La Vega Innova, impulso ós avances tecnolóxicos no sector agroalimentario

O Ministerio de Agricultura lanza un portal como punto de encontro do sector agroalimentario, para colaborar nos cambios que se aveciñan


Co obxectivo de impulsar a transformación e a competitividade do sector agroalimentario, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) puxo en marcha La Vega Innova, un hub de innovación dixital. Todo isto levarase a cabo a través da experimentación en espazos reais, coa resolución de retos e formación. Esta iniciativa de dinamización conta con Telefónica España, adxudicataria do contrato para a prestación de servizos deste centro.

O público obxectivo deste primeiro programa son equipos de emprendedores que traballen en áreas tecnolóxicas como a internet das cousas (loT), big data (intelixencia de datos), cadea de bloques, ciberseguridade, intelixencia artificial e outros campos relacionados coa industria agroalimentaria.

O proxecto centrarase en diferentes liñas de traballo: A aceleración de startups, que proporcionará ás empresas emerxentes os recursos e o apoio preciso para desenvolver e escalar as súas solucións tecnolóxicas; a creación de laboratorios agrícolas de innovación, que serán zonas de experimentación onde as empresas e os investigadores poderán validar solucións tecnolóxicas; proxectos pilotos, nos que se farán probas de produtos e solucións en espazo real; os retos de innovación aberta, no que se proporán desafíos concretos do sector para que a rede de empresas e startups de tecnoloxía agroalimentaria poidan participar directamente, e tamén formación e divulgación para promover e impulsar a evolución e vangarda tecnolóxica do sector.

A finalidade deste hub é estimular o ecosistema da innovación agroalimentaria e converterse no punto de encontro do sector agroalimentario para colaborar nos cambios que se aveciñan. Este proxecto conta cos fondos Next Generation da Unión Europea, no marco do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Comments are closed.