A USC, Cospeito e Moexmu únense para impulsar o sector primario e a investigación
As tres entidades asinan un convenio marco de catro anos centrado na formación, divulgación e promoción do medio rural galego

Vista aérea do Campus de Lugo. / Santi Alvite.
A Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Cospeito e a Asociación de comerciantes, empresarios, profesionais, gandeiros e autónomos de Muimenta (Moexmu) veñen de asinar un convenio marco que regulará a colaboración entre as tres partes. O obxectivo principal é promocionar actividades vencelladas ao sector primario, empresarial, medioambiental, cultural e do patrimonio.
O acordo, cunha duración de catro anos, pretende contribuír á modernización do sistema produtivo e fomentar o desenvolvemento de actividades de investigación, formación e divulgación. Tamén se promoverá o intercambio de experiencias e materiais de interese común entre as entidades asinantes.
A través deste marco, levaranse a cabo proxectos, programas de investigación e desenvolvemento e accións formativas. O convenio contempla tamén o asesoramento mutuo en relación aos ámbitos de actividade de cada entidade e a organización de iniciativas conxuntas para fomentar a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico.
Outro dos obxectivos destacados é incentivar o interese da cativada polas actividades relacionadas coa promoción do pobo e da comarca. O convenio tamén recolle accións para apoiar a artesanía, os produtos galegos de calidade e o medio rural no seu conxunto.
Así mesmo, a formación específica cobra protagonismo a través de cursos e charlas informativas destinadas ao sector agrícola e gandeiro. Inclúense tamén demostracións técnicas e iniciativas para recuperar utensilios agrícolas tradicionais, entre outros aspectos.