ourense

Un pequeno municipio de apenas 500 habitantes está a converterse nun polo de atracción para o talento altamente cualificado a escala global. A través da iniciativa Rural Valley, o concello ourensán de San Xoán de Río recibiu candidaturas de emprendedores e profesionais consolidados procedentes de 16 países, entre os que se inclúen Estados Unidos, Xapón, Turquía, Tailandia, India, Austria ou Rusia. A proposta busca seleccionar aos participantes do primeiro campus residencial de alto rendemento para founders e startups dixitais de España.
A diferenza das expectativas iniciais do proxecto, que prevían a chegada de mozos emprendedores á procura dunha oportunidade, a maioría das solicitudes corresponden a empresarios con traxectoria internacional, fundadores de startups e exdirectivos de multinacionais. Persoas coa súa actividade económica xa consolidada que elixen o entorno rural galego para impulsar o seu seguinte proxecto profesional, motivadas pola calidade de vida, a comunidade e unha contorna inspiradora, máis ca polos custos ou incentivos económicos.
Segundo destaca o alcalde da localidade, José Miguel Pérez Blecua, a estratexia do municipio non pasa por buscar poboación a calquera prezo, senón por atraer perfiles capaces de crear valor, dinamizar a economía local e xerar novas oportunidades para os veciños. Entre os perfiles recibidos atópanse profesionais con ampla experiencia no sector dixital e na intelixencia artificial, así como españois residentes no estranxeiro que ven neste proxecto a oportunidade de regresar.
O proceso de selección mantense aberto ata o vindeiro 21 de setembro a través da plataforma ruralvalley.eu. Os candidatos seleccionados tras as entrevistas persoais participarán na gran final residencial que se celebrará en San Xoán de Río durante o mes de outubro.



