Bovimasc, un dispositivo para saber canto metano produce cada vaca

Investigadores do Campus Terra desenvolven unha máscara facial capaz de medir as emisións entéricas do gando. O obxectivo é validar un método que permita seleccionar animais pola súa eficiencia medioambiental

Jacobo Álvarez, durante a presentación do Proxecto Colaborativo Bovimasc

Trala universalización do certificado de benestar animal, a pegada de carbono das explotacións e a emisión de metano do gando vai ser o próximo cabalo de batalla para as ganderías de produción de leite.

“Estannos botando a culpa do cambio climático, dicindo que non contaminan os coches senón as vacas”, quéixase Jacobo Álvarez Torres, un dos investigadores do proxecto Bovimasc, un Proxecto Colaborativo do Campus Terra que desenvolve un dispositivo facial para a medición do metano entérico nas vacas.

O metano é un dos principais gases de efecto invernadoiro dunha gandería de vacún de leite, xunto co óxido nitroso e o dióxido de carbono. Un 95% do metano entérico, o producido polas vacas dentro do seu proceso de fermentación ruminal, emítese vía oronasal e só un 5% por vía rectal.

Un 95% do metano entérico emítese vía oronasal e só un 5% por vía rectal

Bovimasc é unha máscara de medición aberta que se adaptaría a todos os modelos de produción, tanto en intensivo como en pastoreo. Trátase dun equipo electrónico formado por unha bomba de extracción, un deshumidificador, un sensor de metano, xunto cunha batería e unha tarxeta SD para o almacenamento dos datos.

O medidor situaríase na cabeza, a menos de 10 cm da cavidade oronasal e o resto do equipo incorporaríase a unha especie de albarda no lombo no animal. “Permite á vaca facer unha vida normal; non lle afecta para nada, pode comer, beber, ir muxirse, etc”, asegura Jacobo.

Versatilidade: gando estabulado e en pastoreo

A grande utilidade deste dispositivo, cuxo prototipo estará listo a finais deste ano, é a súa versatilidade, xa que pode ser utilizado tanto en granxas en intensivo como tamén en animais en pastoreo. “Non hai ningún estudo feito en Galicia neste sentido”, explica Jacobo.

Para animais estabulados xa se probaron con anterioridade outros métodos de medición, como cámaras onde se illan as vacas para medir o que emiten, pero non se poden usar en ganderías comerciais. Tampouco o sistema Greenfeed, con comedeiros que toman unha serie de datos cada vez que vai comer o animal, pero que teñen un custo de 120.000 euros cada un.

Unha das vantaxes deste dispositivo é poder analizar a emisión de metano en granxas en extensivo

A vantaxe de Bovimasc é que é unha máscara aberta que acompaña ao animal na súa rutina diaria pero sen interferir nos seus movementos, permitindo a medición do metano entérico de xeito continuo ao longo do día.

Validar un sistema adaptado a Galicia

Vaca leiteira da Granxa Experimental Gayoso Castro co dispositivo Bovimasc para medición do metano entérico

Até o momento téñense feito probas na Granxa Experimental de Leite que a USC ten na Granxa Gayoso Castro tratando de validar con datos reais cal dos diferentes métodos de estimación existentes a nivel internacional se axunta máis ao tipo de gando e ás condicións de manexo e alimentación das explotacións galegas.

A nivel internacional estanse a usar distintos métodos para estimar a produción de metano dos rabaños pero aplicados a Galicia xeran disfuncións

“Nos cálculos que temos feito en vacas estabuladas, segundo as distintas ecuacións existentes, danos unha emisión por vaca e día de entre 350 e 500 gramos día de metano, en función de cal das 4 fórmulas se utilice para o cálculo”, detalla.

Con eses datos Galicia estaría en niveis medios de eficiencia medioambiental da súa cabana gandeira.  O problema, di Jacobo, é que non serven para comparar os datos obtidos cos distintos sistemas de cálculo, xa que estas foron deseñadas cunhas condicións contretas de manexo e alimentación. “Non se poden equiparar os datos obtidos aquí aos que saen en Estados Unidos ou Australia”, aclara.

“En Galicia polo de agora non hai ningún estudo sobre a emisión real de metano en vacas leiteiras e necesitamos un método fiable que nos diga canto metano están producindo as nosas vacas”, argumenta.

Selección xenética

Na produción de metano inflúen moitos factores, tanto relacionados co propio animal como externos. “Cada vaca é un mundo, porque a emisión de metano está relacionado cos xenes, coa súa microbiota, coa alimentación que recibe e con toda unha serie de factores de manexo, estado de xestación, momento da lactación, etc”, detalla o investigador da Facultade de Veterinaria de Lugo.

Por iso, di, para obter un cómputo real das emisións dunha explotación non serve con facer un cálculo estimado do conxunto do rabaño, senón que habería que medir de xeito individual o que emite cada un dos animais que o integran, ou cando menos unha mostra representativa deles.

Para facer ben o cómputo de emisións dunha explotación habería que facer a suma das emisións individuais de cada animal, xa que hai variacións importantes

A emisión de metano non é tampouco constante ao longo do día, senón que flutúa en función da rumia, ao estar directamente relacionada coa inxesta. “Se fose sempre a mesma, tomando unha serie de mostras ao longo do día xa nos valería, pero non é así, polo que nós o que pretendemos é medila de xeito continuo”, explica.

Tamén varía co estrés por calor, co estado sanitario do animal ou co momento da lactación, xa que as emisións non son as mesmas nunha vaca recén parida que nunha seca ou nunhas xovencas, “que tamén emiten metano e tamén habería que computalas para o cálculo global da granxa”, indica Jacobo.

“Estamos facendo outro traballo sobre que factores aumentan ou diminúen a emisión de metano, pero nós o que calculamos é a intensidade de emisión, é dicir, a cantidade de metano emitida por litro de leite, para saber a eficiencia medioambiental de cada animal”, conta.

A emisión de metano está directamente relacionada coa inxesta, polo que varía en función da idade e o momento da lactación

Entre as distintas fórmulas utilizadas, unha delas correlaciona os ácidos graxos do leite co metano, de maneira que sería posible estimar a produción de metano de cada vaca en función das analíticas do leite que produce.

“Se somos capaces de validar este sistema nas condicións que temos en Galicia permitiríanos usar os datos do Control Leiteiro para estimar o metano de cada vaca en produción da granxa, sen ter que medilo de xeito individual en cada animal, de maneira que nos permitiría facer selección xenética tamén por este parámetro”, avanza Jacobo.

O modelo baséase en que entre os ácidos graxos presentes no leite, algúns son de nova síntese no ubre, pero moitos outros proceden do rume, en concreto da degradación da fibra, que está directamente relacionada coa emisión de metano. Deste xeito, mediante o cómputo dos ácidos graxos C-16 e C-18 podería chegar a estimarse a produción de metano do animal.

Un dos obxectivos de ter unha medición real de gases de efecto invernadoiro é poder contrarrestar os ataques ao sector gandeiro

Os ácidos graxos presentes no leite non aparecen de maneira rutineira nas analíticas feitas polo Ligal, senón que é necesario pedir especificamente que conteñan este parámetro e o equipo de investigación da Facultade de Veterinaria manexa os datos dunhas 3.000 vacas para tratar de validar o método.

Obxectivo: cobrar máis polo leite

Estas novas esixencias medioambientais de redución da contaminación supoñen tamén unha oportunidade para as granxas á hora de revalorizar o seu leite. De feito, xa hai industrias, como Nestlé ou Danone, que o teñen en conta e outras, como Lactalis, que leva dous anos calculando a pegada de carbono das explotacións ás que recolle o leite en Galicia pero sen implementar polo de agora prima algunha ao respecto.

Empresas como Nestlé ou Danone xa están utilizando un aditivo no penso que usan as súas granxas para baixar o metano

Pero o primeiro paso, e o máis complexo, é cuantificar de maneira obxectiva as emisións. “Nestlé, Danone ou Pascual están tentando reducir as emisións de metano entérico nas vacas leiteiras por medio de aditivos. Computan un descenso do 30%, pero non sabemos realmente canto se reduce en cada granxa, se é realmente un 30%, un 25% ou un 34%. Estamos analizando verdadeiramente as emisións de metano das vacas? Sabemos como medilo?”, pregúntase Jacobo.

Por iso, o obxectivo de todas estas liñas de investigación neste eido que se están a levar a cabo na Facultade de Veterinaria é coñecer emisión real de metano e se os métodos de mitigación funcionan. “O noso obxectivo é poder medir nunha granxa real canto metano están producindo as súas vacas para que despois o gandeiro poida cobrar unha prima polo seu leite en función diso, de maneira que os gandeiros vexan recompensados os seus esforzos no ámbito da redución de emisións pola vía do prezo do leite”, xustifica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *