Caprigo, unha iniciativa para innovar na produción de queixo de cabra galego

O proxecto busca transformar a produción leiteira da Aldea Modelo de Xacebáns, creando un queixo de tempada con características únicas

Grupo de investigación e gandeiro na Aldea Modelo Xacebáns.

Caprigo, un proxecto galego formado por un consorcio de entidades do sector lácteo e a UVigo, obtivo financiamento europeo para desenvolver un innovador queixo de cabra. A iniciativa busca transformar a produción leiteira de cabra da Aldea Modelo de Xacebáns nun produto único.

O grupo operativo de Caprigo está composto por entidades galegas cunha ampla experiencia no sector lácteo e a investigación agroalimentaria: Queixos Feijoo, a Universidade de Vigo, a explotación gandeira da Aldea Modelo de Xacebáns e o Cluster Alimentario de Galicia.

Innovación e sustentabilidade

O financiamento permitirá levar a cabo accións de investigación, desenvolvemento, optimización e promoción. A Universidade de Vigo será a encargada de estudar as características da produción leiteira de Xacebáns, analizando as súa composición e variabilidade estacional.

Tamén se realizarán ensaios para a elaboración de queixos con características organolépticas únicas, optimizando os procesos para garantir unha calidade constante e uniforme no produto final. Ademais, a iniciativa inclúe actividades de promoción para posicionar este novo queixo de cabra no mercado.

Impulso á economía rural e ao sector lácteo

Espérase que a iniciativa teña un impacto positivo na economía rural, xerando novas oportunidades de negocio para os produtores de leite de cabra e reforzando a posición de Galicia como referente na produción de queixos artesanais de calidade.

Este proxecto foi aprobado como parte dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), contando cunha axuda de 128.197 € financiada co Fondo Europeo Agrícola para o Desenvolvemento Rural (FEADER), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e a Xunta de Galicia.

O proxecto Caprigo desenvolverase entre 2024 e 2026 e ten como obxectivo non só mellorar a sustentabilidade do sector lácteo, senón tamén impulsar prácticas agrícolas respectuosas co medio ambiente.

O investimento en investigación e desenvolvemento pode xerar beneficios tanto para os produtores como para os consumidores, contribuíndo á valorización dos produtos locais e á sustentabilidade do sector agroalimentario.

Comments are closed.