A Universidade de Vigo é elixida a mellor de España en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

O Global Ranking of Academic Subjects recoñece o potencial da UVigo en múltiples áreas de investigación, destacando o seu campus de Ourense como referente en ciencia alimentaria

A UVigo atópase no ranking do GRAS das mellores universidades do mundo en 55 materias de investigación. / UVigo.

A Universidade de Vigo sitúase como a primeira universidade española en dúas áreas específicas: Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Oceanografía, segundo o Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2024, elaborado pola Shanghai Ranking Consultancy.

Este ranking, considerado polos seus responsables como o “máis completo e obxectivo” na avaliación das universidades por áreas de investigación, examina arredor de 5000 institucións de todo o mundo, das que aproximadamente 1900 figuran no ranking.

No ámbito de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, a UVigo ocupa a posición 34 do mundo, mantendo a súa supremacía en España a pesar dunha lixeira caída respecto ao ano anterior. Segundo Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da universidade, esta baixada está relacionada coa “derivada da perda dos investigadores altamente citados este ano”.

Rubio destaca a relevancia do Campus Auga e o papel clave do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, que considera unha peza fundamental para o bo posicionamento acadado. O campus de Ourense, indica, “é xa un referente na investigación neste eido e espero que potencie tamén as titulacións de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Enxeñería Agraria”.

A UVigo tamén mantén unha presenza destacada en Ciencias Agrícolas, situándose entre as 300 mellores, e en áreas como Ciencias Atmosféricas, Biotecnoloxía e Administración de Empresas, onde figura entre os postos 301-400. En eidos como Ciencias da Terra, Ecoloxía, Farmacia e Ciencias Farmacéuticas e Económicas está entre as 500 mellores.

Rubio subliña a importancia do CINBIO, un dos centros CIGUS da universidade, “que destaca nas posicións en Biotecnoloxía e en Ciencias Farmacéuticas”. Este avance atribúese tanto á incorporación de novos talentos como ao apoio recibido a través de programas de financiamento, como o plan complementario en Biotecnoloxía aplicada á saúde, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a Xunta de Galicia.

Outro punto forte para a Universidade é o papel de Ecobas, que contribúe aos bos resultados en Administración de Empresas e Economía. Rubio destaca que este éxito é “froito do bo facer do persoal investigador deste centro, que xa foi tamén recoñecido pola Xunta na convocatoria de centros ao acadar financiamento e entrar como centro colaborativo”.

Por último, a vicerreitora fai fincapé nos retos e oportunidades que enfrontan centros como atlanTTic e Cintecx, os cales teñen “que facer un maior esforzo na captación de talento para poder seguir manténdonos como en anos anteriores e continuar ben posicionados nos ránkings”.

Comments are closed.