Agrobiodiversity Summer School, unha acción formativa sobre a sustentabilidade dos sistemas alimentarios
O grupo de investigación da USC Histagra organiza esta actividade celebrada no CISPAC

Manuel González de Molina, coordinador do Laboratorio de Historia de los Agroecosistemas (Universidad Pablo de Olavide)
Do 3 ao 13 de setembro tivo lugar en Santiago de Compostela, nas instalacións do CISPAC na Cidade da Cultura, unha nova edición da Agrobiodiversity Summer School, un curso de formación internacional centrado na agrobiodiversidade e na sustentabilidade dos sistemas alimentarios que conta con case 30 participantes procedentes de oito países.
A iniciativa está impulsada polo Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), en colaboración co grupo de investigación Geography of Food da Zurich University of Applied Sciences (ZHAW) e o Research Institute of Organic Agriculture (FiBL), e conta con financiamento da Stiftung Mercator Schweiz. “Estamos falando dunha das institucións máis destacadas a nivel internacional de agricultura ecolóxica, polo que é unha gran oportunidade de dar a coñecer o que se está facendo no noso territorio, de poñer Galicia no foco internacional”, sinala David Soto Fernández, membro de Histagra e un dos organizadores.
Esta é a primeira ocasión na que esta acreditada formación repite o seu emprazamento, xa que o CISPAC foi tamén institución coorganizadora e sede da edición que tivo lugar en 2022. Lourenzo Fernández Prieto, David Soto Fernández ou Stefania Barca, membros do grupo de investigación Histagra da USC e do CISPAC, forman parte do equipo organizador e do profesorado da escola xunto con persoal investigador da ZHAW, do FiBL, da Universidade da Coruña ou da Universidad Pablo de Olavide, e destacan que o motivo de repetir o emprazamento probablemente se deba ao alto nivel de satisfacción que obtiveron no 2022 por parte dos participantes e organizadores, así como ao alto nivel de interese que mostra Galicia na materia agroecolóxica.
Programa
O alumnado, principalmente de mestrado e con ámbitos de formación moi diversos —ciencias ambientais e humanas, agronomía, sistemas alimentarios, estudos rurais e da sustentabilidade, entre outros—, vén de realizar nos últimos meses unha fase preparatoria de cara á formación presencial que agora comeza. As persoas participantes asistirán a unha serie de sesións formativas e realizarán traballo de campo con actores locais en diferentes puntos de Galicia, cun enfoque de aprendizaxe aplicada, colaborativa e situada. Desde unha mirada interdisciplinaria, a escola de verán busca fomentar o intercambio internacional e alimentar a discusión e o pensamento crítico respecto aos retos sociais e ambientais que presentan as paisaxes, o territorio e os sistemas de produción e consumo.
O programa compaxina clases e sesións de traballo en grupo cunha serie de visitas a experiencias de interese: o proxecto de horta e inclusión social de Entrelampo (Santiago de Compostela), o modelo multifuncional de Granxas de Lousada (Irixoa), a empresa vitivinícola de capital familiar Terra de Asorei (Meis), a agrupación de marisqueo a pé de Muros, a comunidade de montes de Baroña (O Porto do Son) ou a explotación láctea de Casa Bértolo (Friol). Estas experiencias cobren distintos aspectos en termos produtivos e ambientais, pero tamén sociais, xa que se trata de pequenas explotacións familiares, proxectos cooperativos e mesmo montes veciñais en man común. Nestas visitas, o alumnado divídese en 6 grupos e tras tomar datos e entrevistar aos responsables destas empresas, remítelles un documento cunha análise completa e conclusións das súas actividades. O idioma vehicular é o inglés pero estes documentos entréganse todos traducidos ao galego.
“Para poder realizar esta Summer School estivemos un ano planificando o programa, visitando e elixindo as explotacións, recollendo información previa para darlla ao alumnado… Ten certa complexidade. A maioría son experiencias coas que levamos tempo en contacto”, sinala David Soto Fernández.
A diversidade dos agroecosistemas e a riqueza dos saberes históricos que contribúen a explicala, así como as problemáticas sociais e ambientais que ameazan esa diversidade, son algunhas das liñas de traballo que ocupan un lugar central na axenda científica do CISPAC. Estes aspectos, xunto coa singularidade das interaccións entre o ser humano e a natureza que caracterizan o territorio, fan de Galicia un laboratorio moi apropiado para a formación sobre agrobiodiversidade e para a exploración de novas vías para a sustentabilidade a escala global.

Xurxo, Concha e Irea, durante a visita á explotación de Casa Bértolo (Friol), onde producen leite e queixos certificados en ecolóxico.

Visita á vendima en Terras de Asorei, adega do Salnés constituída a partir da unión de varias familias adicadas á viticultura.

Estudantes da escola de verán nunha das actividades realizadas no CISPAC.

Lourenzo Fernández Prieto, IP do grupo de investigación Histagra (USC) e director cientifico do CISPAC, parte do equipo organizador da escola de verán.

Bernadette Oehen, investigadora do Research Institute of Organic Agriculture (FiBL) e parte do equipo organizador da escola de verán.

Estudantes da escola de verán durante o traballo de grupo no CISPAC.

Foto de grupo con Sergio Boado tras a visita a Granxas de Lousada (Irixoa), unha explotación ecolóxica de carácter multifuncional.



