O proxecto GOTRISA Europa confirma o potencial do trigo sarraceno ecolóxico en Galicia

A iniciativa, liderada por Bio-Alimentación Colombia xunto co Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA), Crust and Loaf e o agricultor ourensán Avelino Santana, avaliou distintas variedades deste pseudocereal sen glute na Limia

O grupo operativo GOTRISA Europa (FEADER 2023/060B), financiado pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, conclúe tras tres anos de traballo con resultados que confirman a viabilidade do trigo sarraceno (Fagopyrum esculentum) como cultivo alternativo ecolóxico e como materia prima para o desenvolvemento de alimentos sen glute en Galicia.

O proxecto, impulsado por Bio-Alimentación Colombia S.L., contou coa colaboración da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA), a empresa Crust and Loaf S.L. e o agricultor Avelino Santana García, encargado da sementeira, o seguimento e a recollida das colleitas na comarca da Limia (Ourense).

Durante as campañas de 2024 e 2025 desenvolvéronse ensaios de campo en réxime ecolóxico en distintas fincas da comarca, nos que se avaliaron diferentes variedades de trigo sarraceno —entre materiais comerciais e liñas experimentais procedentes de bancos de xermoplasma— co obxectivo de identificar os xenotipos mellor adaptados ás condicións edafoclimáticas galegas. Na campaña de 2025, desenvolvida nunha parcela de Sandiás, a variedade LIEJA impúxose claramente cunha produción de 4.390 kg/ha, moi por riba da media do ensaio (arredor de 2.400 kg/ha), seguida de SERBIA (2.990 kg/ha), HARPE (2.867 kg/ha) e PA-15 (2.397 kg/ha), tal e como se detalla na Táboa 1, que recolle os resultados de produción e os parámetros de calidade do gran por variedade. Así mesmo, cómpre sinalar que os valores de humidade na colleita (9,3-14,4 %) mantivéronse, en xeral, dentro do límite recomendado (<14 %) para o almacenamento seguro do gran.

Desde o punto de vista fenolóxico, confirmouse a floración escalonada característica do trigo sarraceno: ECOLÓXICO e GORDO alcanzaron o maior grao de maduración no momento da colleita, mentres que HARPE e PA-15 aínda mantiñan unha elevada proporción de flores verdes. Esta heteroxeneidade varietal na sincronía da maduración é un factor que cómpre ter en conta para axustar a data óptima de recolección en campañas sucesivas.

En canto á composición nutricional e á capacidade antioxidante, as sete variedades caracterizadas mostraron un perfil nutricional homoxéneo: hidratos de carbono 75,7-78,2 %, proteína 9,9-11,2 % e graxa 1,3-2,0 %, tal e como se detalla na Táboa 2. A variedade HARPE rexistrou o maior contido en polifenois e a maior capacidade antioxidante por DPPH, o que a converte nunha candidata de interese para formulacións orientadas a achegar un valor funcional engadido. O perfil de aminoácidos confirmou o interese deste pseudocereal, xa que achega proteína de alto valor biolóxico con aminoácidos esenciais como lisina, leucina, valina e isoleucina en todas as variedades. Así mesmo, presenta un perfil lipídico favorable, con predominio de ácidos graxos insaturados, entre os que destacan o ácido oleico (C18:1, ≈36-38 %) e o linoleico (C18:2, ≈33-34 %), xunto co ácido α-linolénico (omega-3).

O trigo sarraceno, cultivado en Galicia desde a Idade Media pero relegado durante décadas fronte a outros cereais, preséntase hoxe como unha alternativa de ciclo curto, con baixas necesidades de insumos, boa adaptación á agricultura ecolóxica e beneficios agroecolóxicos —favorece os polinizadores e contribúe ao control das malas herbas—, nun contexto de crecente demanda de produtos sen glute e de diversificación agrícola fronte ao cambio climático. A súa introdución na Limia abre unha vía de diversificación para as explotacións agrícolas da comarca e de xeración de valor engadido a través da transformación local. A variedade LIEJA perfílase como a variedade agronomicamente máis prometedora nas condicións edafoclimáticas da Limia, ao combinar o maior rendemento cunha madurez comparativamente temperá; HARPE, SERBIA e PA-15 constitúen candidatas adicionais de interese.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *