A investigación abre novas vías de aproveitamento e valorización para a avea moura galega

O consorcio do Grupo Operativo Avea Moura celebrou hoxe a xornada final de presentación de resultados durante a que se mostraron os prototipos desenvolvidos nas liñas de gastronomía, cosmética e panificación da man do restaurante Culler de Pau, a cooperativa Muuhlloa e a panificadora Grupo Da Cunha.

A recuperación dun cultivo tradicional precisa algo máis que conservar as súas variedades; precisa tamén demostrar que pode volver ter interese para o sector produtor e que existe capacidade para transformalo en produtos capaces de xerar valor. Esta é unha das principais conclusións do Grupo Operativo Avea Moura que hoxe presentou os resultados de tres anos de traballo (setembro 2023-setembro 2026) con novas evidencias sobre o potencial da avea moura (Avena strigosa) e diferentes vías para a súa valorización en produtos destinados á alimentación humana e cosmética.

No consorcio da investigación aplicada, coordinada pola Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, participaron a Fundación Juana de Vega, a cooperativa Muuhlloa, o restaurante Culler de Pau (Estrela Michelin e Estrela Verde), a panificadora Grupo Da Cunha, as universidades de Santiago de Compostela (a través do LIDSA- Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucions Analíticas) e da Coruña, así como o CIAM-AGACAL e o INORDE en calidade de socios cooperantes.

O obxectivo foi abordar a recuperación da avea moura desde unha perspectiva integral: documentar o cultivo histórico da avea en Galicia, caracterizar as seis variedades seleccionadas, estudar o seu comportamento agronómico en tres zonas diferentes de Galicia, coñecer mellor a composición do gran e explorar novas aplicacións que permitisen aumentar o seu valor. “En conxunto, o proxecto demostra que un cultivo esquecido e rústico pode recuperar interese se a conservación da diversidade se conecta con procesos reais de transformación, produtos diferenciados e cadeas de valor de proximidade”, explicaba o investigador da MBG-CSIC e coordinador do Grupo Operativo, Bernardo Ordás. Neste sentido, por parte da Fundación Juana de Vega, Alfonso Ribas, director da Área de Investigación e Innovación, destacou que “este é o tipo de cadea de valor que impulsamos en Galicia: recuperación e fomento de recursos xenéticos propios, innovación, transformación local e retorno económico para o territorio rural”.

Historia, ensaios agronómicos, prototipos e futuro inmediato

O Grupo Operativo Avea Moura formulouse para recuperar e valorizar a avea moura (Avena strigosa), un cereal autóctono moi importante para alimentación animal ata finais do século XX, pero que caeu en desuso. A avea moura non é unha variedade máis da avea comercial, senón unha especie diferente, profundamente vinculada ao patrimonio natural e cultural de Galicia. Os estudos xenéticos, históricos e etnográficos desenvolvidos no proxecto Avea Moura achegan evidencias que sitúan en Galicia a orixe da súa domesticación a partir dunha avea silvestre ancestral presente no territorio. A investigación permitiu reivindicar non só un recurso xenético singular, senón tamén unha parte da nosa historia agraria e alimentaria, na que a avea tivo un papel na alimentación humana a través de elaboracións tradicionais como o pan e as papas.

Os ensaios agronómicos realizados no litoral de Pontevedra, Abegondo e Xinzo de Limia durante dúas campañas confirmaron a rusticidade e adaptación da avea moura ás condicións galegas, e tamén permitiron coñecer mellor o comportamento en campo das seis variedades recuperadas de bancos de sementes (Erbo, Estrada, Meis, Padornelo, Pastoriza e Xoio). Precisamente, con sementes da variedade máis produtiva, a Pastoriza -chamada así por ser orixinaria deste municipio lucense- está previsto iniciar un novo ensaio experimental grazas á colaboración de máis dunha vintena de persoas que hoxe levaron semente para plantar por toda Galicia. A maiores, este 2026 uns dez agricultores en activo incorporaron o cultivo nas súas rotacións.

En paralelo, no marco deste Grupo Operativo tamén se testaron tres vías de transformación do cereal en produtos de alto valor engadido. Na liña gastronómica, o restaurante Culler de Pau realizou máis de 50 elaboracións e prototipos, concentrando a fase final en tres desenvolvementos reproducibles: unha bebida fermentada, unha allada (a salsa tradicional galega) e un garum. As análises do LIDSA mostraron que o proceso de elaboración destes preparados culinarios favorece a dispoñibilidade dos compostos bioactivos, avenantramidas e polifenois da Avea strigosa, tanto polo efecto da fermentación como da calor, incrementando o seu valor multifuncional e saudable.

“Unha das nosas principais expectativas é darlle continuidade real ao aprendido. Xa ofrecemos dous pratos con 90% avea no noso menú, a variedade Pastoriza está integrada na planificación dos cultivos da nosa horta e tamén queremos comercializar varios produtos dirixidos a gran consumo. Imos integrar a avea moura no noso ecosistema, aproveitando os beneficios que pode achegar ao solo e ao medio ambiente e, ao mesmo tempo, obter un ingrediente singular, de proximidade e cun enorme potencial gastronómico para Culler de Pau. En definitiva, queremos que este proxecto deixe unha pegada duradeira e demostre que a gastronomía pode contribuír á conservación da biodiversidade e á revalorización do territorio”, sinalaron desde o restaurante Estrela Michelin que, ademais, presentará esta experiencia nun congreso en Gran Canaria e nos Forums Gastronómicos de Barcelona e da Coruña

A segunda vía de valorización explorada foi a cosmética da man de Muuhlloa, que en lugar do gran, ou da fariña, utilizou os extractos da casca para elaborar un xel hidratante íntimo externo e unha crema facial para peles sensibles ou reactivas (rosácea e acné). As análises químicas confirmaron que no proceso de elaboración perduran os compostos de alto valor da Avena strigosa como as avenantramidas, o ácido azelaico, a isorhamnetina e os hidroxibenzaldehídos. É dicir, a casca presenta maior contido de polifenois e maior actividade antioxidante có gran enteiro, un achado especialmente interesante desde o punto de vista da economía circular. “Un subproduto como a casca pasa a ter interese como materia prima para obter extractos de maior valor engadido, sen competir co destino alimentario do gran”, destacou Ordás. Ademais, os prototipos finais foron testados e confirmouse que están libres de alérxenos polo que sería posible incorporar a etiqueta oficial correspondente. “Para facer realidade a comercialización e acadar o impulso definitivo destes dous produtos, estamos preparando o lanzamento dunha campaña de crowdfunding”, avanzaron hoxe desde a cooperativa Muuhlloa.

Por último, en panificación, os ensaios de Panadería Da Cunha determinaron que unha porcentaxe de entre o 20-30% de avea moura ofrece a mellor combinación de sabor, textura e manexabilidade en formatos que van desde moletes ata barras ou tamaños especiais. Pola súa banda, as análises químicas confirmaron que tras a cocedura, tanto como en codia como en miolo, perduran os compostos de alto valor da Avena strigosa como as avenantramidas ou os ácidos hidroxicinámicos, como o ferúlico, o cafeico ou o cumárico. Estes polifenois non-flavonoides son compostos bioactivos de interese na nutrición humana pola súa capacidade antioxidante e o seu potencial para modular os procesos inflamatorios, contribuíndo ao valor funcional e saudable dos alimentos que os conteñen.

En xeral, ao longo deste período, pode comprobarse como a investigación saíu do laboratorio para probar a materia prima en condicións reais de transformación en pequenas empresas galegas que están creando riqueza no e desde o rural. A avea moura chegou aos campos experimentais, pero tamén aos fogóns de Culler de Pau, ao obradoiro de Panadería Da Cunha e ás mesas de formulación de Muuhlloa. Esta conexión entre investigación e aplicación foi unha das principais achegas do proxecto e permitiu comprobar non só o potencial do cultivo, senón tamén as condicións necesarias para que poida avanzar cara a futuras oportunidades de mercado.

Un proxecto que continúa da man de moitas persoas

A investigación do Grupo Operativo Avea Moura permitiu reivindicar non só un recurso xenético singular, senón tamén unha parte da nosa historia agraria e alimentaria, na que a avea tivo un papel na alimentación humana a través de elaboracións tradicionais como o pan e as papas. Recuperar a avea moura significa, polo tanto, recuperar un cultivo, os seus usos e unha parte da cultura gastronómica galega. Por iso, os resultados do proxecto non deben entenderse como o punto final do proceso, senón como unha base para unha nova fase de desenvolvemento, na que os prototipos obtidos poden avanzar, da man de Culler de Pau, Muuhlloa e Grupo Da Cunha, cara á súa posible transferencia comercial.

Ademais do novo ensaio experimental coa variedade Pastoriza con voluntarios, o proxecto poderá continuar a través de varias colaboracións educativas. A primeira co programa ambiental Voz Natura, que achega ao alumnado o cultivo da avea moura e o seu valor natural, agrario e cultural, e cun proxecto de innovación en Formación Profesional que desenvolverán durante este curso 2026/2027 o CIFP de Vilamarín e o IES O Ribeiro (Ourense). Está impulsado polos profesores Loreto Blanco Núñez e Xenxo Pereiro López para explorar novas aplicacións da avea moura en pastelería sen glute e bebidas fermentadas.

A MBG-CSIC aproveitou o evento para anunciar que vai iniciar os trámites para rexistrar a variedade Pastoriza da Avena strigosa nas Oficina Comunitaria de Variedades Vegetales (OCVV).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *