Xornada sobre o impacto dos lumes que afectaron o verán pasado á serra do Courel
Distintos especialistas analizarán os efectos dos incendios forestais sobre o solo e a vexetación e presentaranse distintas ferramentas para a xestión dos montes e a abordaxe da problemática dos lumes
Distintos especialistas analizarán a vindeira semana no Courel os efectos dos incendios forestais, como o que o verán pasado calcinou 12.800 hectáreas de monte en distintos concellos desta serra oriental da provincia de Lugo. O programa organizado pola Rede de Estacións Biolóxicas da USC desenvolverase os días 10 e 11 na instalación universitaria de Seoane.
A Estación Científica do Courel acollerá os días 10 e 11 de novembro unhas xornadas monográficas sobre o impacto dos incendios forestais no Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel. O programa divulgativo, organizado pola USC xunto co xeoparque courelao, a Deputación Provincial de Lugo e o grupo de desenvolvemento rural Ribeira Sacra-Courel, permitirá abordar a problemática dos lumes forestais nesta comarca da montaña luguesa desde distintas perspectivas, ao tempo que posibilitará a posta en común de diversas iniciativas postas en marcha para afrontar a problemática dos incendios.
A inscrición no programa é gratuíta e permanece aberta ata o día 8 no enderezo electrónico oscar.cruz@usc.es
As xornadas, coordinadas polos profesores da USC Otilia Reyes e Xosé Luís Otero, están concebidas como un espazo de análise, discusión e debate aberto á participación de todo o público interesado. A inscrición é libre e de balde e pode formalizarse ata o día 8 a través do enderezo de correo electrónico oscar.cruz@usc.es.
O coordinador da Rede de Estacións Biolóxicas da USC, Xosé Luís Otero; o presidente do xeoparque da Unesco Montañas do Courel, Roberto Castro González, e representantes dos equipos de extinción de incendios da Xunta de Galicia, así como das entidades e propietarios afectados polas lapas, abrirán o programa o venres 10 de novembro, ás 11.00 horas, na sede da Estación Científica do Courel, en Seoane.
Os efectos das lapas sobre as propiedades do solo ou como os lumes favorecen a proliferación de especies exóticas invasoras serán outros dos temas a tratar
Adrián Regos, do Centro de Ciencia e Tecnoloxía Forestal de Cataluña (CTFC), abrirá de seguido a palestra de intervencións co relatorio O proxecto fire-smart: solucións sustentables ao problema dos incendios forestais no noroeste ibérico. A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC Montserrat Díaz Daviña pechará a sesión matinal cunha charla sobre os efectos das lapas sobre as propiedades do solo.
O catedrático do Departamento de Química Agrícola e Edafoloxía no Campus Terra da USC Agustín Merino abrirá o programa da tarde cunha presentación da iniciativa Plantando cara ó lume. Ao remate da súa exposición, José Manuel Fernández Guisuraga, fará unha exposición sobre o emprego de produtos de teledetección, con especial énfase no programa Copernicus e Google Earth Engine, para xestionar ecosistemas propensos ao lume.
Analizarase a utilidade de ferramentas de teledetección, como o programa Copernicus ou Google Earth Engine, para xestionar ecosistemas propensos ao lume
O lume e as especies exóticas invasoras é o título da charla que ofrecerá neste foro o investigador do Departamento de Ecoloxía da USC Óscar Cruz, ao que sucederá no uso da palabra o xerente do GDR Ribeira Sacra-Courel, Martín Alemparte Vidal, cunha retrospectiva dos lumes ocorridos nesta demarcación montañosa.
A proxección do vídeo DOE, O Courel, de Xacobe Meléndez, servirá de colofón da primeira sesión dunhas xornadas monográficas que continuarán o sábado 11 de novembro con visitas técnicas a diversos ecosistemas das Montañas do Courel, así como con visitas a miradoiros da contorna guiadas polo catedrático de Xeomorfoloxía Augusto Pérez Alberti.