Nova conferencia en Galicia sobre o proxecto europeo ‘Down to earth’

Asistirán os socios chegados desde Italia, Rumanía, Alemaña, Grecia, Eslovenia e Países Baixos que compartirán as boas prácticas que están implementando nos seus territorios para adaptarse a unha xestión agroforestal máis resiliente

A Fundación Juana de Vega acolle na súa sede en Oleiros a terceira conferencia temática do proxecto europeo ‘Down to earth’ á que asistirán os socios chegados desde Italia, Rumanía, Alemaña, Grecia, Eslovenia e Países Baixos. Durante as súas intervencións, compartirán as boas prácticas que están implementando nos seus territorios para adaptarse a unha xestión agroforestal máis resiliente.

Por parte de Galicia, porase en valor o traballo de produtores e de entidades vinculadas ao sector primario na súa loita contra o cambio climático. Na mesa redonda daranse a coñecer os proxectos e a filosofía da apícola Meleiras do Suído, da ecogranxa Casa Grande de Xanceda e do laboratorio de biotecnoloxía vexetal Cultigar.

Sobre esta nova visión que nace do territorio e das políticas públicas que a acompañan falarán na presentación do evento o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, e a subdirectora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Xunta de Galicia), Mar Pereira.

As conferencias marco sobre despoboamento e cambio climático correrán a cargo de Rubén Lois, catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, e de Cristina Fernández, investigadora da Misión Biolóxica de Galicia, CSIC.

Para asistir, de xeito online ou presencial, é preciso previa inscrición. A cita será o martes 3 de febrero de 9:30 a 13:30 horas e a inscrición estará aberta ata o venres 30 de xaneiro ás 15:00 horas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *