O Centro Tecnolóxico da Carne adscrito a Medio Rural investirá no 2026 máis de 2,5 M€ en proxectos de I+D+i

No segundo semestre deste ano, o CTC participou nun total de 29 proxectos, case todos colaborativos, cun investimento global de preto de 14 millóns de euros

O Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) investirá o vindeiro ano máis de 2,5 millóns de euros en iniciativas de Investigación, Desenvolvemento e innovación (I+D+i) e ten previsto participar en, cando menos, 39 proxectos de cooperación con empresas ou outras entidades do sector agroalimentario. Son datos que avaliou hoxe o Padroado deste ente, dependente da Consellería do Medio Rural, nunha reunión celebrada hoxe en Santiago e presidida pola titular deste departamento da Xunta, María José Gómez. No encontro, a conselleira estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

O Padroado fixo tamén balance da actividade do CTC no segundo semestre deste ano, no que se desenvolveron un total de 29 proxectos, case todos colaborativos, cun investimento global de preto de 14 millóns de euros. Ademais, conseguíronse tres novos proxectos, cun orzamento total que supera os 396.000 euros.

A gran parte dos proxectos de I+D+i nos que se implica o Centro Tecnolóxico da Carne proveñen da participación en convocatorias de carácter autonómico, nacional e internacional, a través de programas como o SUDOE, HORIZON, PRIMA ou CYTED. A conselleira salientou que, con estas cifras, dáse cumprimento aos obxectivos do Plan Estratéxico de Galicia no eixo de competitividade e crecemento, que busca impulsar e consolidar as políticas de gasto vencelladas á investigación para integrar a nosa comunidade no círculo virtuoso da innovación para o crecemento.

Con respecto aos ingresos, ademais da achega da Consellería do Medio Rural, os fondos do CTC proveñen fundamentalmente do financiamento de proxectos de innovación autonómicos, nacionais e internacionais (sobre todo europeos). Asemade, o centro tamén se nutre da facturación a empresas polos traballos desenvolvidos, xa que o CTC, ademais de traballar en proxectos de innovación propios no ámbito cárnico, ofrece servizos a entidades privadas, así como asesoramento e transferencia tecnolóxica ao sector. A estes labores cómpre engadir tamén os que teñen que ver coa formación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *