Son viables as Denominacións de Orixe e IXP´s pequenas?
Un investigador galego demostra a viabilidade das Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas a pequena escala, centrándose na do Cebreiro, e resalta que non deberían descartarse polo seu tamaño
A pesar do número moi limitado de produtores, un investigador galego afirma que incluso as Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) e Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) máis pequenas poden ter un impacto significativo nas áreas rurais. Nisto centrouse o predoutoral da Universidade de Santiago de Compostela Rubén Boga González, quen está a elaborar parte da súa tese sobre a viabilidade dos sistemas de DOP/IXP a pequena escala en base a técnicas cualitativas.
Segundo as súas indagacións, as IX de pequena escala confiren unha vantaxe de mercado aos seus produtores rexistrados, brindándolles a oportunidade de manter a súa produción agrícola localizada no territorio. Así o demostra no artigo ‘”Debido ao seu tamaño, non vale a pena!”: A viabilidade dos sistemas de indicacións xeográficas a pequena escala’.
A investigación céntrase nos casos do Cebreiro (Galicia) e Tolminc (Eslovenia). “Escollín o Cebreiro por proximidade e pola miña vinculación coas DOP e as IXP, xa que son fillo de produtores de pemento de Herbón”. Así mesmo, coñecía a situación dos produtores do queixo do Cebreiro e “sabía que eran moi poucos, entón esa situación pareceume que era relevante para traballar na miña tese”. Destaca que a maioría das investigacións están centradas en DO ou IXP a grandes escalas, porén esquécense das máis pequenas, “por iso me pareceu interesante investigar neste sentido”.
Así mesmo, tanto Rubén Boga coma o seu director de tese Valerià Paül, coautor do artigo, forman parte dun proxecto de investigación que está aprobado a nivel da Unión Europea denominado HIGHLANDS.3, que financia mobilidades noutros países da UE e ten por obxecto investigar iniciativas de desenvolvemento sustentable en áreas de montaña. Dentro duns anos, o proxecto pechará coa reunión dos investigadores e investigadoras participantes na USC, onde poderán coñecer algunhas experiencias salientables de desenvolvemento sustentable nas montañas galegas. Así deron co caso de Eslovenia, onde Rubén fixo unha estadía de investigación con outros socios do proxecto, neste caso unha axencia de desenvolvemento rural local. “Era unha zona que tamén contaba cun queixo con DOP, pero que tan só tiña dúas empresas inscritas”, explica.
Os casos do Cebreiro e de Eslovenia
Ambos casos teñen puntos en común, pero tamén “son moi distintos”. No caso do Cebreiro, segundo os datos oficiais da Consellería de Medio Rural, son só catro produtores rexistrados. Porén, cando Boga comezou as súas indagacións, decatouse de que tan só dous estaban a producir queixo de maneira profesional, é dicir, vivían diso. Outro produtor inscrito tiña outra actividade principal, que era a gandería de vacún de carne en ecolóxico, e outro actualmente xa non produce. “En resumo, trátanse de pequenas empresas familiares”. No caso de Eslovenia, polo contrario, hai unha empresa familiar e outra cooperativa que aglutina a bastantes persoas. “Realmente, a min paréceme que fan un traballo excelente xa que ao manter unha boa remuneración aos produtores de leite, permiten que esta actividade non desapareza do territorio. O problema neste caso é que esa decisión de pagar ben aos produtores depende do consello de administración da empresa”, recoñece.
A eliminación dos Consellos Reguladores suporía unha perda de autonomía para as DOP e IXP
Esta cooperativa ten un maior volume de produción e unha maior capacidade para influír no mercado, polo que tamén semella concentrar os beneficios da DOP. Segundo explica, as persoas entrevistadas no ámbito esloveno sinalaban que a cooperativa mantiña unha boa remuneración aos produtores de leite e que así contribuía a manter a actividade gandeira no territorio.
Porén, subliña que “algunhas entrevistadas tamén me sinalaban que esa situación podía mudar cunha simple decisión corporativa dos administradores da empresa”. Esa situación contrasta co caso do Cebreiro, no que cambios deste tipo dependerían dunha maior multiplicidade de produtores.
Colaboración das administracións públicas
Outro dos factores polo que lle interesou desenvolver este tema é porque nas administracións públicas empezaban a valorar se os Consellos Reguladores das DOP e IXP pequenas eran viables, ao contar con poucos produtores. “Como non son sustentables de xeito autónomo existe a proposta de eliminalos e que pasen a xestionarse directamente pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)”. Boga destaca que esta institución achega unha axuda “inestimable” aos Consellos Reguladores pequenos, pois debido ao seu tamaño moitas veces resulta complexo que poidan controlar a calidade das producións, así como realizar as campañas de promoción ou informes estratéxicos necesarios, pero a súa eliminación suporía unha perda de autonomía das propias DOP e IXP. Aínda así, considera que dentro dun Consello son os propios produtores “os que están organizados no territorio e deben decidir sobre o produto, porque ninguén mellor ca eles o coñece”.
Boga recalca que este tema lle pareceu de interese e que por iso quería demostrar a viabilidade dos pequenos Consellos, aínda que teñan dificultades, “pero ninguén mellor ca eles coñece o territorio e sempre deben ter voz e voto”.
No caso do Cebreiro, a xestión da DOP depende dos propios produtores, “xa que son eles mesmos, en consenso coas administracións públicas, os que determinan as características para que un queixo sexa considerado do Cebreiro”. No caso esloveno, pola contra, a figura legal dos Consellos Reguladores é inexistente. Así “algúns produtores non contan coa posibilidade de consensuar cambios no regulamento da DOP que se acomoden ás súas necesidades, por exemplo, de facer rodas de queixo menores dos 4 quilogramos que esixe o seu prego de condicións para o seu mercado”.
Maior valor na zona do Cebreiro
O artigo tamén destaca como ditas DOP e IXP contribúen á marca das rexións, en sinerxía coa actividade turística. No caso do Cebreiro, ademais, a DOP non só permitiu que se mantivese unha produción que estaba a piques de desaparecer, senón que “hoxe queixo do Cebreiro ten un prezo máis alto ca calquera queixo galego”. Isto levou a que se puxese en valor a zona e nacesen queixerías artesanais que comezaron unha vez naceu a DOP. De feito, “estes produtores venden con prezos similares”. A situación leva a que os beneficios se estendan máis aló da propia DOP. Todo isto tamén ten unha parte negativa, xa que estes ao permanecer fóra non están a soster a DOP; “ben porque queren evitar pasar os controis de calidade e pagar ao Consello Regulador por eles, ben porque non queren tornarse profesionais. “En definitiva, son beneficiarios da DOP, pero non contribúen a mantela nin ao seu Consello Regulador, e esta é unha das razóns pola que existen tan poucos inscritos nela”.
En resumo, as DOP e IXP de pequena escala non deberían descartarse polo seu tamaño. De feito, a súa contribución ao desenvolvemento rural podería mesmo igualar a dos seus homólogos máis grandes, especialmente naquelas zonas con menos oportunidades de desenvolvemento económico, como é o caso de moitas das rexións montañosas de Europa. Nesta investigación, Boga demostrou que o tamaño non presaxia o impacto que podería ter unha DOP/IXP para o desenvolvemento rural da rexión na que está.