Unha aplicación convida a descubrir o estado do solo na conca do Ulla
O proxecto europeo IMAGINE-SOIL combina ciencia cidadá, educación ambiental e creación visual para concienciar sobre a importancia da saúde dos terreos
Observar o que hai baixo os pés, comprender a importancia do solo e reflexionar sobre como pode evolucionar no futuro. Este é o obxectivo de IMAGINE-SOIL, unha iniciativa de educación ambiental e ciencia cidadá que se está a desenvolver na conca do río Ulla e que busca implicar tanto a centros educativos como ao conxunto da cidadanía na conservación deste recurso natural.
O proxecto propón unha experiencia participativa a través dunha aplicación web, dispoñible en app.imaginesoil.eu, que permite fotografar un solo ou unha paisaxe da contorna e responder cinco preguntas de observación. A partir das respostas, a ferramenta selecciona unha ilustración educativa que representa posibles escenarios de evolución do terreo.
A organización aclara que a aplicación non modifica a fotografía enviada nin produce unha imaxe nova de maneira instantánea. En realidade, escolle unha ilustración dun banco de recursos elaborado previamente con ferramentas de intelixencia artificial e validado polo equipo científico de AMABUL. Estas representacións teñen unha finalidade educativa e non constitúen predicións nin diagnósticos sobre o estado dun solo concreto.
A participación non require instalar ningún programa nin crear unha conta. As persoas interesadas só teñen que acceder á plataforma desde o navegador do teléfono móbil, realizar a fotografía e completar o cuestionario. As achegas poden compartirse ou autorizarse para a súa publicación, sempre baixo os criterios de privacidade establecidos pola iniciativa.
Un dos eixes centrais é o IMAGINE-SOIL Challenge, un reto colectivo aberto entre o 19 de outubro e o 30 de novembro que pretende alcanzar as 1.000 contribucións válidas. Poden participar tanto particulares como centros educativos, aínda que para o cómputo territorial só se contabilizan as observacións realizadas na conca do Ulla. Non se trata dun concurso fotográfico nin dunha competición entre participantes.
O proxecto incorpora tamén unha dimensión educativa, cun programa de 20 xornadas presenciais nos centros escolares. As sesións, duns 50 minutos, permiten ao alumnado observar a contorna, rexistrar información, interpretar as ilustracións e compartir conclusións sobre a importancia dos solos.
IMAGINE-SOIL está impulsado por AMABUL, Tesla Technologies & Software e VOGA, no marco da convocatoria aberta SOILSCAPE, financiada polo programa europeo Horizonte Europa. A iniciativa prevé completar a programación cunha exposición intermedia en novembro e co festival final ‘Imagine Your Soil’, previsto para o 26 de xaneiro de 2027.




