Fasciolose en gando bovino: controlando a enfermidade a través do leite

Un test innovador desenvolvido en Galicia permite diagnosticar a fasciolose bovina, unha enfermidade causada por parásitos, de forma económica a partir de mostras de leite

A fasciolose é unha enfermidade parasitaria causada por Fasciola hepatica (Fotografía 1), un trematodo que afecta a ruminantes e outras especies, incluído o home.

A súa transmisión depende de carafio acuáticos do xénero Galba (Fotografía 2) e é máis frecuente en zonas húmidas, onde as condicións ambientais favorecen a proliferación destes caracoles.

Unha enfermidade de gran impacto sanitario e económico

No gando bovino, a infección adoita ser crónica e provoca unha diminución na produción de leite, o crecemento e a eficiencia reprodutiva. Ademais, xera perdas económicas importantes debido ao comiso de fígados en matadoiro, os tratamentos veterinarios e a redución do rendemento xeral do rabaño.

A nivel mundial, a fasciolose está recoñecida como unha zoonose de importancia sanitaria e económica, o que subliña a necesidade de dispoñer de ferramentas de diagnóstico eficaces e alcanzables.

Diagnóstico mediante leite: Unha alternativa práctica e non invasiva

A detección de anticorpos en leite desempeña un papel clave nos programas de control e erradicación de enfermidades do gando bovino en moitos países, xa que a mostraxe é sinxela, económico e non invasivo.

O laboratorio de parasitoloxía do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que mantén desde hai moitos anos unha estreita colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, contribuíu a importantes avances no diagnóstico e control da fasciolose bovina, destacando o desenvolvemento e a validación dun test ELISA, denominado MM3-SERO ELISA, altamente sensible e específico para a detección desta parasitose a partir de mostras de leite, tanto individuais como de tanque.

Identificación de rabaños infectados e perdas produtivas

A repercusión da fasciolose sobre a produción leiteira depende en gran medida da porcentaxe de animais infectados dentro do rabaño.

Os estudos realizados no CIAM demostraron que o test MM3-SERO ELISA permite identificar de maneira sinxela e económica os rabaños con elevada prevalencia de F. hepatica, asociados a perdas produtivas. Concretamente, en Galicia, os nosos resultados mostran que a maioría das explotacións positivas presentan máis do 25 % de vacas lactantes infectadas, o que se traduce en perdas significativas, xa que os rabaños con este nivel de infección producen en media 1,4 litros menos de leite por vaca e día que os rabaños libres de F. hepatica.

Zonas de maior risco de infección en Galicia

Outra vantaxe do test MM3-SERO ELISA aplicado a mostras de leite de tanque é que permite identificar áreas xeográficas con maior risco de infección por F. hepatica.

Como se observa na Figura 1A, as zonas con maior probabilidade de infección concéntranse no centro, nordés e sueste da comunidade, mentres que no noroeste a probabilidade é baixa. A Figura 1B mostra a distribución dos rabaños altamente positivos, definidos como aqueles con máis do 25 % de vacas lactantes infectadas con F. hepatica, confirmando que as áreas de maior risco coinciden cos casos de elevada prevalencia.

Unha ferramenta clave para o control da fasciolose

O test MM3-SERO ELISA resulta fundamental para priorizar intervencións sanitarias, xa que permite identificar as explotacións que máis se beneficiarían dun programa de control da fasciolose.

Este test representa un avance no manexo sanitario do gando bovino, con beneficios directos para a saúde animal e a rendibilidade.

A súa inclusión nos servizos dos laboratorios de control de calidade do leite ampliaría as ferramentas dispoñibles para o seguimento e a xestión da fasciolose na industria láctea.

Conclusión

O desenvolvemento e a validación deste test reforzan o papel da investigación aplicada ao servizo do sector gandeiro. Grazas a ferramentas diagnósticas innovadoras como o test MM3-SERO ELISA, é posible avanzar na detección e o control da fasciolose, mellorando a saúde do gando e a rendibilidade das explotacións leiteiras.

Autores: Mercedes Mezo, Marta González Warleta e José Antonio Castro Hermida, investigadores do Laboratorio de Parasitoloxía. Departamento de Produción Animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *