Investigan os efectos do cambio climático no benestar do gando e factores de emisión de metano en vacún de leite

A investigadora iraquí Ghasaq Sami Mshary participa no proxecto pioneiro de I+D, que leva a cabo o Campus Terra, para afondar no estudo de emisión de metano entérico en gando leiteiro en Galicia

Os catedráticos da USC coa investigadora iraquí


Afondar no estudo e na definición dos factores de emisión de metano entérico en gando leiteiro de Galicia é a temática da investigación levada a cabo pola profesora iraquí Ghasaq Sami Mshary. A investigadora, procedente da Universidade AL_Muthnna, está a completar unha estadía de investigación na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela.

O estudo encádrase dentro do proxecto de investigación liderado por Rodrigo Muiño Otero, que aborda os efectos do cambio climático no benestar do gando e a valoración e cuantificación da implicación das explotacións bovinas leiteiras de alta produción no que atinxe a emisións de gases de efecto invernadoiro. Este docente da área de Cirurxía Animal da USC, xunto coa catedrática Cristina Castillo, son os responsables da supervisión e coordinación das pescudas que acaba de comezar a investigadora iraquí e que, previsiblemente, culminarán na futura presentación dunha tese de doutoramento.

Galicia é a primeira Comunidade Autónoma de España que lanza estudos para medir as emisións de metano en gando vacún

Muiño explica que a investigación constata que o sector vacún leiteiro constitúe unha ferramenta cohesionadora do campo galego que “non se pode obviar e aspira a achegar resultados para responder ás acusacións que responsabilizan ás explotacións intensivas leiteiras de bovino do quecemento global por ser un dos principais focos de emisión antropoxénica de metano”. O proxecto de tese de doutoramento desenvolverá un modelo capaz de presaxiar o cálculo dos factores de emisión de metano entérico en explotacións de vacún de leite de alta produción leiteira localizadas en Galicia. A finalidade é poder rexistrar así as emisións de gases con efecto invernadoiro (GEI).

O profesor engade que a partir dos datos obtidos poderanse establecer medidas correctoras de acordo aos criterios establecidos pola COP-27 e en liña cos criterios establecidos polo Panel Intergobernamental para o cambio Climático (IPCC). Tamén apunta que Galicia é a primeira Comunidade Autónoma de España que activa ferramentas ou estudos para medir as emisións de metano en gando vacún. Este investigador da Facultade de Veterinaria de Lugo agarda ademais que os resultados obtidos nesta investigación posibiliten estender este tipo de valoracións a outros ruminantes.

Comments are closed.