Fungos beneficiosos para reducir parasitos no gando
O Grupo Operativo Funtrapa celebrará un webinar online o 26 de outubro para presentar o proxecto de innovación e os avances que obtiveron até o momento
No marco de actividades de divulgación, o Grupo Operativo galego Funtrapa levará a cabo un webinar online o xoves 26 de outubro ás 10:00 horas. Para participar é necesario realizar previa inscrición.
A xornada contará cos relatorios de representantes de catro entidades galegas que integran o proxecto: Pazo de Vilane, Asociación Prodeme, a USC a través do grupo de investigación COPAR e a Fundación Empresa-Universitaria Galega. Todas elas presentarán o papel que están a levar a cabo neste estudo, así como o impacto positivo que terá no sector gandeiro.
O Grupo Operativo naceu co obxectivo de reducir o uso de antiparasitarios en suidos e galiñas poñedeiras, favorecendo o mantemento e a transición das explotacións gandeiras en réximes pastorís. Para iso, buscan empregar fungos saprófitos, con acción antagónica demostrada de certos parasitos, como método de control biolóxico co fin de reducir o risco de infección. Con este proxecto pretenden ofrecer ao sector gandeiro a oportunidade de desenvolver unha estratexia nova que contribúa ao correcto desenvolvemento dos animais.