Guiprogal presenta nun webinar avances sobre variedades de chícharo sostible
A xornada en liña mostrará resultados do proxecto para recuperar o chícharo proteico adaptado ao cambio climático

Imaxe de arquivo.
O Grupo Operativo Guiprogal convocou un webinar a través de Teams o próximo xoves, 4 de setembro, de 12:30 a 13:30 horas, para dar a coñecer os avances do proxecto “Variedades de chícharo adaptadas localmente para aumentar a resiliencia ás condicións ambientais cambiantes, como fonte de proteína para pensos e alimentos”.
O obxectivo de Guiprogal é recuperar e poñer en valor variedades tradicionais de chícharo proteico, mellorando a súa calidade e adaptabilidade fronte ao cambio climático. A iniciativa pretende achegar coñecemento útil para o desenvolvemento de cultivos sostibles e alimentos con valor engadido en Galicia.
O encontro está dirixido a agricultores, cooperativas, empresas agroalimentarias, universidades, centros de investigación, administracións, gandeiros e persoas interesadas en innovación agrícola.
Durante a xornada, representantes do consorcio -formado por Axiña S.C.G., a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), Almacenes Gamallo e FEUGA- abordarán temas como novos produtos alimentarios, tecnoloxías agrícolas e estratexias para aumentar a sustentabilidade e rendibilidade da produción.
O proxecto, cun orzamento de 139.556,94 euros, conta con financiamento do FEADER, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura. Enmárcase na Asociación Europea de Innovación en Agricultura Produciva e Sostible e no Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.
A asistencia é gratuíta e as persoas interesadas en anotarse poderán facelo a través da seguinte ligazón. A continuación móstrase o programa do webinar:
12:25 – 12:30. Benvida
12:30 – 12:45. Presentación do Grupo Operativo GUIPROGAL.
- Beatriz Calviño, xestora en Innovación e Proxectos Nacionais, FEUGA.
12:45 – 13:00. Rendemento produtivo das variedades de chícharos nos ensaios de campo.
- Susana Trastoy, técnico Agrícola, Axiña Asesoramento Rural Integral S. Coop.Galega
13:00 – 13:15. GUIPROGAL: selección e avaliación de variedades autóctonas de chícharo desde a MBG
- Ana M. González, investigadora da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC
13:15 – 13:30. Estudo de variedades de chícharo autóctono: rendementos, calidade proteica e novas aplicacións
- Antía Vázquez Rodríguez, Técnica de proxectos I+D+i, Fundación Centro Tecnolóxico da Carne
13:30 – 13:45. Quenda de preguntas e clausura da xornada