O sector biotech galego busca reforzar as cadeas de valor das microalgas e macroalgas

A Agrupación industrial Tecnolóxica das Ciencias da Vida liderará o proxecto BIOCHAINS Atlantic e tamén participará noutra iniciativa do programa Interreg Atlantic Area que reforzará a resiliencia da acuicultura atlántica fronte ao cambio climático

O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) participará intensamente en dous proxectos do programa Interreg Atlantic Area, cofianciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que fomenta a cooperación entre rexións atlánticas de España, Portugal, Francia e Irlanda para afrontar retos comúns. Bioga, que preside José Manuel López Vilariño. Será un dos dous socios principais de CLIRAQUA, cun orzamento de 1,96 millóns de euros e que coordinará o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC.

Bioga coordinará o proxecto BIOCHAINS Atlantic, que contará cun orzamento de 1,86 millóns de euros. Esta investigación busca optimizar e reforzar as cadeas de valor das microalgas e macroalgas das costas atlánticas do España, Portugal, Francia e Irlanda. Esta iniciativa debe contribuír ao desenvolvemento da bioeconomía azul. Entre os traballos que BIOCHAINS Atlantic poñerá en marcha están o mapeo de axentes implicados e retos regulatorios, a creación de modelos dixitais para a xestión de recursos e axentes da cadea de valor ou a validación de prototipos para sectores como a alimentación ou a cosmética.

Este proxecto tratará de mellorar a competitividade das pemes, promover a innovación, dinamizar a cooperación entre rexións para consolidar oportunidades de mercado e favorecer un crecemento máis resiliente e sostible na área atlántica.

Proxecto CLIRAQUIA
O proxecto CLIRAQUA, liderado por CICA e con Bioga como un dos socios principais, conta cun orzamento de 1,96 millóns de euros e servirá para reforzar a resiliencia da acuicultura atlántica fronte ao cambio climático a través da procura de solucións tecnolóxicas baseadas nos ecosistemas.

Para o seu desenvolvemento, apoiarase na acuicultura multitrófica, no uso de halófitas, a restauración de hábitats mariños e sistemas de alerta temperá para enfermidades. Así mesmo, creará un repositorio de datos climáticos e ecolóxicos, mapas interactivos de vulnerabilidade e protocoles de xestión. Así mesmo, poñerá todas estas ferramentas ao dispor de produtores, responsables políticos, investigadores e comunidades locais para garantir unha acuicultura máis segura e eficiente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *