Galicia é a principal reserva peninsular de ‘Árnica montana’, coa maior variabilidade xenética
Un equipo de investigación do Campus Terra mantivo o seguemento dos exemplares presentes no cultivo controlado da EPSE das diferentes variedades de árnica presentes en Galicia

A situación de incerteza na que se atopa a planta medicinal ‘Arnica montana L.’ (árnica), levou a un equipo da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC a profundar nesta planta no marco dun proxecto que recibe apoio da Deputación Provincial de Lugo e no que se acaba de constatar a elevada diferenciación dos exemplares de árnica da Península Ibérica con respecto aos do resto de Europa.
Este equipo de especialistas está a realizar o seguimento dos exemplares presentes no cultivo controlado da EPSE das diferentes variedades de árnica existentes en Galicia. En 2025, realizáronse novas mostraxes na zona pirenaica que axudarán a delimitar os diferentes grupos poboacionais da especie na Península Ibérica e a determinar a singularidade das poboacións galegas e lucenses a nivel xenómico. “Estas novas localidades tamén se están analizando para coñecer o seu contido en metabolitos secundarios e poder asignalas aos distintos quimiotipos descritos en A. Montana”, sinalan dende o equipo investigador.
O equipo está integrado por Manuel Vera Rodríguez, profesor da área de Xenética na Facultade de Veterinaria e membro do grupo ACUIGEN; e Rosa Romero Franco, da Área de Produción Vexetal da EPSE e do grupo SILVOPLAST. Son colaboradores Carmen Bouza, Adrián Casanova e Fernando Cabana, tamén de ACUIGEN e do Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física; e Manuel Antonio Rodríguez Guitián, Carlos Real e Antonio Rigueiro, da EPSE.
O grupo xa obtivo os primeiros resultados sobre a dinámica reprodutiva da especie, que suxiren unha preferencia pola polinización por exemplares procedentes da mesma localidade da planta polinizada, sendo esta polinización múltiple nas diferentes flores estudadas. Polo de agora, descríbense niveis baixos de diversidade xenética a nivel xenómico, así como unha diferente estrcturación poboacional da diversidade en marcadores moleculares neutrais e en marcadores suxeitos a selección (outliers).
As poboacións situadas na costa cantábrica estarían máis relacionadas coas poboacións galegas de quimiotipo ibérico
Os estudos previos realizados dende 2017 grazas tamén ao financiamento da Deputación Provincial de Lugo, permitiron identificar unha variabilidade xenética importante entre as distintas poboacións analizadas en Galicia, coa presenza de diferentes grupos poboacionais, de tal xeito que parece existir unha relación directa entre a tipoloxía bioquímica e a variabilidade xenética atopada nas distintas poboacións de árnica analizadas.
Na anualidade de 2021, analizáronse diferentes poboacións procedentes de Asturias, Castela-León, País Vasco e Cataluña. O resultados indicaron que as poboacións situadas na costa cantábrica estarían máis relacionadas coas poboacións galegas de quimiotipo ibérico, mentres que as poboacións de Castela-León e Cataluña estarían máis relacionadas coas poboacións da Serra do Courel que presentan o quimiotipo Europeo. “Estes resultados subliñaron a importancia das poboacións galegas para o mantemento do grupo ibérico, xa que é na nosa comunidade onde se conservan as mellores poboacións de árnica”, subliña o profesor Vera, investigador do grupo ACUIGEN.
A maiores, elaboraron diferentes librarías xenómicas empregando tecnoloxías de secuenciación de nova xeración e xenotipado por secuenciación e mantivéronse os cultivos de Arnica montana L. na finca de prácticas da EPSE da USC situada en Montirón para poder facer un seguimento máis doado dos bancais, que continuou durante o ano 2023 onde se caracterizaron xenericamente todos estes exemplares, engadindo tamén unha nova localidade natural lucense procedente de Samos, alén de crearse un sementeiro procedente de flores de tres exemplares do cultivo procedentes de Pontepedrido.



