A Axencia Galega da Calidade Alimentaria participa en ata 16 proxectos de investigación europeos

A Xunta iniciou potentes iniciativas comunitarias enfocadas a eixos estratéxicos coma o lácteo, a carne, o forestal ou o viño, entre os que está un dos principais, AgriFoodTEF


A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, participa en ata 16 proxectos de investigación europeos iniciados no período 2019-2024, nun informe que foi avaliado na reunión semanal do Consello. Neste sentido, a Axencia está á vangarda en todo tipo de iniciativas de colaboración con entidades punteiras a nivel europeo en ámbitos fundamentais para sectores coma o lácteo, o da produción de carne, o forestal ou o vitivinícola. Esta participación busca potenciar a investigación no eido agroforestal, un dos piares da economía galega.

Nestes momentos, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria está presente en nove destes proxectos europeos con vixencia ata 2027, ademais de ter rematado outros sete nos últimos cinco anos. O principal proxecto en que hoxe está inmersa a Axencia é AgriFoodTEF-Test and Experimentation Facilities for the Agri-Food Domain, cun orzamento para Agacal de case 890.000 euros dos 60 millóns con que contan en total as 35 entidades participantes de nove países europeos. Nesta iniciativa de innovación, que comezou en 2023 e ten data de remate en 2027, trabállase nunha rede de infraestruturas de proba e validación en Europa que apoia as empresas tecnolóxicas agroalimentarias para desenvolver, preto delas, produtos con solucións de intelixencia artificial e robótica en sistemas de produción reais.

A Xunta foi beneficiaria de 3,34 millóns para desenvolver uns traballos que favorecen a transferencia de coñecementos a eidos produtivos

O obxectivo xeral desta iniciativa é pechar a fenda entre a excelente investigación nestes campos e os produtos reais que apoian unha agricultura eficiente e sustentable, ao mesmo tempo que cumpran os estritos requisitos económicos e de empregabilidade dos seus usuarios finais. A Axencia, a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, en colaboración con Gradiant e DataLife é o núcleo da parte galega coa posta en marcha de servizos orientados á produción láctea a través de, por exemplo, a alimentación de precisión ou da medición de gases de efecto invernadoiro.

Iniciativas activas
Outro dos proxectos destacados é Life Silfore-Towards the conservation and management of resilient agroforestry systems through silvopastoralism, cun orzamento de 325.000 euros e que se levará a cabo ata o ano 2027. Busca potenciar prácticas silvopastorais, coma o control da biomasa pirofítica, que poden converterse nunha oportunidade para que os propietarios da terra manteñan a rendibilidade das plantacións, ao mesmo tempo que se diversifica a súa economía, conduce á conservación da biodiversidade que garante a multifuncionalidade dos bosques e mellora a provisión de bens e servizos.

Tamén están inmersos na iniciativa Life Carbon Farming, que conta cun orzamento total de 6,6 millóns de euros. O principal obxectivo deste proxecto é reducir a pegada de carbono dos produtos agrícolas nun 15 % nun prazo de seis anos. Baséase no financiamento de carbono, que xoga un papel fundamental para incentivar e ampliar as iniciativas de baixa emisión de carbono.

Así mesmo, destacan iniciativas como Climate Neutral Farms, centrado en reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro; Nutritive, enfocada en desenvolver unha ferramenta de toma de decisións para definir as estratexias máis eficientes en xestión do esterco; Exportplus, concibido como un sistema de apoio á internacionalización das pemes agroalimentarias; Reinforce 2, que achegará solucións para anticipar os efectos do cambio climático nos bosques costeiros; ou a iniciativa Cooptree, que avanza na procura da cooperación para a conservación e resiliencia dos bosques do sueste europeo.

Dous dos proxectos nos que participou a Axencia e que xa remataron foron Dairy4Future e SmartAgriHubs

Este ano está previsto que finalice ForManRisk – Forest Management and Natural Risks, un proxecto que fomenta a organización de eventos de formación e intercambio de experiencias co desenvolvemento de novas ferramentas de xestión de riscos ao tempo que optimiza a concienciación territorial dos interesados e cataliza a multiplicación de novos estándares de xestión no espazo de colaboración.

Proxectos rematados
Sobre os proxectos xa rematados está Dairy4Future-Propagating innovations for more resilient dairy farming in Atlantic Area, que foi apoiado con 330.000 euros para a Axencia e rematou en 2019. Enfocouse ao sector lácteo, dirixido a produtores, industria, distribución e consumidores, con ferramentas de análise de fácil comprensión e execución que relacionasen a eficiencia produtiva e económica coa preservación do ambiente.

Destaca tamén SmartAgriHubs, que finalizou en 2022 e cun investimento total de algo máis de 22 millóns para as 164 entidades participantes. O seu principal obxectivo foi a creación dunha rede de centros de innovación dixital (CID) para impulsar a adopción de tecnoloxías dixitais por parte do sector, consolidando, activando e ampliando o ecosistema existente.

Comments are closed.