A agricultura ecolóxica repercute nun maior valor nutricional dos alimentos

Dolores Raigón, catedrática da Universitat Politècnica de València, sinala que a agricultura ecolóxica, orgánica ou biolóxica está a experimentar unha gran capacidade de expansión


Durante as XXXV Xornadas Luis Asorey, centráronse no valor nutricional dos alimentos ecolóxicos, da man da enxeñeira agrónoma Dolores Raigón, catedrática da Universitat Politècnica de València e experta en nutrición personalizada e colectiva, ademais de presidir Sociedad Española de Agricultura Ecológica. Na actualidade forma parte do consello asesor do Centro Mundial para a Alimentación Sostible e é membro do Comité de Expertos para a Produción Ecolóxica da Unión Europea. As súas investigacións teñen demostrado a relevancia da produción ecolóxica no fomento da biodiversidade, a calidade alimentaria e a sostibilidade.

A experta sinala que a agricultura ecolóxica, orgánica ou biolóxica está a experimentar unha gran capacidade de expansión. “As principais motivacións que as persoas agricultoras e gandeiras teñen cara o cambio do modelo produtivo industrial a ecolóxico, é a concienciación cara un sistema máis respectuoso e que permita legar os recursos e asegurar un medio tanto ou máis produtivo coma o que recibiron dos seus antepasados”.

A investigadora indica que a existencia dunha maior conciencia ecolóxica por parte dos consumidores, que recoñecen o impacto da agricultura convencional e os beneficios da agricultura ecolóxica sobre o ecosistema e a biodiversidade, inflúe no crecemento do consumo deste tipo de alimentos. Non obstante, asegura que a saúde é “sin duda” o factor que máis repercute á hora de adquirir e consumir estes produtos.

Raigón explica que “nos acostumamos a escoitar termos e valores de contidos nutricionais nos alimentos, aceptando como normal o excepcional, xa que os valores de contidos se mostran de forma absoluta e nun formato altamente calórico do alimento, como consecuencia do desequilibrio e a mala composición dos solos”.

A investigadora pon de relevo que poder establecer diferenzas, baseadas no rigor científico, onde se establece a influencia do sistema de produción ecolóxico na maior densidade nutricional, pode condicionar o aumento do consumo de alimentos ecolóxicos, dos que destaca que se obteñen “de forma respectuosa e sostible”.

Xornadas Luis Asorey
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago, teñen en marcha as XXXV Xornadas Luis Asorey. Esta edición versa sobre a importancia da alimentación, o medio ambiente e a saúde; a través dunha serie de conferencias gratuítas. O ciclo conclúe este xoves, 28 de novembro, cun encontro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago.

Comments are closed.