AGRI-RESVAL transforma residuos da agricultura vertical en antioxidantes naturais para conservar produtos pesqueiros

Os ensaios realizados apuntan ao potencial dos extractos da raíz da alfábega para reducir a oxidación lipídica do langostino conxelado e avanzar cara a unha conservación máis sostible dos produtos pesqueiros


O que ata hai pouco acababa no lixo pode converterse nun ingrediente de valor para a industria alimentaria. As raíces da alfábega, un subproduto do cultivo que habitualmente non se comercializa, concentran compostos con capacidade antioxidante que poderían contribuír a mellorar a conservación de produtos pesqueiros conxelados. Esa é unha das principais vías de traballo do Grupo Operativo AGRI-RESVAL, unha iniciativa que conecta a agricultura vertical, a investigación biotecnolóxica e a industria pesqueira galega arredor dun obxectivo común: avanzar cara a un modelo produtivo máis sostible mediante o aproveitamento de recursos que, ata agora, quedaban sen valorizar.

A iniciativa celebrou unha sesión na que se mostraron os avances realizados e os resultados das probas desenvolvidas durante o proxecto. O consorcio está integrado por Néboda Farms, empresa viguesa especializada en agricultura vertical e líder do proxecto; a Universidade de Vigo, a través do grupo de investigación AgroBioTech for Health; e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA). O Grupo Nueva Pescanova participa como entidade subcontratada, achegando a súa experiencia para validar a eficacia dos extractos en produtos pesqueiros.

Cun orzamento de 140.000 euros, financiado integramente mediante as axudas para proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea para a Innovación, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), AGRI-RESVAL busca establecer unha conexión entre dous sectores estratéxicos para Galicia: o agrícola e o pesqueiro.

Da agricultura vertical ao aproveitamento das raíces
O punto de partida atópase no modelo de produción de Néboda Farms. A empresa cultiva vexetais en instalacións interiores mediante sistemas de agricultura vertical, unha modalidade que permite controlar de maneira precisa as condicións ambientais nas que medran as plantas. A alfábega, un dos seus produtos destacados, converteuse tamén na materia prima coa que investigar novas posibilidades de aproveitamento dos subprodutos agrícolas.

Durante a presentación, Samuel López Novoa, responsable de I+D de Néboda Farms, explicou que a empresa produce e comercializa a parte aérea da planta, mentres que as raíces quedan fóra do circuíto comercial. A separación entre ambas as partes, facilitada por un sistema automatizado de corte, permite recoller as raíces sen mesturalas co substrato nin co resto da planta.

A agricultura vertical ofrece novas posibilidades para optimizar os recursos, aínda que a súa sustentabilidade tamén depende do consumo enerxético e das fontes empregadas para abastecer as instalacións

“Nós producimos, pero non vendemos a raíz. Entón temos que darlle saída a estes subprodutos”, expuxo López Novoa ao explicar a orixe da iniciativa. A pregunta que puxo en marcha a investigación foi se esas raíces, que ata agora se desbotaban, podían conter compostos de interese para outras industrias.

A resposta orientou o proxecto cara aos antioxidantes naturais. Estes compostos poden axudar a frear determinadas reaccións químicas responsables da deterioración dos alimentos e, polo tanto, converter un residuo vexetal nunha materia prima para elaborar ingredientes de maior valor engadido.

A proposta encaixa na filosofía de Néboda Farms, baseada nunha agricultura vertical eficiente e sostible. Segundo explicou o responsable de I+D, a compañía traballa cunha arquitectura produtiva que combina coñecemento científico, automatización, intelixencia artificial, visión artificial e capacidade de escalado industrial.

A empresa sinala que a optimización das condicións de cultivo lle permite incrementar a produtividade da alfábega desde os 25 ata os 80 quilogramos por metro cadrado ao ano. Trátase dun modelo no que factores como a iluminación, o rego ou a composición da solución nutritiva se poden axustar para mellorar o rendemento e as características do cultivo.

Os investigadores tamén observaron que determinadas condicións lumínicas poden modificar a resposta da planta

A agricultura vertical responde tamén a algúns dos retos que afronta o sector primario, que é o relevo xeracional, “xa que os episodios de seca e inundacións, e as dificultades para garantir a continuidade das explotación están sendo motivos para que a xente non se queira quedar”. Ao prescindir do solo agrícola convencional e controlar o ambiente de produción, estes sistemas ofrecen novas posibilidades para optimizar os recursos, aínda que a súa sustentabilidade tamén depende do consumo enerxético e das fontes empregadas para abastecer as instalacións.

Cultivar para obter máis antioxidantes
O aproveitamento das raíces non depende unicamente de que a planta medre máis, senón tamén de como se desenvolve e dos compostos que acumula nos seus tecidos. Por iso, unha parte fundamental do proxecto consistiu en estudar como as condicións de cultivo podían influír na produción de biomasa e no perfil de compostos antioxidantes da alfábega.

Néboda Farms realizou ensaios con alfábega xenovesa en tres módulos de cultivo sometidos a diferentes tratamentos. Entre os parámetros controlados figuraban o fotoperíodo, a intensidade e o espectro da luz e a condutividade eléctrica da solución nutritiva, relacionada coa concentración de sales disoltas.

O sistema de rega tamén desempeñou un papel relevante. A empresa empregou un método por inmersión no que as raíces colgan sobre unha bandexa que se inunda periodicamente e despois se baleira; “deste xeito xérase un estrés na planta, que cando volve a auga é máis eficiente captando os nutrientes. A auga volve de volta ao tanque, o que provoca un aforro de ata o 90 % de auga máis que o cultivo normal”.

Segundo os datos expostos na sesión, as condicións de cultivo tiveron efectos distintos sobre a produción de follas e raíces. Mentres o peso fresco foi relativamente semellante entre varios tratamentos, as diferenzas na biomasa radicular resultaron especialmente interesantes: algúns dos ensaios superaron o tres por cento de peso de raíz e o tratamento con mellor resultado chegou a duplicar o peso radicular do que obtivo o peor.

Os investigadores tamén observaron que determinadas condicións lumínicas poden modificar a resposta da planta. A hipótese é que a redución da luz percibida pode inducir cambios no desenvolvemento radicular. Estes resultados permiten seleccionar condicións de cultivo prometedoras para obter máis materia prima, aínda que a cantidade de raíces non determina por si soa a concentración nin a actividade dos antioxidantes que conteñen.

A oxidación lipídica, un reto para a conservación pesqueira
O seguinte paso consistiu en comprobar se os compostos extraídos da alfábega podían ter unha aplicación real na industria pesqueira. A encargada de presentar esta parte do traballo foi Sonia Losada, investigadora do grupo AgroBioTech for Health da Universidade de Vigo.

A súa exposición partiu dun dos grandes retos da conservación dos alimentos ricos en ácidos graxos poliinsaturados, entre eles os omega-3. Estes nutrientes, importantes para unha alimentación equilibrada, están presentes en peixes e mariscos e tamén se incorporan a outros produtos alimentarios enriquecidos.

O obxectivo non é só identificar compostos con actividade antioxidante, senón comprobar que funcionan nos alimentos sen modificar as súas propiedades organolépticas

Porén, a presenza destes lípidos fai que os alimentos sexan susceptibles á oxidación. Este proceso químico pode xerar compostos que alteran o sabor, o aroma e outras características sensoriais, ademais de reducir a calidade nutricional do produto. A aparición de cheiros e sabores desagradables acaba afectando á aceptación comercial dos alimentos.

A conxelación e o envasado ao baleiro axudan a ralentizar a deterioración, pero non eliminan completamente o risco de oxidación. Por iso, a industria recorre a diferentes estratexias de conservación, entre elas o emprego de antioxidantes que permitan frear estas reaccións.

AGRI-RESVAL céntrase na procura de alternativas de orixe natural a partir de residuos agrícolas. O obxectivo non é só identificar compostos con actividade antioxidante, senón comprobar que funcionan nos alimentos sen modificar as súas propiedades organolépticas.

Da extracción no laboratorio ás formulacións naturais
O equipo da Universidade de Vigo desenvolveu varias etapas de traballo. En primeiro lugar, preparou o material vexetal mediante liofilización, un proceso que permite retirar a auga para facilitar a conservación e o manexo das mostras. Posteriormente, deseñou protocolos para extraer os compostos bioactivos presentes nas follas, os talos e as raíces.

A extracción asistida por ultrasóns foi unha das técnicas utilizadas. Neste procedemento, as ondas ultrasónicas favorecen a liberación de determinados compostos da matriz vexetal. O equipo empregou disolucións acuosas como medio extractante e realizou comparacións con disolucións alcohólicas, ademais de estudar a relación entre a cantidade de material vexetal e o volume de disolvente.

A optimización destas condicións é esencial: non todas as combinacións permiten obter o mesmo rendemento nin a mesma composición. O propósito era conseguir extractos cunha elevada capacidade antioxidante mediante un procedemento sinxelo, sostible e transferible á industria.

Unha vez obtidos, os extractos foron caracterizados para determinar o seu contido en compostos fenólicos, un grupo de substancias vexetais ao que pertencen numerosos antioxidantes. Os resultados presentados indicaron que o perfil polifenólico variaba segundo a parte da planta empregada, cun especial interese nas raíces como fonte de compostos bioactivos.

A investigación avanzou tamén na identificación dos compoñentes presentes nos extractos e na determinación da súa capacidade antioxidante. Entre as substancias de interese destacou o ácido rosmarínico, un composto fenólico cuxo potencial para reforzar a actividade antioxidante das formulacións foi obxecto de avaliación.

A partir destes avances, o equipo formulou extractos destinados a probar a súa eficacia na conservación do langostino cocido conxelado. As mostras someteronse a un tratamento de inmersión nos preparados e mantivéronse en condicións de conxelación. Durante o almacenamento realizáronse análises periódicas dos produtos primarios da oxidación lipídica para observar a evolución do proceso.

O seguinte reto será consolidar estes resultados, ampliar a validación das formulacións e determinar as condicións nas que a súa aplicación pode resultar máis eficaz

Os resultados comunicados pola Universidade de Vigo mostraron unha menor formación de peróxidos nas mostras tratadas cos extractos vexetais e co ácido rosmarínico durante o período de conservación estudado. Estes datos apuntan a que os extractos poden contribuír a controlar a oxidación e que o enriquecemento en ácido rosmarínico podería reforzar ese potencial.

A validación industrial, o paso decisivo
Para que unha solución desenvolvida no laboratorio poida chegar ao mercado, cómpre comprobar que mantén a súa eficacia en condicións máis próximas ás da produción industrial. Esa foi a tarefa de Grupo Nueva Pescanova, representado na sesión por Dalva Martínez Alonso, responsable de I+D da área de crustáceos.

O seu equipo recibiu as mostras preparadas durante a fase experimental para avaliar a capacidade antioxidante das formulacións en produtos pesqueiros conxelados. O traballo desenvolveuse en dúas etapas, con ensaios iniciados en 2025 e unha nova fase de validación durante 2026.

A responsable de I+D subliñou así a importancia de contrastar os resultados obtidos no laboratorio cunha avaliación aplicada aos produtos pesqueiros. Esta fase resulta determinante para establecer se as formulacións poden ofrecer un comportamento suficientemente estable durante a conservación.

Cómpre precisar, porén, que a resposta favorable das mostras tratadas con ácido rosmarínico non equivale, por si soa, a demostrar que todas as formulacións vexetais presentan a mesma eficacia nin que poden substituír xa os antioxidantes empregados pola industria. A validación debe atender ás diferentes formulacións, ao tempo de conservación e á ausencia de cambios indesexados no sabor, no aroma e no resto das características do produto.

Converter os residuos en recursos
A xornada de AGRI-RESVAL serviu para reunir os avances acadados nas distintas fases: a optimización do cultivo vertical, a selección da materia prima vexetal, o desenvolvemento dun método de extracción, a caracterización dos compostos bioactivos e as probas de aplicación no langostino conxelado.

O seguinte reto será consolidar estes resultados, ampliar a validación das formulacións e determinar as condicións nas que a súa aplicación pode resultar máis eficaz. Tamén será necesario avaliar a viabilidade técnica e económica da súa incorporación aos procesos industriais e estudar a súa posible utilización noutros produtos alimentarios.

A iniciativa exemplifica, en definitiva, como a colaboración entre empresas e centros de investigación pode abrir novas vías para aproveitar mellor os recursos. As raíces que antes se descartaban poderían converterse nun ingrediente de interese para a conservación pesqueira, mentres a agricultura vertical achega unha materia prima obtida mediante sistemas de cultivo controlados.

O evento estivo coordinado por Gabriel Santos, xestor de proxectos de FEUGA, entidade encargada de organizar a xornada de peche. Durante a sesión, puxo en valor o papel da fundación no desenvolvemento do proxecto e no acompañamento das iniciativas de innovación, así como na conexión entre o coñecemento científico e o tecido empresarial para facilitar a transferencia de solucións innovadoras ao sector agroalimentario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *