O mentraste, unha ferramenta natural para o control de malezas
Investigadoras da Universidade de Vigo estudaron o mentraste como biomasa alelopática para o control de malezas que se pode aplicar a agricultura ecolóxica e convencional
Nuria Pedrol, María Pardo-Muras e Carolina González Puig, membros do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo, abordaron o estudo ‘Mentha suaveolens (mentraste) como biomasa alelopática para o control de malezas: perfí de compostos fenólicos, ácidos orgánicos e compuestos orgánicos volátiles’. A finalidade era achegar ferramentas eficientes para o control de malezas en agricultura ecolóxica, onde se exclúe por completo o uso de herbicidas de sínteses. Tamén ofrecen outras alternativas para a agricultura convencional, para así lograr ferramentas complementarias para unha produción agrícola de calidade, sostible e saudable, ademais de respectuosa co medio ambiente.
Hai máis de 15 anos que empezaron a estudar o uso de biomasa alelopática como herbicida natural en agricultura. “O noso estudo baséase no fenómeno da alelopatía, que se define como o efecto positivo ou negativo que exerce unha planta sobre outra(s) e que está mediado pola produción e liberación de substancias químicas (aleloquímicos) á súa contorna”, explican as investigadoras. Nos sistemas agroforestais da Península Ibérica, existe unha enorme variedade de plantas silvestres, biomasa e co-produtos forestais, que teñen potencial para converterse en ferramentas apropiadas para o control de malezas.
Nun primeiro experimento incorporaron ao solo o mentraste a distintas doses e sementamos sementes de millo xunto con diferentes variedades de malezas
Mediante a incorporación ao solo dun abono verde (entendendo por abono verde ‘calquera clase de vexetación, xa sexa espontánea ou cultivada, que nun momento concreto do seu desenvolvemento é cortada e incorporada ao solo do campo agrícola) conséguese mellorar as propiedades físicas do solo, e enriquécese de nutrientes e materia orgánica. Se, ademais, se usa biomasa alelopática, ao mesmo tempo que se mellora a calidade do solo, libérase un auténtico “cóctel” de aleloquímicos capaz de controlar as malezas. “Todo isto levounos a propoñer o uso de biomasa como potencial herbicida procedente de especies alelopáticas dispoñibles no agroecosistema sen necesidade de cultivalas, optimizando así o rendemento agrícola e facilitando a reciclaxe de nutrientes”. Deste xeito, a necesidade corrente do control de malezas en agricultura aténdese mediante a utilización de recursos agroforestais abundantes e accesibles sen ocupar tempo nin espazo na folla de cultivos.
Traballos realizados co mentraste
Neste estudo concreto, empregan o mentraste como biomasa alelopática para o control de malezas mediante dous experimentos en maceta en condicións de invernadoiro. “Avaliamos os seus efectos sobre a xerminación, establecemento e crecemento do millo e das súas especies de malezas asociadas, a duración dos seus efectos herbicidas sobre as malezas, a resiliencia no solo, e a composición dos aleloquímicos presentes no mentraste potencialmente responsables da actividade herbicida”. Recolleron o mentraste cando estaba en flor, secárono a temperatura ambiente e en escuridade e, finalmente, triturárono. No primeiro experimento, incorporaron ao solo o mentraste a distintas doses do 1 % e 2 %, e sementamos sementes de millo e das malezas dicotiledóneas correhuela (Convolvulus arvensis), bledo (Amaranthus retroflexus), herba moura (Solanum nigrum), e verdolaga (Portulaca oleracea), e as monocotiledóneas cola de cabalo (Echinochloa crus-galli) e millá (Digitaria sanguinalis). Aos 30 días observaron que o mentraste inhibira totalmente a xerminación do bledo e da herba moura e por tanto non houbo emerxencia. Tamén reducira o crecemento das malezas monocotiledóneas en comparación coas macetas control sen mentraste.
No segundo experimento, sementaron millo, bledo e cola de cabalo no chan con mentraste a distintos tempos para ver a duración do efecto. “Tamén observamos inhibición total da xerminación e crecemento do bledo durante todo o experimento”, destacan. Pola contra, o mentraste aumentou o rendemento do millo e mellorou as propiedades do solo en comparación co solo sen achega desta biomasa alelopática.
A escolla do mentraste para o control de malezas
O mentraste é unha especie que se distribúe por toda a zona mediterránea de Europa, Norte de África e en países con clima tépedo do hemisferio sur. Aquí en Galicia, pódese atopar abundantemente en ribeiras, camiños, formando parte da flora espontánea que rodea os campos de cultivo e as instalacións de invernadoiros para a produción agrícola. Pero só con isto non chega, tamén ten que mostrar actividade alelopática, ou na súa falta, algunha actividade biolóxica. Existen evidencias científicas de que a especis Mentha suaveolens ten propiedades insecticidas e de que contén substancias químicas capaces de inhibir a xerminación e/o crecemento doutras plantas. “Por todo iso, o mentraste pareceunos unha especie prometedora para o seu uso como insumo bioherbicida natural aplicado como abono verde. Con este estudo demóstrase por primeira vez que a biomasa de mentraste incorporada ao solo ten actividade herbicida.
Durante a investigación observaron un aumento do rendemento do millo nas macetas con mentraste
Ata o momento, ademais do millo, fixeron experimentos en invernadoiros de produción ecolóxica con cultivos hortícolas coma o nabo, a cebola, os amorodos e a xudía, nestes casos resultando inocua. “Obviamente, é interesante ampliar o estudo noutros cultivos”, inciden.
Efectos secundarios
Neste estudo, observouse unha diminución da biomasa aérea do millo, aínda que non foi estatisticamente significativa con respecto ás macetas control sen mentraste. De feito, tendo en conta a gran redución das malezas, observouse un aumento do rendemento do millo nas macetas con mentraste. De todos os xeitos, para mitigar este efecto negativo inicial sobre o cultivo, propúxose establecer un período de seguridade para a siembra do cultivo duns 21 días tras a incorporación da biomasa alelopática ao solo. Desta forma, o millo sortearía esa maior liberación de aleloquímicos que se produce nos primeiros días de descomposición do mentraste no solo, e a súa xerminación non se vería afectada, mentres que si se inhibiría a xerminación das sementes de malezas. Trátase dunha combinación de uso de biomasa alelopática con falsa sementa, de modo que na preparación do leito de sementa do cultivo controlaríanse tamén as escasas malas herbas que conseguisen emerxer.
Próximos proxectos
Tamén froito desta investigación, ademais da publicación de artigos científicos, comunicacións en congresos e outros artigos de divulgación, desenvolveron 2 patentes. A primeira céntrase na idea do uso de biomasa como herbicida natural (Patente ES2719451 B2). E a segunda, está relacionada co produto bioherbicida final. “Estamos á espera do exame substantivo e concesión definitiva desta última, por iso non podemos dar máis detalles polo momento”, indican. As investigadoras son as autoras das patentes, aínda que a titularidade é da Universidade de Vigo.
Como puntualización, as investigadoras indican que os experimentos de invernadoiro leváronse a cabo na Universidade de Vigo e en colaboración co grupo de investigación REQUIMTE/LAQV da Universidade de Porto (Portugal) para a análise dos perfís dos compostos aleloquímicos. Esta investigación foi financiada a través de distintos proxectos outorgados polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Retos da Sociedade PID2019-111253RB-I00), e polo MCIN/Agencia Europea de Innovación e con fondos da Union Europea NextGenerationEU/PRTR (Proba de Concepto PDC2022-133375-I00).