O Campus de Lugo acollerá a primeira iTERRA Talent Week

A iniciativa, do 28 de setembro ao 2 de outubro, permitirá ao estudantado universitario achegarse durante cinco días ao traballo dos grupos de investigación


O Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible iTERRA da Universidade de Santiago de Compostela (USC) organizará do 28 de setembro ao 2 de outubro a primeira iTERRA Talent Week, unha semana de inmersión na investigación científica dirixida ao conxunto do estudantado universitario, especialmente de grao e mestrado.

A iniciativa pretende achegar aos participantes o traballo que se desenvolve nos grupos de investigación do Campus de Lugo e ofrecerlles a oportunidade de participar directamente en diferentes experiencias científicas. O obxectivo é que o alumnado non só coñeza a actividade investigadora, senón que poida descubrir nela unha posible saída para o seu futuro académico ou profesional.

A semana comezará o luns 28 de setembro, ás 13.00 horas, cunha xornada de presentación na sede do iTERRA, situada no Pavillón 4 da Facultade de Veterinaria. Durante esta sesión daranse a coñecer os grupos participantes e as actividades programadas, ademais de facilitar información sobre os distintos itinerarios. Cada estudante recibirá tamén o seu Pasaporte iTERRA Talent Week.

Entre o 29 de setembro e o 1 de outubro desenvolveranse os talleres e experiencias prácticas. O programa inclúe propostas como visitas a laboratorios, demostracións, traballo de campo, análise de datos e técnicas experimentais, entre outras actividades que permitirán coñecer de preto os métodos empregados na investigación.

A programación rematará o venres 2 de outubro, ás 13.00 horas, cun encontro informal con persoal investigador acompañado de petiscos. A sesión permitirá resolver dúbidas sobre bolsas, contratos, doutoramento, incorporación á investigación e oportunidades profesionais no ámbito científico.

As persoas interesadas deberán seleccionar previamente as actividades nas que desexan participar e indicar alternativas no caso de propostas con prazas limitadas. A organización elaborará os itinerarios finais atendendo ás preferencias do alumnado, á compatibilidade dos horarios e á dispoñibilidade de prazas.

A directora do iTERRA, Marta López, destaca que a proposta pretende facilitar un contacto directo coa investigación e axudar o estudantado a valorar se este ámbito pode formar parte do seu futuro profesional. As inscricións e toda a información sobre o procedemento están dispoñibles na web do evento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *