Cal é a orixe da enfermidade coñecida como pulmón do granxeiro?

O proxecto HIPANTOX estuda a posible relación entre os fungos e as toxinas presentes no silo de millo e na palla coa neumonitis por hipersensibilidade en humanos

Jesús González, durante a presentación do Proxecto Colaborativo HIPANTOX e dos seus resultados preliminares

A coñecida como enfermidade do pulmón do granxeiro (EPG) é un tipo de neumonitis por hipersensibilidade producida por antíxenos tras respirar fungos e outros microorganismos procedentes de forraxes conservadas, habitualmente herba seca ou silo de millo mal conservado por mor da excesiva humidade.

As condicións climáticas de Galicia son propicias para o desenvolvimento desta enfermidade, cunha alta incidencia en Lugo. “É unha patoloxía relevante na nosa provincia, aínda que no conxunto de España a incidencia é moi baixa”, destaca Jesús González, investigador principal do proxecto HIPANTOX, que trata de atopar unha relación causa-efecto entre os fungos e toxinas presentes nas forraxes que almacenan as ganderías e os casos clínicos en pacientes debido á súa manipulación.

A enfermidade ten unha alta incidencia na provincia de Lugo, cuns 30 casos diagnosticados por ano

No hospital de Lugo foron diagnosticados 300 casos nos últimos 11 anos, debido á maior concienciación do equipo médico desta área sanitaria con esta enfermidade, nunha zona onde o sector agrogandeiro ten unha especial relevancia. Sen embargo, Jesús considera que se trata dunha patoloxía infradiagnosticada noutras zonas de Galicia e da cornixa cantábrica.

A enfermidade provoca síntomas como febre, dor de cabeza e tose, que se poden confundir cos dun catarro e só nos casos de cadros agudos requiren hospitalización. “Ás persoas que lles pasa de xeito habitual mesmo teñen que deixar de traballar na actividade agrogandeira para non estar exposto a estes elementos causantes”, explica.

“Por agora non podemos concluír que haxa unha causa-efecto entre os fungos das forraxes e a enfermidade, pero sería útil poder illar, a través dos antíxenos dos pacientes, o fungo causante”, indica Jesús.

Principais fungos

Non existían até o de agora estudos feitos en Galicia en granxas de produción estándar reais e nas condicións de temperatura e humidade nas que se leva a cabo a conservación das forraxes, polo que caracterizar a presenza de fungos no silo de millo, a palla ou a herba seca e ver o seu potencial impacto sobre a enfermidade é o obxectivo deste proxecto.

Tomáronse mostras en granxas reais das provincias da Coruña e Lugo para analizar os metabolitos e a súa potencial toxicidade

Para iso, tomáronse mostras en granxas da provincia de Lugo e A Coruña e procedeuse á identificación, en colaboración coa Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dos fungos atopados, para analizar os metabolitos que producen e a súa toxicidade.

No silo de millo os máis habituais foron o fusarium (F.cerealis 11%, F.graminearum 9%, F.temperatum 5%) e o aspergillus. “O fusarium no millo está por todas partes, atopámolo tanto en fincas e millo como nos propios silos por toda Galicia. O segundo máis común é o Aspegillus fumigatus, que é o máis perigoso para a saúde porque, aínda que non é habitual que aconteza, pode medrar dentro do pulmón, e tamén polas toxinas que produce, podendo derivar na formación dunha masa sólida dentro do pulmón que hai que operar”, detalla.

Tanto en humanos como en animais, o Aspergillus fumigatus pode medrar dentro do pulmón e provocar danos

No caso do silo de millo, xa había bastante bibliografía sobre micotoxinas, algo que non acontece no caso da palla, onde apareceu fusarium (F.torulosum e F.equiseti), alternaria (A.infectoria, A.eureka e A.porri) e aspergillus. Neste caso o Aspergillus tubingensis foi o máis frecuente.

Toxinas emerxentes

As micotoxinas son compostos naturais de baixo peso molecular, é dicir, moléculas pequenas, producidas como metabolitos secundarios por fungos filamentosos, que poden causar enfermidades, ou mesmo a morte, en seres humanos e animais.

A día de hoxe téñense identificado máis de 400 micotoxinas, das que unha ducia delas reciben unha maior atención debido ao risco que presentan para a saúde. Algunhas destas toxinas chegan a nós a través da cadea alimentaria, por exemplo, a través do leite ou da fariña.

As micotoxinas poden chegar ao ser humano a través da cadea alimentaria

As toxinas máis frecuentes producidas por contaminación por fungos en forraxes son a Glitoxina  e o Deoxinivalenol, pero nos últimos tempos outras micotoxinas como a Enniantina está comezando a considerarse unha toxina emerxente.

O Deoxinivalenol, tamén coñecido como DON ou vomitoxina, é un dos 150 compostos chamados tritotecenos (toxinas non estroxenéticas) producidas por fungos do xénero Fusarium (F.graminearum e F.culmorum).

Esta micotoxina case sempre se forma no millo antes da colleita, cando as espigas en flor son infestadas por determinadas especies do fungo. O Deoxinivalenol é unha molécula moi estable, que resiste os incrementos de temperatura, polo que unha vez formada é probable que persista durante o almacenamento e chegue mesmo a ingresar na cadea alimentaria.

O Deoxinivalenol provoca problemas intestinais e a Glitoxina ten efectos sobre a supresión do sistema inmunitario

Pola súa banda, a Glitoxina é un metabolito secundario de tipo alcaloide producido por fungos do xénero Aspergillus. Trátase da micotoxina máis potente producida por A. fumigatus que contribúe á súa virulencia ao presentar unha notable toxicidade en células de mamífero.

En canto ás Enniantinas (ENNs), posúen características antibacterianas e citotóxicas e xeran estrés oxidativo, polo que conduce a efectos secundarios sobre a saúde e produtividade dos animais. “Están empezando a considerarse unha toxina emerxente porque son moito máis tóxicas”, explica Jesús.

Están provocadas por fusarium e foron atopadas en baixas concentracións nas análises de silos de millo realizadas en explotacións da Coruña e Lugo. “Están xa en todas partes, tamén en Galicia, pero non sabemos se supoñen un risco real ou non”, advirte.

As Enniantinas pasan ao leite a través da inxesta deses silos contaminados por parte das vacas e case ningún tratamento de calor dos que se aplican na industria de transformación láctea é capaz de destruílas, polo que chegan ao ser humano. “O que está por ver é os efectos que teñen sobre nós”, insiste.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *