Como a gandería extensiva e a conservación de hábitats de interese se retroalimentan

O proxecto RURALtXA! contribúe á preservación en Galicia de máis de 10.000 hectáreas de hábitats de interese comunitario, como queirogais e turbeiras, por medio da revalorización de actividades gandeiras tradicionais

Bestas nun área de turbera da Serra do Xistral. / Imaxe: Alfonso Laborda.

Paisaxes que son tradicionais na media montaña galega, como os queirogais e as turbeiras, presentan unha alta vinculación cos sistemas tradicionais de gando en extensivo ,en especial coas bestas. Cando o labor de pastoreo dos animais desaparece, esas paisaxes abertas adoitan evolucionar a un mato máis denso, menos penetrable e no que cobran maior protagonismo outras especies pioneiras.

Por ese motivo, o proxecto RURALtXA!, orientado á conservación de hábitats de interese comunitario, naceu no 2022 cun plan de traballo que vinculaba o apoio á gandería extensiva coa conservación de ecosistemas como os queirogais e as turbeiras en Galicia, ou os pastos de montaña no País Vasco.

Son todos eles hábitats catalogados como de interese comunitario pola UE, pois considéranse ecosistemas pouco comúns, ameazados e que representan exemplos valiosos da biodiversidade europea.

Queirogais na Serra do Xistral. / Imaxe: Laura Lagos.

Durante os últimos tres anos, o proxecto RURALtXA!, liderado pola Universidade de Coruña, a Universidade de Santiago e a fundación pública vasca HAZI, desenvolveuse en paralelo en Galicia e Euskadi. Na parte galega, implicou a máis dunha vintena de montes, maioritariamente Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de catro áreas piloto: a serra do Xistral (Lugo), a serra da Groba (Pontevedra), a Faladoira (A Coruña) e Monte Maior (Lugo).

As catro áreas piloto teñen em común a conservación de amplas extensións de queirogais e turbeiras -máis de 10.000 hectáreas-, así como prácticas tradicionais que contribúen á súa conservación, como o sistema de manexo dos cabalos salvaxes ou bestas, a gandería extensiva de vacún e a apicultura.

Un total de 21 montes comprometeron plans de manexo dos hábitas con criterios de conservación

No marco do proxecto RURALtXA!, que conta co apoio da Fundación Biodiversidad (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico), elaboráronse plans de manexo dos hábitats (descargables na web do proxecto) para as catro áreas piloto e establecéronse acordos de custodia do territorio cos propietarios, para que teñan en conta os criterios de conservación na xestión dos seus territorios.

En total, 21 montes veciñais e 1 monte particular das áreas piloto comprometéronse con plans de manexo, acadándose unha superficie conxunta de 16.684 hectáreas xestionadas con criterios de conservación.

Cómpre ter en conta que unha xestión axeitada das cargas gandeiras, como as que se utilizaron tradicionalmente, é imprescindible para os hábitats de turbeira e queirogais, nos que, para manter o seu estado de conservación, é tan importante evitar o sobrepastoreo como garantir a presenza dos animais pastoreando ano tras ano.

O pastoreo das bestas contribúe a manter as paisaxes abertas tradicionais en amplas áreas da media montaña galega. Cabalos na Serra da Groba. / Imaxe: Laura Lagos.

Actuacións directas no medio
En paralelo ás accións dirixidas a incluír criterios de conservación no manexo do gando, o proxecto desenvolveu accións directas no medio para a restauración ou mellora de 140 hectáreas de hábitats prioritarios, incluídas 60 hectáreas de turbeira nas que se eliminaron piñeiros e eucaliptos.

Outra das actuacións consistiu na instalación de peches temporais de protección de turbeiras degradadas polo pisoteo do gando. En concreto, fíxose um peche deste tipo na Turbeira do Campo da Pedra, na CM de Viladesuso, na Serra da Groba. Tamén se construiu un peche perimetral para facilitar a introdución de cabalos nun monte da Faladoira, co obxectivo de manter o queirogal en bo estado.

No marco do proxecto, executáronse asimesmo desbroces e elaborouse un manual para a mellora de queirogais e turbeiras.

Visita, no marco do seminario final do proxecto, a unha das turbeiras da Serra da Groba nas que se executaron tarefas de conservación.

Que servizos ecosistémicos proporciona o monte e como se valoran?

O seminario final do proxecto RURALtXA!, que se desenvolveu este mes na Cidade da Cultura (Santiago), abordou unha cuestión clave na análise dos territorios de montaña nos que se actuou. Que servizos ecosistémicos aportan?. É dicir, que beneficios lle proporcionan á sociedade. E en segundo lugar, como se valoran eses servizos entre a veciñanza?

Unha enquisa desenvolta polo proxecto analizou a percepción dos principais servizos ecosistémicos entre veciños, comunidades de montes veciñais, asociacións, empresas e Concellos.

Abastecemento. A gandería extensiva é vista de xeito unánime como beneficiosa. Percíbese tamén unha valoración positiva da actividade forestal, pero hai máis matices noutros servizos ecosistémicos de aprovisionamento. É o caso da enerxía, onde se detecta preocupación por reducir os impactos ambientais e sociais de instalacións como as eólicas. Sobre a caza tamén se percibe unha valoración desigual.

Regulación. Existe conciencia social sobre a importancia da conservación dos ecosistemas por servizos como a protección do territorio da erosión, o mantemento da calidade das augas, a conservación da biodiversidade ou a loita contra o cambio climático, por medio da captura do dióxido de carbono atmosférico.

Culturais. Identificáronse elementos culturais asociados ós ecosistemas e paisaxes locais que son especialmente importantes para as persoas que viven no territorio, malia que en ocasións se pensa máis neles desde a perspectiva do turismo.

A evaluación de servizos ecosistémicos que se desenvolveu no marco do proxecto concluíu que existe unha alta capacidade de servizos ecosistémicos vinculada a actividades produtivas como a gandería extensiva, a apicultura ou o ecoturismo.

Intervención de Emilio R. Díaz-Varela (USC) no seminario final do proxecto.

Comparación de beneficios con impactos
Para ter unha visión completa do escenario, outro dos traballos desenvoltos no proxecto RURALtXA! consistiu nunha análise do ciclo de vida das cadeas de produción características nas áreas de estudo, como a da carne de vacún ou a de poldro. Para elo, comparáronse os beneficios e impactos ambientais de cada cadea, con dous indicadores principais, a pegada de carbono e a biodiversidade.

O traballo monetizou tanto os beneficios detectados -por exemplo o secuestro de carbano no solo ou a maior protección contra os incendios- como os impactos, caso das emisións de gases do gando. A conclusión é que os beneficios son claramente superiores ós impactos, nunha relación aproximada de 3:2, o que avalaría, por exemplo, a posibilidade de establecer un pago por servizos ecosistémicos na gandería extensiva.

Un momento do seminario final do proxecto.

Rede de traballo con máis de 120 produtores para impulsar a bioeconomía rural

O proxecto RURALtXA! impulsou a valorización das actividades tradicionais que contribúen ó mantemento dos hábitats, para o que creou unha rede de traballo con máis de 120 persoas produtoras e deseñáronse unha serie de ferramentas para mellorar a promoción e comercialización dos seus produtos.

Creouse a marca ‘Saberes do monte’ para valorizar produtos derivados de actividades tradicionais, como a gandería ou a apicultura, que contribúen á conservación da biodiversidade

Entre estas ferramentas, destaca a marca Saberes do Monte, creada co asesoramento da Fundación Juana de Vega, que se orientou á poñer en valor produtos como a carne ou o mel derivados das actividades tradicionais ligadas á conservación da biodiversidade en montaña, así como tamén o ecoturismo, vinculado a estas paisaxes e valores.

A rede de traballo impulsou ademais actividades de formación e visitas formativas a proxectos de éxito.

Valoracións
Unha represerntación dos produtores que participaron na rede de traballo asistiu ó seminario final do proxecto, protagonizando a mesa de debate de peche, na que explicaron en que modo a iniciativa foi importante para eles.

“Debatimos sobre o territorio no que vivimos, que é importante, e desde unha perspectiva profesional, déronse oportunidades, tivemos un asesoramento profesional e compartimos experiencias” (Patricia Muñoz, Amodo Turismo)

“Como veciña, foi bo porque deunos a ocasión de debatir sobre o territorio. Desde un punto de vista profesional, danse oportunidades, porque non coñecía a todos os actores, e a rede permitiu compartir e ter un asesoramento profesional”, valorou Patricia Muñoz, de ‘Amodo Turismo’, un proxecto de ecoturismo na Serra da Groba.

Desde o mundo apícola, Javier Vázquez (Mel Vituco) reinvindicou a importancia das bestas para manter o queirogal en bo estado e así permitir a produción de meles monoflorais de alta calidade, como os de queiroga. “Nos últimos anos temos dificultades para lograr meles monoflorais de breixo por unha mala conservación dos ecosistemas, xa que aparecen porcentaxes doutras flores como silvas, pradeiras ou castiñeiro”, lamentou.

“Temos dificultades para lograr meles monoflorais de breixo por unha mala conservación dos ecosistemas. Para nós é moi importante o pastoreo dos cabalos, pero vémolos moi ameazados polo lobo” (Javier Vázquez, Mel Vituco)

No Xistral, onde traballa Javier, pastan arredor de 2.500 bestas e unhas 4.500 cabezas de vacún, se ben Javier incide nas dificultades que a predación do lobo causa nas greas de bestas.

Mesa redonda con produtores no seminario final de RURALtXA!, na Cidade da Cultura de Santiago.

Completaron a mesa de produtores do seminario final Boris Vilar, guía de natureza no Xistral, quen destacou a importancia do achegamento ós veciños do mundo académico e científico, e Alejandro Fernández, da comunidade de montes veciñais de Frexulfe, unha das que mantén gando no Xistral e que se comprometeu, no marco do proxecto RURALtXA! a seguir un plan de manexo dos hábitats, orientado á mellora da conservación.

Asimesmo interviu Beatriz Suárez pola Fundación Juana de Vega, a entidade que asesorou ós produtores na creación da marca Saberes do Monte e nas posibles estratexias de comercialización.

De cara ó futuro, queda sobre a mesa a vontade de continuar potenciando a marca Saberes do Monte, de forma conxunta entre as universidades e a Fundación Juana de Vega, e co apoio da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo. Buscarase a incorporación de mais produtores das zonas de RURALtXA! e doutras zonas da montaña galega.

Outra das propostas é a creación dunha asociación de produtores que poida coller o testigo das universidades de Santiago e Coruña na xestión da marca.


O proxecto RURALtXA! conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *