ITG absorbe EnergyLab e convértese no maior centro tecnolóxico de Galicia en dixitalización e intelixencia enerxética

ITG incorpora a totalidade do persoal e da actividade de I+D de EnergyLab, ampliando o seu persoal a 250 profesionais

A empresa coruñesa ITG absorbeu a EnergyLab nun paso estratéxico que o converte no maior centro tecnolóxico de Galicia en dixitalización e intelixencia enerxética, reforzando o seu liderado en innovación tecnolóxica e transición cara á descarbonización. Así, a fusión de ambos os centros tecnolóxicos permitirá a ITG abordar actividades aínda máis ambiciosas e multidisciplinares en áreas crave da transición enerxética, impulsando a competitividade do tecido empresarial galego e nacional.

A absorción realizouse garantindo a continuidade de todas as actividades de EnergyLab, así como a preservación do seu equipo humano, o seu coñecemento técnico e a súa rede de colaboradores e proxectos estratéxicos, iniciando un novo escenario de crecemento para ITG.

“A fusión de EnergyLab en ITG, realizada desde o respecto á súa traxectoria e talento profesional, permitirá multiplicar o noso impacto no ámbito da enerxía sostible e a innovación tecnolóxica. Galicia conta agora cun centro máis forte, máis competitivo e con maior capacidade de xerar solucións de futuro”, afirma Carlos Calvo Orosa, director xeral de ITG.

Unión para dar impulso á transición enerxética

O novo camiño común xorde da complementariedade tecnolóxica de ambos os centros, de forma que ITG suma á súa experiencia en dixitalización, redes enerxéticas intelixentes, mobilidade aérea autónoma, auga dixital e industria 4.0, o coñecemento de EnergyLab en tres ámbitos específicos: a economía circular, a descarbonización e os procesos de produción e usos de gases renovables (hidróxeno renovable, biogás, biometano, metanol e syngas).

No caso dos gases renovables, ITG incorpora o coñecemento de EnergyLab en aproveitamento de residuos orgánicos, como as augas residuais dunha cidade, co fin de obter produtos como o biometano e o hidróxeno verde, que poden empregarse como biocombustibles para a nova mobilidade sostible. Un exemplo é o biometano xerado na EDAR Bens da Coruña procedente dos fogares e a industria da área metropolitana, que se inxecta á rede de gas natural desde o ano 2021.

En canto á economía circular, ITG suma a capacidade de transformar residuos en biocombustibles e en enerxía para abastecer a demanda de calor de empresas de diversos sectores. Exemplo diso son as granxas avícolas, onde está a ser probada a súa viabilidade con prometedores resultados.

O centro tecnolóxico ITG conta agora con 250 profesionais, 33 deles procedentes deste proceso de absorción, e operará con infraestruturas complementarias nas súas sedes permanentes da Coruña e Vigo. Isto supón ter unha maior capacidade de investigación e de acceso a novos mercados, incrementando a participación de ITG en programas nacionais e internacionais de I+D+i, mellorando a súa capacidade de atraer e reter talento altamente cualificado e impulsando a transferencia tecnolóxica ao tecido empresarial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *