Convocada a VI edición dos International Zendal Awards sobre sanidade humana e animal
Este galardón está dotado con 40.000 euros na categoría de saúde humana e 25.000 para saúde animal. O prazo de presentación de candidaturas remata o 19 de setembro

Marisol Soengas recibindo o premio Zendal na edición do ano pasado
Os International Zendal Awards, convocados polo grupo Zendal, chegan á súa VI edición. Os galardóns anuais organizados polo grupo biofarmacéutico naceron en 2019 co obxectivo de impulsar, visibilizar, promocionar e recoñecer novos proxectos de investigación no ámbito da saúde humana e animal.
Ano tras ano, o número de candidaturas e proxectos foi medrando paulatinamente, chegando a superar na pasada edición o cento de propostas, o que amosa a calidade científica de moitos dos grupos de investigación tanto a nivel nacional como internacional.
Estes recoñecementos están abertos a institucións e equipos de traballo, tanto públicos como privados. Para eles establécense 2 categorías: saúde humana, dotada con 40.000 euros, e saúde animal, con 25.000 euros. As candidaturas poderán presentarse ata o vindeiro 19 de setembro a través da páxina web do grupo Zendal.
O prazo para presentar candidaturas estará aberto ata o vindeiro 19 de setembro e poden participar tanto institucións públicas como privadas
O xurado estará formado por un Comité Científico Internacional composto por personalidades destacadas no ámbito da biotecnoloxía e a saúde, ademais dun presidente e un secretario do Grupo Zendal.
Para a concesión dos premios valoraranse especialmente aquelas candidaturas que teñan realizado achegas relevantes en investigación, biotecnoloxía e saúde, con solucións innovadoras e capacidade transformadora. Ademais, para garantir unha elección o máis obxectiva posible, teranse en conta factores como a viabilidade do proxecto, a súa aplicabilidade e a súa contribución á mellora da vida en termos de progreso e benestar.
Premio homenaxe
Concédese tamén un premio homenaxe, dirixido a recoñecer unha traxectoria profesional. Neste caso, está dirixido a persoas que teñan contribuído co seu traballo e os seus méritos na área científica ao desenvolvemento das vacinas e doutros produtos da saúde, a prevención, a biotecnoloxía e o concepto One Health.
Os galardóns anuais creados polo grupo Zendal teñen como obxectivo difundir e potenciar novos proxectos de investigación no campo da saúde
Entre os galardoados en edicións anteriores destacan Marisol Soengas, que lidera o grupo de melanoma do CNIO, o Dr. Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS-Xunta de Galicia), María Vallet Regí, xefa do grupo CIBER-BBN da Universidade Complutense de Madrid, ou Inmaculada Ibáñez de Cáceres, doutora en Bioloxía Molecular.
Zendal, un grupo biotecnolóxico de orixe galega
Zendal é a marca corporativa do grupo biotecnolóxico enfocado na investigación, o desenvolvemento, a fabricación e a comercialización de vacinas humanas e animais e doutros produtos farmacéuticos de alto valor engadido para o ámbito da saúde. Conta con tres centros de I+D e diversas plantas de produción biofarmacéutica nos seus laboratorios de O Porriño, León, Barcelona e Paredes de Coura (Portugal).