Estudantado da EPS de Enxeñaría analiza o imapcto dos lumes en Valdeorras

O Campus Terra colaborou coa Asociación de Veciños O Regueiral, que impulsou unhas xornadas que combinaron información técnica, análise práctica e reflexión colectiva arredor dun dos principais retos ambientais e sociais do territorio: os incendios forestais


A Asociación de Veciños O Regueiral deu pulo ás ‘Xornadas de Prevención e Actuación contra o lume na nosa contorna’, unha iniciativa desenvolvida ao longo de tres días. Lograron combinar información técnica, análise práctica e reflexión colectiva arredor dun dos principais retos ambientais e sociais do territorio: os incendios forestais. A iniciativa contou coa participación do estudantado da materia ‘Restauración de Espazos Degradados’ do grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC.

Primeiro tivo lugar unha ruta guiada, con saída desde o CEIP de Rubiá, no que o estudantado da EPS de Enxeñaría acompañou as persoas participantes por distintas zonas afectadas polos incendios. A actividade permitiu analizar directamente sobre o terreo o impacto do lume, facendo especial fincapé no estado do solo, a perda de valor ecolóxico e as dificultades de rexeneración en función da orografía. O percorrido foi guiado por David Cao, Elías Esmerodes, Mauricio Avendaño, Vanessa Paz e Alae Zahir, baixo a supervisión do profesor Agustín Merino, no marco do programa ‘Plantando cara o lume’. Ao longo das distintas paradas, explicáronse técnicas de restauración como o mulching —emprego de cubertas artificiais para protexer o solo—, así como os criterios utilizados para avaliar a capacidade de recuperación das diferentes especies vexetais.

Neste sentido, destacouse o papel de especies como os érbedos, as aciñeiras ou as sobreiras, que actúan como protectores naturais do solo e presentan unha maior resiliencia fronte ao lume. Pola contra, nas zonas máis escarpadas púidose comprobar un elevado grao de deterioro, con escasas posibilidades de recuperación, o que levou ao estudantado a subliñar que os esforzos e investimentos deberían orientarse prioritariamente cara á prevención.

Só no episodio de incendios de 2022, Galicia rexistrou arredor de 51.000 hectáreas queimadas, cun impacto especialmente intenso en comarcas como Valdeorras

“Este ciclo de actividades cobra especial relevancia no contexto local, onde se calcula que arredor dunhas 6.200 hectáreas, dun total de 10.000, arderon en menos de cinco anos no concello de Rubiá (Valdeorras), unha cifra que evidencia a magnitude do problema e a urxencia de actuar desde múltiples ámbitos”, explican dende a organización da iniciativa. Así, por exemplo, “só no episodio de incendios de 2022, Galicia rexistrou arredor de 51.000 hectáreas queimadas, cun impacto especialmente intenso en comarcas como Valdeorras”, destaca pola súa parte o profesor da USC, Agustín Merino.

Tras unha primeira sesión centrada nas medidas de autoprotección, obrigas legais e coordinación institucional, as xornadas continuaron cun marcado carácter práctico e divulgativo. As sesións pecháronse coa charla ‘Proceso de recuperación e restauración do solo’, impartida por David Cao. Esta sesión permitiu profundar nos contidos abordados durante a ruta, ofrecendo unha visión máis detallada dos procesos ecolóxicos que interveñen na rexeneración dos ecosistemas tras un incendio..

Como conclusión, desde a Asociación de Veciños O Regueiral faise unha valoración moi positiva destas xornadas, que conseguiron implicar á veciñanza e achegar coñecemento técnico de maneira accesible. A mensaxe central que se reforza tras estas tres sesións é clara: os incendios forestais son un problema colectivo que require dunha resposta activa, coordinada e sostida no tempo, na que a prevención e a responsabilidade compartida resultan esenciais, xa que a pasividade continúa a ser o seu mellor aliado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *