A Facultade de Veterinaria da USC recibe o Selo de Excelencia da Xunta de Galicia
Esta titulación convértese na primeira da USC en acadar esta distinción oficial

Comunidade do centro ao remate do acto. / USC.
A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) converteuse na primeira da institución en obter o Selo de Excelencia concedido pola Xunta de Galicia.
O decano do centro, Gonzalo Fernández Rodríguez, destacou que “este é un recoñecemento ao traballo de moitos anos a prol da calidade e no seo dun centro que se atopa en constante revisión”.
Este selo, segundo explicou o decano, supón unha achega económica que permitirá avanzar en áreas clave como a simulación de habilidades clínicas, fundamental para renovar a acreditación europea da titulación. Esta mellora incidirá positivamente noutras iniciativas orientadas á excelencia académica.
A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, salientou o prestixio da titulación de Veterinaria, “posta en marcha nos anos 80”, recoñecida tanto no Sistema Universitario Galego como a nivel nacional e internacional.
No acto de entrega, celebrado na Sala de Xuntas da Facultade, participaron tamén o reitor Antonio López Díaz e o conselleiro de Educación, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez.
O Selo de Excelencia ten unha vixencia de seis cursos académicos, con seguimentos anuais e opción de renovación. Forma parte do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-26 e responde ao obxectivo de adaptar a formación ás demandas sociais, aliñándose coas tendencias internacionais e mellorando os estándares de calidade.
Para optar ao selo, as titulacións deben impartirse de forma ininterrompida desde o curso 2018/19 e continuar na actualidade. Cada universidade puido presentar un máximo de tres solicitudes.
A avaliación baseouse en oito criterios: estratexia e resultados, currículo, deseño do proceso de ensino-aprendizaxe, profesorado, avaliación, inserción laboral, internacionalización e presentación da proposta. A puntuación máxima variaba entre 10, 15 e 25 puntos, segundo o criterio.
Entre os aspectos valorados inclúense as taxas de ocupación, graduación e abandono; a relación co tecido produtivo; as metodoloxías docentes; a calidade do profesorado; e as medidas de avaliación continua.
Tamén se tiveron en conta a inserción laboral e os indicadores de internacionalización, como a mobilidade estudantil, os créditos en linguas estranxeiras ou o nivel idiomático do persoal docente e investigador.