Emprendemento no sector agroalimentario
A aceleradora 'Business Factory Food' celebrou un 'Demo Day' para presentar algún dos últimos proxectos que impulsou. Presenta tamén a secta edición da iniciativa, cuxo prazo de presentación de proxectos permanecerá aberto ata o 15 de novembro
A aceleradora vertical do sector alimentario galego Business Factory Food (BFFood) está impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e empresas de referencia da industria galega. Recentemente celebrou o Demo Day, evento no se presentaron as solucións innovadoras de emprendemento dos proxectos que participaron na iniciativa
O acto tivo lugar no Edificio FEUGA de Santiago de Compostela e no mesmo déronse a coñecer todos os aspectos relativos á convocatoria da VI edición da aceleradora, cuxo prazo de presentación de proxectos permanecerá aberto ata o 15 de novembro.
Lean 4.0, Néboda Smart Factory 4.0, Bluemarine Oil, Enzicas, Code Contract, Proplantae, ODS Protein, Las Jellys, Nano Cell Farms, Entrii, Keyfruit, AONIR e TOTALGAC FOOD son os 13 proxectos que achegaron solucións nas áreas temáticas de rastrexabilidade, calidade e seguridade alimentaria; sustentabilidade; desenvolvemento de novos produtos; innovación de procesos e comercialización; e dixitalización e automatización.
Durante o seu paso polo programa de emprendemento de BFFood, estes proxectos recibiron apoio integral e especializado do sector alimentario galego en función do seu grao de desenvolvemento. Durante o seu paso por BFFood, todas estas startups tiveron ás principais empresas líderes do sector alimentario galego como mentoras, guiando e facilitando o seu desenvolvemento no ecosistema emprendedor. Así mesmo, tiveron acceso a financiación específica, en forma de subvencións a fondo perdido e préstamos participativos.
Charlas e mesa redonda
O Demo Day tamén contou cun relatorio sobre as oportunidades que plantexa a nova lei de startups, da man de Vento Abogados & Asesores. Tamén se repasaron as oportunidades que ofrecen distintos fondos de investimento de apoio a emprendedores, con XesGalicia, Unirisco, Noso Capital, CaixaBank DayOne e Banco Sabadell.
Para rematar, houbo unha mesa redonda sobre a experiencia e interese dos programas de emprendemento para a industria alimentaria que, moderada por AGACA, contou coa participación de representantes das empresas de BFFood Casa Grande de Xanceda, GADISA e Congalsa. O peche institucional correo a cargo de Patricia Fernández Liz, directora da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, que salientou “o labor de BFFood no reforzo da competitividade e a transformación dixital do sector alimentario galego”.