“A Facultade de Veterinaria de Lugo ten unha das mellores granxas de prácticas de toda España”
A Granxa Experimental de Leite do Campus Terra permite aos estudantes ter un contacto directo con animais de produción e aplicar os coñecementos adquiridos en ámbitos como clínica, reproducción ou calidade do leite

O alumnado de Veterinaria, facendo prácticas na Granxa Experimental de Leite
A posta en marcha no ano 2020 da Granxa Experimental de Leite supuxo “un antes e un despois” para a formación do alumnado, recoñece Luis Quintela, vicedecano da Facultade de Veterinaria de Lugo, que dispón na actualidade dunha das mellores granxas de prácticas de España de vacún de leite.
Estas instalacións, que se atopan na Granxa Gayoso Castro (Castro de Rei), propiedade da Deputación de Lugo, sitúan ao Campus Terra na elite da formación de veterinarios dentro das universidades españolas, unha excelencia formativa que acaba de ser recoñecida tamén por parte da Xunta de Galicia.
Na súa configuración, a Granxa Experimental de Leite é homologable ao que podería ser unha explotación comercial estándar da zona, só que nela prima sobre todo a función docente e investigadora en detrimento da produtiva.
Ademais da propia granxa, cun establo de nova construción para 55 vacas en muxidura, silos de alimentación e outra nave para as vacas secas con acceso a pasto, un edificio anexo alberga os vestiarios, un aulario con 2 aulas dotadas de todo o equipamento necesario para dar clase ou facer presentacións, e un laboratorio para realizar análises de nutrición, parasitarias ou infecciosas.
Ademais do alumnado de Veterinaria, tamén realizan prácticas na granxa os estudantes da Politécnica
Ademais do alumnado do grao de Veterinaria, á Granxa Experimental de Leite acoden tamén os alumnos e alumnas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, que realizan prácticas de nutrición ou manexo de cultivos. A Granxa Gayoso Castro conta con 57 hectáreas de superficie agraria para a produción forraxeira, das que en 20 delas se fan rotacións anuais de millo e pradeira.
Últimas tecnoloxías
A Granxa Experimental de Leite é homologable ao que podería ser unha explotación comercial estándar da zona e está dotada das últimas tecnoloxías dispoñibles no mercado, como un robot de muxidura ou colares de actividade, que axudan na monitorización da rumia ou na detección dos celos.
O sector do vacún de leite está cada vez máis tecnificado, polo que resulta imprescindible que os futuros profesionais que van asesorar ás granxas se familiaricen con estas tecnoloxías e adquiran os coñecementos necesarios para sacar o máximo partido a estas ferramentas dixitais que axudan á eficiencia e na toma de decisións nas explotacións.
As instalacións contan coas últimas tecnoloxías do mercado para que os alumnos poidan experimentar situacións reais que acontecen nas granxas actuais, cada vez máis tecnificadas
Contar con estas tecnoloxías de vangarda e con animais en produción son unha garantía para a formación dos novos veterinarios que cada ano se gradúan no Campus Terra. “Nese sentido, é unha gran oportunidade para os estudantes, proque trátase dunha granxa comercial ao uso, polo que as prácticas que se fan aquí son prácticas reais en grupos reducidos de 7 a 10 alumnos, a parte de clínica ou de reprodución é a que se fai a diario en cualquera gandería láctea da zona”, insiste a catedrática Marta Miranda, que se encarga de impartir asignaturas como Clínica Médica.

Clases de laboratorio, dentro das instalacións da Granxa Experimental de Leite
A Facultade de Veterinaria de Lugo forma en cada promoción a uns 110 novos titulados, dos que aproximadamente a metade son de fóra de Galicia. Moitos deles, cando empezan a carreira, non están familiarizados co funcionamento, os problemas e as dinámicas dunha granxa de produción de leite, pero acaban realizando unhas 500 horas de prácticas ao longo de toda a carreira na Granxa Experimental, co que adquiren unha completa bagaxe para enfrontárense á vida laboral.
Ao longo deste curso a Granxa Gayoso Castro recibiu arredor de 1.500 visitas de prácticas
A Granxa Experimental de Leite complétase co Hospital Clínico-Veterinario Rof Codina, pertencente á Universidade, con estadías formativas xunto a titores que son veterinarios en exercicio e con saídas a outras granxas comerciais, por exemplo, de porcino, para que os estudantes adquiran unha completa bagaxe educativa de carácter práctico.
Estudos de postgrao
A Granxa Experimental de Leite é tamén un dos lugares de formación principais no Máster en Produción de Leite, un título de postgrao orientado a formar profesionais especializados no asesoramento para a produción leiteira.
O número de prazas limítase a 12 e o prazo de inscrición abriuse o 1 de xullo
A parte de docencia presencial impártese na Escola Politécnica e na Facultade de Veterinaria, mentres que as prácticas complétanse tamén no Ligal. O temario, que busca un enfoque práctico, consta de sete módulos: Morfoloxía, fisioloxía e manexo sanitario da vaca de leite; Calidade do produto; Instalacións gandeiras; Produción de forraxes; Alimentación na produción de leite; Economía e xestión da produción de leite; e Prácticas de campo. O 20 % das clases dos seis primeiros módulos poderán seguirse en liña. O prazo de inscrición comezou o 1 de xullo e o número de prazas é de 12.