Cultivos de millo de alto valor engadido
O millo doce, o millo para palomitas ou o millo waxy son alternativas ao cultivo tradicional cun alto potencial polo seu prezo no mercado. A Misión Biolóxica de Galicia está a seleccionar variedades adaptadas ás condicións edafoclimáticas da comunidade

Pedro Revilla, da Misión Biolóxica de Galicia, ensaia distintas posibilidades de cultivo de millo para alimentación humana e animal
Hai vida máis alá do millo forraxeiro. É a teima coa que traballa o investigador do CSIC na Misión Biolóxca de Galicia en Pontevedra Pedro Revillla, que está a desenvolver variedades adaptadas para produción de millo doce, flocos de millo ou produtos enerxéticos para deportistas a partir de fariña de millo máis dixeribles e asimilables.
É o que el chama “cultivo de millo de alto valor engadido”, polo alto prezo que acadan eses produtos no mercado. “Estas variedades para alimentación humana están en proceso de rexistro e poden ser moi interesantes en Galicia como un cultivo hortícola máis”, asegura Pedro.
A Misión Biolóxica de Galicia, pertencente ao CSIC, seleccionou a variante EPS18 para producir millo doce en Galicia a partir de híbridos comerciais dunha empresa americana. O punto óptimo de recollida é xusto cando se acaba de encher o gran e non empezou aínda a secarse para acadar un estado semileitoso e moi doce.
A partir de híbridos comerciais procedentes de EEUU a Misión Biolóxica de Galicia seleccionou unha variante de millo doce adaptada a Galicia
A espiga de millo doce véndese a 3 euros o quilo nos supermercados. “Cada mazorca pesa un cuarto de quilo, polo que cada mazorca son 75 céntimos”, calcula Pedro. Pero o cultivo ten as súa complexidade, porque é un millo moi delicado ao que entran fungos con facilidade, polo que é difícil conservar a semente para o ano seguinte.
“No momento da nascencia hai moitos fallos, polo que unha posibilidade é facer semilleiro e despois transplantar a plantula cun transplantador de hortalizas, como se fai cos tomates, por exemplo. Deste xeito gañamos un mes”, recomenda.
O ‘baby corn’ de millo doce (as mini espigas antes de ser polinizadas) empréganse en alta cociña
A mesma variante EPS18 permitiría tamén recoller o chamado baby corn, ou millo baby, recollendo a mini mazorca a man antes de que a planta se polinice. “Arrincando o primordio floral feminino cando están comezando a saír os pelos, entre 1 e 3 días despois de que as sedas do millo asomen. O que está dentro é o tallo floral, que é o baby corn”, explica.
Esas mini espigas, que miden entre 5 e 10 centímetros, teñen unha textura cruxente e un sabor suave. Empréganse en alta cociña e acostuman vir envasadas en lata de países do sudeste asiático onde a man de obra é barata.
30.000 hectáreas en Francia e 10.000 en España
EEUU é o grande produtor e consumidor de millo doce no mundo (cultívanse máis de 230.000 hectáreas distribuídas polos 50 estados), pero é un produto que está a gañar mercado tamén en Europa. En Francia cultívanse 30.000 toneladas de millo doce, mentres que en España suman unhas 10.000, segundo os datos do Ministerio de Agricultura, aínda que as variacións climáticas provocan variacións na sementeira.
O millo doce é a segunda hortaliza máis popular en Estados Unidos
O mercado atópase moi concentrado, dominado por dúas grandes empresas transformadoras: Huercasa (Segovia) e Amarillo Corn (Sevilla). A primeira é líder europeo en produtos vexetais listos para consumir e é famosa polas súas mazorcas envasadas ao baleiro. Subminístrase sobre todo en Castela e León mediante contratos directos con agricultores da zona de Valladolid e Segovia.
No caso de Amarillo Corn, é o maior produtor de millo doce fresco e aproveita a climatoloxía favorable de Andalucía para obter dúas colleitas ao ano, en primavera e outono, orientando grande parte da súa produción á exportación a Europa.
O mercado atópase moi concentrado, don 2 empresas monopolizando a produción en España
Outra comunidade onde o millo doce está gañando terreo é Navarra, que produce o 50% do millo doce en lata que se consume en España. Este cultivo foi gañando terreo nos últimos 10 anos nos regadíos navarros até converterse na terceira hortaliza con maior extensión (2.300 hectáreas), situándose só por detrás do brócoli e o guisante verde. A extensión do regadío garante rendementos medios por hectárea duns 20.000 quilos.
O millo doce pode considerarse unha hortaliza máis ca un cereal e é esixente en canto ás condicións de cultivo (requisitos de solo e rego). Os produtores traballan habitualmente con contratos pechados coas fábricas, sabendo de antemán o prezo a cobrar (en torno aos 135 euros por tonelada).
Colléitase cun contido en humidade entre o 75 e o 77% e entre 13 e 16 grados brix
A recollida do millo faise normalmente pola noite, para manter os azucres e a frescura da mazorca, cun contido en humidade entre o 75 e o 77% e entre 13 e 16 grados brix de azucre. O procesado faise no momento, para que non perda esas características. En poucas horas, eses grans pasarán da espiga á lata, listos para botar na ensalada.
Flocos de millo

Outra posibilidade de cultivo en Galicia, máis sinxela que o millo doce, sería o millo para palomitas. A variante seleccionada é a EPS48, que produce unha mazorca de millo amarelo que unha vez sacados os grans do corozo pódense facer no microondas.
O millo para palomitas daríase en calquera lugar de Galicia, non así o millo doce, que necesita un lugar con boa temperatura e boas condicións de cultivo. “É moi doado de cultivar porque nace ben e é un millo moi sano ao que é moi raro que lle entre un fungo ou unha polilla”, asegura.
A facilidade de cultivo e de conservación xoga a favor do millo para palomitas
Unha vez recollido non require ningún tipo de procesamento, unicamente baixar a humidade até o 14% para garantir a súa conservación desde o 20% co que acostuma vir da terra e envasar os grans nun sobre apto para ir ao microondas. “O secado da espiga pódese lograr ben en secadoiro ou ben deixándoa nun sitio a cuberto e ventilado durante un tempo, como se facía tradicionalmente en Galicia nos hórreos. Desta maneira consegues unha humidade estable do 14% para poder envasar”, indica o investigador do CSIC.
A facilidade de cultivo e de conservación xoga a favor do millo para palomitas. Outra das diferenzas é de mercado. A demanda de millo doce, aínda que está medrando, é máis reducida, sobre todo para o consumo en fresco, mentres que “o mercado das palominas é evidente”, asegura Pedro.
Millo waxy

Unha terceira alternativa de alto valor engadido sería o millo waxy, que ten un maior aproveitamento dixestivo do amidón a respecto do millo convencional. Serviría tanto para alimentación humana como animal.
O waxy é un tipo de millo cuxo amidón está composto case ao 100% por amilopectina. A diferenza do millo normal, que ten unha mestura de dous tipos de amidón (25% de amilosa e 75% de amilopectina), o waxy non ten amilosa debido a un xen mutante especial.
Cultívase de xeito similar ao millo tradicional, pero o seu valor para usos industriais e alimentarios é máis elevado. Emprégase para espesar salsas e sopas, para iogures e papillas infantís ou na comida conxelada para evitar que os platos precociñados se volvan augados, xa que a amilopectina é unha molécula moi ramificada que retén moi ben a auga, evitando que os alimentos a solten ao desconxelarse. Tamén se emprega na industria de materiais, por exemplo, como pegamento natural para a fabricación de papel e cartón corrugado ou como adhesivo en pegamentos ecolóxicos.
O aproveitamento do amidón é case do 100%, logrando un aporte enerxético moi superior ao millo convencional
Os rendementos obtidos nos ensaios para gran levados a cabo nas fincas da Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra acadan as 9 toneladas por hectárea, fronte a 9,5- 9,9 dun millo equivalente sen a característica waxy. “Nos ensaios o mutante baixa lixeiramente o rendemento, pero non é significativo nin tería por que ser así”, defende Pedro.
Unha das utilidades deste tipo de millo son os suplementos para deportistas, ben en forma de fariña ou de barriñas enerxéticas. “A vantaxe é que a dixestión é mellor, cun aproveitamento case do 100%, cando nunha variedade normal a amilopectina, que é o amidón ramificado que se dixire ben, é unicamente o 75%”, detalla. Para alimentación animal, por exemplo, sería útil tamén en pensos para vacas de alta produción, que precisan un alto aporte de enerxía.



