Empresas e persoal investigador galegos tecen alianzas para a innovación alimentaria en Ourense

A xornada Net4Food Matching xunta 80 profesionais no campus para fortalecer a I+D+i entre Galicia e o norte de Portugal

O campus de Ourense acolleu a xornada Net4Food. / DUVI Ourense.

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este mércores a xornada Net4Food Matching: Conectando empresas e investigadores para a innovación alimentaria, organizada polo Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). Preto de 80 profesionais do sector alimentario participaron coa vista posta en abrir novas oportunidades de colaboración en I+D+i.

A iniciativa inscríbese no proxecto transfronteirizo Net4Food, nacido en 2023 para crear unha rede de excelencia alimentaria na eurorrexión Galicia–norte de Portugal. O programa está coordinado polo Instituto Politécnico de Bragança e conta, ademais da UVigo e Clusaga, co Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, o clúster Portugal Foods e os laboratorios colaborativos More e Aqua Valor.

A xornada arrincou coa benvida de David Fernández Calviño, director do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, quen presentou Net4Food. Seguiron presentacións sobre convocatorias de financiamento para proxectos universidade-empresa e sobre os procedementos de contratación coa UVigo, antes de dar paso ás exposicións dos grupos de investigación do campus.

Tamén houbo un panel sobre os retos actuais da industria alimentaria e as vías de cooperación coa universidade, unha mostra de produtos e proxectos con empresas, a visita á planta piloto alimentaria, unha cata de aceites e reunións bilaterais para fomentar sinerxías.

O proxecto Net4Food, cun orzamento de 688.264 euros financiado polo programa POCTEP e fondos FEDER, desenvolverase ata finais de 2025 co obxectivo de crear unha rede alimentaria de excelencia entre Galicia e o norte de Portugal.

Os socios traballan na análise de coñecemento innovador, na creación do Iberian FoodTec Lab, en novas vías de transferencia tecnolóxica e na promoción da innovación e formación no sector.

A Universidade de Vigo, a través do seu Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e do Campus Auga, lidera accións como o plan estratéxico da rede, a capacitación de talento investigador e a organización de seminarios, congresos e intercambios académicos, como a xornada celebrada este mércores en Ourense.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *