A investigación do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia define as estratexias de multiplicación para achegar once variedades autóctonas ao sector produtivo
Xa se transferiu material vexetal aos viveiros e agora, na seguinte fase, vaise facer o escalado industrial de ambas as metodoloxías; nos próximos dous anos haberá máis planta dispoñible.
Non existe unha única fórmula para multiplicar as variedades autóctonas de oliveira recuperadas en Galicia. Esta é unha das principais conclusións do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia, que esta mañá presentou na sede da Fundación Juana de Vega os resultados de tres anos de investigación aplicada, para superar un dos principais obstáculos para o desenvolvemento deste cultivo: producir planta en cantidade suficiente para facilitar a súa transferencia ao sector.
Ao evento desta mañá acudiron representantes do consorcio integrado pola Fundación Juana de Vega, a Misión Biológica de Galicia (MBG-CSIC), as empresas Ouro de Quiroga e Olivar Concordia, Cultigar e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), que participa como socio cooperante, así como unha ampla representación de particulares e profesionais do sector hortícola.
Entre 2023 e 2026, este proxecto de innovación traballou en paralelo na multiplicación de once variedades autóctonas previamente identificadas —Brava Gallega, Brétema, Carapucho, Carmeliña, Folgueira, Hedreira, Mansa Gallega, Maruxiña, Susiña, Xoana e Santiagueira— mediante dúas vías complementarias. Por un lado, a reprodución por estaca clásica, desenvolvida pola Misión Biológica de Galicia (MBG-CSIC), e polo outro, a micropropagación in vitro a cargo do laboratorio de biotecnoloxía Cultigar.
Dúas técnicas que se complementan segundo a variedade
Os resultados demostran que a capacidade de multiplicación está fortemente condicionada pola variedade e, no caso da reprodución por estaca, tamén pola época na que se realiza a recollida de material vexetal nas plantas nai. Nos ensaios coas once variedades, o enraizamento medio mediante estacas semileñosas pasou do 19% en inverno-primavera ao 61% en verán-outono, mentres que a supervivencia aumentou do 51% ao 73% respectivamente.
Neste ensaio, Carapucho, Susiña e Brétema alcanzaron entre un 86% e un 100% de enraizamento na época de verán-outono, mostrando unha elevada aptitude para este sistema de multiplicación. Folgueira, Hedreira, Mansa Gallega e Brava Gallega situáronse entre o 55 e o 68%, mentres que Carmeliña e Maruxiña quedaron por baixo do 45%. Santiagueira e Xoana, pola súa parte, mostraron unha maior dificultade de enraizamento mediante estaca.
Precisamente estas diferenzas explican a importancia de ter desenvolvido en paralelo unha segunda vía de multiplicación. O proxecto tamén conseguiu establecer protocolos de micropropagación in vitro para as once variedades estudadas. Carapucho, Susiña, Mansa Gallega, Brava Gallega e Santiagueira acadaron unha media aproximada de 2,5 brotes por explanto en ciclos de cultivo de 30 a 40 días. Mentres, Folgueira, Carmeliña, Hedreira, Maruxiña, Brétema e Xoana situáronse arredor dos 2 brotes por explanto e ciclo.
Dentro deste segundo grupo, Maruxiña, Xoana e Brétema mostraron maiores esixencias durante o cultivo, polo que existe aínda marxe para seguir optimizando os medios utilizados no laboratorio.
Un dos datos máis relevantes in vitro é que, malia estas diferenzas na velocidade de multiplicación, as once variedades propagadas mediante esta técnica alcanzaron entre un 90 e o 100% de enraizamento e supervivencia en invernadoiro.
Os ensaios confirman así que ambas técnicas, estaca clásica e in vitro, son complementarias e permiten deseñar unha estratexia específica para cada variedade.
En próximas semanas, está prevista a transferencia aos viveiros dun protocolo técnico para a multiplicación por estaca, que xa foi publicado na revista científica “Plants”. Ademais, xa se transferiu material vexetal aos viveiros e nunha seguinte fase, vaise facer o escalado industrial de ambas as metodoloxías: “nos próximos dous anos haberá máis planta dispoñible”, avanzaron desde o consorcio do Grupo Operativo.

Do laboratorio ao campo de cultivo
Hai que recordar que este Grupo Operativo incorporou desde o inicio aos produtores. Unha vez superada a fase de propagación e aclimatación en invernadoiro, as plantas foron trasladadas a parcelas experimentais en Pontevedra, na sede da MBG, e á Pobra do Brollón (Lugo), propiedade da Xunta de Galicia. Estes son dous territorios con condicións ambientais diferentes nos que se está estudando o seu comportamento agronómico.
Ao mesmo tempo, este material comparouse co existente en plantacións consolidadas de Olivar Concordia, en Valga (Pontevedra), onde hai exemplares dalgunhas variedades autóctonas, transferidas pola MBG-CSIC hai más de 6 anos. Tamén se comparou con exemplares centenarios de oliveiras autóctonas nas parcelas de Ouro de Quiroga, na Ribeira Sacra. A participación directa destes produtores, que son socios do proxecto, permite avaliar as plantas en condicións reais e orientar a investigación cara ás necesidades prácticas da olivicultura galega con variedades autóctonas.
Espérase que os avances do GO Oliveiras de Galicia marquen un salto tecnolóxico na obtención de plantas enraizadas, xa que a finalidade última desta investigación foi máis aló de conservar unhas variedades singulares únicas no mundo. “O desenvolvemento de sistemas eficaces de multiplicación a grande escala permite avanzar cara á recuperación produtiva dun cultivo adaptado ás condicións de Galicia e crear novas oportunidades e cadeas de valor arredor dun patrimonio xenético propio”, valoraba Alfonso Ribas, director de Investigación e Innovación da Fundación Juana de Vega.

2027 a futuro
A consolidación da información sobre o comportamento das once variedades en diferentes condicións edafoclimáticas será, precisamente, unha das liñas que deberá continuar máis alá do remate do Grupo Operativo para continuar estudando o seu futuro produtivo e, incluso, o desenvolvemento dunha DOP de aceite de Galicia. Neste sentido, Carmen Martínez, investigadora da Misión Biolóxica de Galicia e coordinadora científica deste Grupo Operativo, apuntaba que a “publicación na revista “Plants” dálle gran valor científico ao traballo realizado, pero tamén é un valor engadido para as variedades autóctonas de Galicia. Faraas aínda máis coñecidas nos foros científicos e isto abrirá portas por exemplo á hora de crear unha DOP Aceites de Galicia e outras cuestións de tipo legal de grande interese”.
A combinación de conservación, investigación aplicada, experimentación en campo e participación directa dos produtores abre a porta agora á diversificación da produción agraria, á recuperación de terras e á creación dunha cadea de valor diferenciada ligada ao territorio.
Ao mesmo tempo, a experiencia do Grupo Oliveiras de Galicia amosa como a investigación sobre recursos xenéticos locais pode transformarse en innovación agraria e ofrece un modelo potencialmente transferible a outras zonas que buscan recuperar variedades tradicionais e convertelas novamente en recursos produtivos.
Segundo o anuario de Estatística 2024 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), os datos oficiais dan aínda un peso moi pequeno -como é lóxico- de Galicia sobre España en produción de olivas: 309 hectáreas e 381 toneladas, arredor do 0,01% do total, estatal tanto en superficie como en produción. Por provincias, Lugo concentra o 72,82% da superficie e o 70,60% da produción contabilizada polo MAPA. Este é un dato que, probablemente, convén situar no contexto do desenvolvemento relativamente recente de novas plantacións de oliveira na nosa comunidade.
Historia: unha investigación activa desde 2012
Oliveiras de Galicia representa unha nova fase dunha investigación que comezou hai xa 14 anos cando en 2012, o grupo Viticultura, Oliveira e Rosa (VIOR) da Misión Biológica de Galicia (CSIC) empezou a traballar na localización, identificación, caracterización e conservación de oliveiras autóctonas por toda Galicia. A investigación permitiu localizar máis de 160 exemplares de árbores centenarios e identificar unha vintena de variedades autóctonas. En paralelo, na sede da MBG-CSIC en Pontevedra creouse un banco de xermoplasma vivo para conservación deste material vexetal.
Entre 2017 e 2023, a Fundación Juana de Vega apoiou esta liña de investigación cuns 350.000 euros de fondos propios, contribuíndo á conservación e valorización deste patrimonio vexetal.
Outros fitos importantes
Outros fitos acadados nestes 14 anos foron o Rexistro de Brava Gallega e Mansa Gallega na Lista de Conservación (23/10/2017). Tamén se iniciou o rexistro na Lista de variedades comerciais das 11 variedades autóctonas, achegando análisis de ADN e descripción botánica, segundo ensaios DUE Olea Europaea (Oficina Comunitaria de Variedades Vexetais – OCVV). Tres das 11 variedades xa finalizaron este proceso de rexistro hai casi dous anos (Carapucho, Carmeliña e Maruxiña, BOE 17/12/2024), e dous delas hai nove meses (Mansa Gallega e Brétema, BOE 10/12/2025), quedando integradas na Lista de Variedades Comerciais. A partir dese momento, abriuse a posibilidade de plantalas e comercializar o seu aceite, aparecendo o seus nomes nas etiquetas das botellas.
En outono de 2025, no marco do Grupo Operativo, realizáronse elaboracións experimentais de aceite a pequena escala dalgunha variedade autóctona. Na campaña de 2026, espérase dispoñer de oliva suficiente para poder ampliar estes estudos.
Máis recentemente, en xuño pasado, o consorcio do Grupo Operativo foi anfitrión dunha visita de estudo da Rede PAC da Unión Europea sobre “Recursos xenéticos vexetais” organizada pola Asociación Europea para a Innovación (AEI-Agri) en materia de produtividade e sostibilidade agrícolas para presentarlle o seu traballo.
Cata de aceites galegos e plantación simbólica da oliveira Xoana
A xornada final celebrada hoxe en Oleiros completouse cunha cata comentada de aceites galegos dirixida polo IES O Ribeiro e coa plantación na sede da Fundación Juana de Vega dun exemplar da variedade Xoana, denominada así en homenaxe a Juana de Vega, á filántropa que dá nome á institución.
Sobre o Grupo Operativo Oliveiras de Galicia
O Grupo Operativo Oliveiras de Galicia está financiado con 179.652,68 euros no marco da convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027.



