Cantos antibióticos dos lodos de depuradora pasan ós solos galegos?
Unha investigación realizada por Raquel Cela no Campus de Lugo da USC detectou este tipo de substancias no 68 % dos lodos recollidos na primavera, mentres que no outono esta porcentaxe descendeu ao 32 %

Raquel Cela, investigadora da Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) do Campus Terra da USC
Unha tese doutoral realizada no Campus Terra da USC estudou a presenza de antibióticos humanos nos lodos de depuradora que se aplican en Galicia. Tamén avaliou o potencial de varios residuos e subprodutos locais das industrias forestis e alimentaria (cinza, cortiza e agullas de piñeiro, follas de eucalipto e cuncha de mexillón) para reter estes antibióticos; así como a capacidade de adsorción e desorción da amoxicilina, cefuroxima e azitromicina por parte de distintos solos de Galicia. Todo isto está a ser investigado por Raquel Cela, investigadora da Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) do Campus Terra da USC.
A súa tese de doutoramento detectou antibióticos no 68 % dos lodos de depuradora recollidos na primavera, mentres que no outono esta porcentaxe descendeu ao 32 %. Ademais, os lodos tratados presentaron, en xeral, menores concentracións e frecuencia de antibióticos que os lodos sen tratar, o que suxire certa eficacia dos tratamentos actuais. A tese desenvolveuse baixo a dirección dos profesores Esperanza Álvarez Rodríguez e Avelino Núñez Delgado, e coa titoría de María J. Fernández Sanjurjo.
O descubrimento dos antibióticos supuxo un avance destacado e fundamental na medicina moderna ao contribuír a unha notable redución das taxas de mortalidade e morbilidade. Porén, o seu uso intensivo e, en moitos casos, indiscriminado, provocou un incremento significativo da súa presenza en distintos compartimentos ambientais.
Ao ser administrados, os antibióticos poden ser excretados parcialmente sen metabolizar e chegar ao medio ambiente a través de augas residuais, lodos de depuradora, xurros ou esterco, o que supón un risco ambiental cando se aplican aos solos. Unha vez no solo, poden ser absorbidos polas plantas ou alcanzar masas de auga, facilitando así a súa entrada na cadea trófica, podendo afectar tanto á saúde ecolóxica como á humana.
Na primavera detectáronse antibióticos en 5 das 6 mostras tratadas, e no outono en 4 de 7
Os ensaios realizáronse en tres sistemas: un simple (cada antibiótico por separado), un binario (AMX con ciprofloxacino, outro antibiótico de uso humano) e un ternario (AMX, CFX e AZM simultaneamente). Ademais, incorporáronse bioadsorbentes aos solos para avaliar o seu efecto na capacidade de adsorción destes.
Así, na primavera detectáronse antibióticos en 5 das 6 mostras tratadas, e no outono en 4 de 7. Nos solos, os antibióticos detectáronse no 12 % das mostras, pero só un antibiótico por mostra e a baixas concentracións. Non se detectaron residuos en ningunha das mostras vexetais analizadas.
Un 12% das mostras de solo presentaron antibióticos
Nos sistemas simples, a AZM amosou a maior afinidade polos solos, alcanzando taxas de adsorción próximas ao 100 % na maioría dos casos, seguida da CFX, mentres que a AMX foi a que menos se adsorbeu. A desorción confirmou que a AZM foi o composto máis retido, presentando nula desorción, mentres que a AMX amosou a maior desorción (ata o 17 %) e a CFX a máis baixa (<1 %). O pH do solo influíu no comportamento de adsorción: CFX e AZM aumentaron a súa adsorción en solos de pH máis alto, mentres que a AMX adsorbeuse mellor en solos máis ácidos. No sistema ternario, a AZM mantivo a maior adsorción, pero tanto a AZM como a CFX viron reducida a súa retención respecto ao sistema simple, especialmente a altas concentracións. Pola contra, a AMX amosou resultados máis variables, con indicios de efecto sinérxico nalgúns casos. A desorción de AMX aumentou en presenza dos outros antibióticos, o que suxire a súa adsorción preferente en sitios de menor enerxía. No sistema binario AMX+CIP, a AMX tamén mellorou a súa adsorción e reduciu a súa desorción, sobre todo a concentracións baixas, indicando unha unión máis estable.



