Xornada final do Grupo Operativo Avea Moura en Pontevedra

O mércores, 23 de setembro, terá lugar a xornada de peche do Grupo Operativo Avea Moura

O mércores, 23 de setembro, terá lugar a xornada de peche do Grupo Operativo Avea Moura para presentar os principais resultados agronómicos acadados en tres anos de investigación. O evento será na sede da Misión Biológica de Galicia – CSIC Galicia, en Pontevedra, coa asistencia de todo o consorcio.

📆 Mércores, 23 setembro 2026

⌚ 10:30 a 13:00h

📍 Sede da Misión Biológica de Galicia-CSIC, Pontevedra [Ver como chegar en Google Maps]

👥 50 prazas

💶 Asistencia de balde previa inscrición ⤵️
Formulario de inscrición

Durante o encontro, tamén poñeremos en valor o potencial da avea moura como cultivo tradicional recuperado, materia prima diferenciada e base para novos produtos alimentarios e cosméticos con valor funcional, favorecendo a súa transferencia ao sector produtivo, transformador e consumidor.

Os asistentes poderán ver os prototipos desenvolvidos nas liñas de fermentados, cosmética e panificación e abrirase un espazo de diálogo sobre as posibilidades futuras deste cultivo en Galicia.

Ademais, todas as persoas que queiran colaborar, poderán levar semente de avea moura galega (Avena Strigosa) para participar nunha nova plantación experimental. (Debe indicarse no formulario de inscrición.)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *