Galicia participa no proxecto europeo de intelixencia artificial e robótica aplicado ao sector agroalimentario

O Ministerio de Agricultura e a Comisión Europea financian o nodo satélite español de AgrifoodTEF con 5 millóns de euros


A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Isabel Bombal, inaugurou a xornada de presentación do nodo satélite español do proxecto paneuropeo AgriFoodTEF, celebrada no centro de innovación dixital do Ministerio de Agricultura (MAPA) La Vega Innova.

A Unión Europea realizará un investimento de 60 millóns de euros no próximos catro anos para o desenvolvemento deste proxecto, que se repartirán en nodos principais e nodos satélites, despregados en nove Estados membros (Alemaña, Austria, Bélxica, España, Francia, Holanda, Italia, Polonia e Suecia), cun total de 30 entidades participantes. Trátase do maior proxecto europeo de intelixencia artificial e robótica aplicado no sector agroalimentario.

O nodo satélite español, presentado hoxe, conta cun orzamento de 5 millóns de euros, financiados a partes iguais polo MAPA e a Comisión Europea. A directora xeral destacou a importancia desta iniciativa, que se integra no III Plan de Acción 2024-2026 da Estratexia de Dixitalización do sector agroalimentario e do medio rural, impulsada desde o Ministerio. “Esta proposta vai ser estratéxica para empresas españolas, xa que lles vai a permitir acelerar a chegada ao mercado de solucións para o sector agroalimentario baseadas na intelixencia artificial ou na robótica, a través das infraestruturas españolas de proba e validación despregadas nos ámbitos xeográficos de Córdoba, Lleida e A Coruña, e que atenderán distintos subsectores”, explicou.

Subsectores:

  • Córdoba: A través das instalacións e recursos da Universidade de Córdoba, ofrecerá unha oferta de servizos orientada a cultivos herbáceos, horticultura e froiteiras, gandería extensiva e industria alimentaria. Dará apoio a esta sede a empresa española Hispatec.
  • A Coruña: Por medio das instalacións do Centro de Investigacións Agrarias en Mabegondo (CIAM), pertencente á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e o Centro Tecnolóxico de Comunicacións de Galicia Gradiant, a súa oferta de servizos estará máis orientada á produción de forraxes e a produción láctea. Nesta iniciativa colaborará o centro galego de innovación dixital DIH Datalife.
  • Lleida: A través das instalacións e recursos da Universidade de Lleida, Agrotecnio, o Centro de Estudos Porcinos e os do parque Agrobiotech de Lleida, orientarase principalmente ao sector porcino, a fruticultura e os espazos de datos agroalimentarios.

Bombal destacou a relevancia de explorar as sinerxías entre dous proxectos tan emblemáticos para o ministerio como son o AgriFoodTEF e La Vega Innova, o centro de innovación tecnolóxica aberto recentemente que é “un nido de ideas transformadoras que benefician ao ecosistema agroalimentario”.

Xunto a AgrifoodTEF, presentáronse outros proxectos de interese para o sector agroalimentario baseados na intelixencia artificial e financiados tanto polas medidas de desenvolvemento rural da Política Agraria Comunitaria (PAC), como polos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Comments are closed.