Expertos de sete países defenden en Galicia a gobernanza multinivel para afrontar a resiliencia do sector primario contra o cambio climático

O consorcio do proxecto europeo DOWN TO EARTH participou esta mañá na conferencia “Xestionar a terra para protexer o territorio: boas prácticas para un rural máis resiliente” organizada pola Fundación Juana de Vega na súa sede.

Como se está adaptando o sector agroforestal ás prioridades da Unión Europea en materia de desenvolvemento rural sostible, transición ecolóxica e apoio aos pequenos agricultores que se enfrontan a retos climáticos e económicos? A esta pregunta deuse resposta está mañá durante a terceira conferencia do proxecto europeo DOWN TO EARTH organizada pola Fundación Juana de Vega na súa sede en Oleiros (A Coruña). Ao evento asistiron representantes do consorcio procedentes de Italia, Romanía, Alemaña, Grecia, Eslovenia e Países Baixos para compartir exemplos de casos de éxito reais e activos nos seus respectivos territorios.

Daniel Alexandru, do instituto nacional MeteoRomania (Romanía), abriu a mesa redonda explicando como un plan de apoio económico non reembolsable a granxas de pequeno tamaño demostrou ser eficaz para modernizar o sector, fortalecer a súa resiliencia económica e dinamizar as comunidades rurais. A continuación, Alexander Neuberger, da entidade supramunicipal Regionalverband Neckar-Alb, presentou o plan de zonificación desta rexión do sur de Alemaña para preservar os solos agrícolas de alta calidade, minimizar conflitos de uso e garantir un desenvolvemento espacial sostible. Por parte dos socios españois, Beatriz Suárez, da Fundación Juana de Vega, presentou o proxecto CAPRIF-CC para impulsar a xestión multifuncional do monte en cinco zonas de alto valor natural de Galicia e de Asturias contando coa participación e implicación activa dos comuneiros.

Grecia occidental, explicou Konstantinos Antonopoulos, da Universidade de Patras, é unha rexión mediterránea moi vulnerable ao clima, onde a agricultura, os bosques e os asentamentos rurais están cada vez máis expostos á seca, á calor extrema, aos incendios, á degradación do solo e ao abandono das terras. No seu caso, enumerou tres boas prácticas agroforestais complementarias que reflicten esforzos de prevención, adaptación e gobernanza.

Roberto D’Amico, do municipio Comune di Campobasso, resumiu a medida pública implementada na súa rexión (Molise, sur-centro de Italia) para mellorar a estabilidade dos solos agrícolas e reducir a erosión, especialmente en zonas montañosas e accidentadas. Xa por último, Helena Cvenkek, da axencia de desenvolvemento rexional BSC Kranj, Regional Development Agency of Gorenjska (Eslovenia), falou como o plan nacional para recuperarse das inundacións de 2023 foron unha oportunidade para que o país construise un sistema máis resiliente, sostible e conectado, capaz de afrontar os retos do futuro fronte aos desastres naturais.

A través destes exemplos en seis rexións tan diferentes de Europa, púxose de manifesto que os instrumentos de financiamento e as solucións técnicas por si soas non son suficientes. A mensaxe clave, coincidiron os expertos, é que a adaptación do sector agroforestal aos cambios climáticos é, principalmente, un reto de gobernanza multinivel que require dun pensamento orientado á prevención, de institucións arraigadas no territorio e con participación social e, sobre todo, de agricultores tratados como socios activos. “O principal reto consiste en traducir os coñecementos sobre os riscos climáticos en accións coordinadas e medibles en materia de xestión do solo, prácticas sostibles e institucións implicadas a todos os niveis”, puntualizaba Konstantinos Antonopoulos, autor xunto con Francisco García, da Fundación Juana de Vega, do terceiro informe de DOWN TO EARTH “Políticas que activan o territorio: leccións europeas para reforzar o papel do sector agroforestal fronte ao cambio climático”, que foi presentado a continuación e pronto estará dispoñible para consulta online.

Ademais de recoller as boas prácticas desta mañá e as análises de riscos para as seis rexións, no documento formúlanse recomendacións conxuntas para intentar mellorar as políticas públicas no futuro, en liña co obxectivo principal deste proxecto europeo.

Precisamente, sobre esta nova visión que nace do territorio, dos apoios desde a sociedade civil e das políticas públicas que a acompañan falaron na presentación da conferencia o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo. Andrade repasou as liñas estratéxicas da entidade para impulsar a mellora competitiva do agro galego subliñando como punto forte o traballo directo coas persoas e as comunidades locais.

Pola súa banda, a subdirectora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Xunta de Galicia), Mar Pereira Álvarez, entidade líder de DOWN TO EARTH, contextualizou o estado do proxecto e seguintes pasos, agardando que todos os asistentes aproveitasen a oportunidade e a visita de estudo para compartir coñecemento, recoller ideas valiosas e inspiración en Galicia.

O marco teórico deste evento internacional puxérono os relatorios de Rubén Camilo Lois, catedrático de Xeografía na Universidade de Santiago de Compostela, e de Cristina Fernández, investigadora da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, quen compartiron cos asistentes as súas investigacións sobre despoboamento e cambio climático, centrándose nos desafíos e oportunidades para a gobernanza dos territorios rurais.

Exemplos destacados en Galicia

Co obxectivo de ter unha visión o máis completa posible do que está a facerse en Galicia, os organizadores convidaron ao estrado a representantes de tres empresas galegas para exemplificar, co seu traballo diario, como “xestionan a terra para coidar o territorio”. Melissa Terán, da apícola Meleiras do Suído explicou o seu modelo de emprendemento rural no que colaboran coa Comunidade de Montes da Serra do Suído (Fornelos de Montes, Pontevedra) e como se apoian nas TIC. Marcos Ellacuriaga presentou a política de sostibilidade da ecogranxa Casa Grande de Xanceda (Mesía); e Margarita Fraga, a actividade do laboratorio de biotecnoloxía vexetal Cultigar (Brión), destacando a investigación na que colaboran para multiplicación in vitro a grande escala de doce variedades de oliveiras autóctonas.

Visita de estudo de dous días por Lugo

Pola tarde, o grupo mantivo unha reunión técnica para organizar o último ano de traballo antes de partir para Lugo e comezar unha visita de estudo de dous días por sete concellos das Serras Orientais e os vales centrais. Cun intenso programa para o mércores 4 e xoves 5, coñecerán en persoa oito iniciativas galegas que foron identificadas como boas prácticas para loitar contra o despoboamento.

En concreto, visitarán a Casa Niño de Navia de Suarna, aos produtores de carne da IXP Ternera Gallega da Carqueixa (Cervantes), o complexo etnográfico do Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro), o piloto do proxecto CAPRIF-CC en Paderne (Folgoso do Courel), a aldea modelo de Trascastro (O Inicio), a carnicería ecolóxica Traloagro e a Comunidade de Montes do Carballo (ambos en Friol) e a cooperativa Milhulloa (Palas de Rei).

Cal é o obxectivo de DOWN TO EARTH?

O proxecto DOWN TO EARTH reúne durante catro anos (marzo 2023 a febreiro 2027) a oito organizacións que traballan para identificar e promover solucións para mellorar o capital natural e reducir o risco e o impacto dos desastres ambientais, á vez que se xeran oportunidades económicas e sociais para atraer poboación ás zonas rurais. Conta cun orzamento de 1,65M€, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg Europe 2021-2027.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *