Avaliación do uso de cebos con fosfuro de cinc para o control da rata toupa en pasteiros

Ensaios piloto en Galicia comparan a aplicación manual e mecanizada do rodenticida RATRON® GW, mostrando un efecto de contención limitado en situacións de alta densidade poboacional

Aplicación manual de fosfuro de cinc nas parcelas experimentais. A aplicación manual do produto realízase abrindo un burato e introducindo o cebo en cada unha das toupeiras.

O control das poboacións de roedores en terreos agrícolas, e en particular da rata toupa (Arvicola scherman), constitúe un reto crecente para a sanidade vexetal e para a rendibilidade das explotacións. Esta especie pode acadar densidades moi elevadas e causar danos importantes en pradeiras e cultivos leñosos. Na actualidade, o uso de rodenticidas orientado ao seu control está estritamente regulado pola normativa europea e estatal, co obxectivo de minimizar os impactos ambientais, evitar riscos para a saúde humana e para a fauna non obxectivo, reducir o sufrimento animal e previr a aparición de resistencias (Regulamento (UE) nº 528/2012). Neste contexto, todos os produtos fitosanitarios para o control de topillos foron excluídos do Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), agás aqueles cuxa substancia activa final é o fosfuro de hidróxeno (fosfina) (MAPA, 2025).

O fosfuro de cinc mantense como unha das poucas ferramentas químicas dispoñibles, con autorizacións moi concretas. En Francia, o seu uso en forma de cebos de trigo tratados foi ensaiado oficialmente desde 2019 por FREDON Bourgogne Franche-Comté, mostrando bos resultados cando se aplica en situacións de baixa densidade poboacional. En España, o fosfuro de cinc está autorizado en dúas formulacións: cebo reconstituído (8 g/kg) e cebo en gran de trigo (25 g/kg). Outras alternativas, como o fosfuro de aluminio, quedan restrinxidas a fumigacións profesionais en espazos pechados e non accesibles ao público.

Co obxectivo de avaliar a eficacia real do fosfuro de cinc en condicións de campo e optimizar a súa aplicación, desde a Consellería do Medio Rural deseñouse un ensaio piloto para o control da rata toupa mediante o produto comercial RATRON® GW.

Material e métodos

O ensaio levouse a cabo nunha parcela agrícola de 1,73 hectáreas, cun índice de abundancia moi elevado de rata toupa, o que permitía avaliar o efecto do tratamento nun escenario desfavorable. Para evitar interferencias por migración desde parcelas lindeiras, propúxose o peche perimetral do terreo experimental (Figura 1).

O ensaio estruturouse en tres recintos experimentais (Figura 2):

  • Parcela 1 (tratamento mecanizado, Figura 3): aplicación do produto mediante arado, de forma mecanizada.
  • Parcela 2 (tratamento manual, Figura 3): aplicación do produto de maneira manual.
  • Parcela 3 (control): sen aplicación de rodenticida.

Antes do inicio do ensaio procedeuse a alisar e destruír todas as toupeiras existentes nas tres subparcelas. Esta operación realizouse aproximadamente 15 días antes da aplicación do produto, co fin de contabilizar unicamente as toupeiras novas xeradas nese intervalo e dispoñer dunha liña base homoxénea.

O levantamento e reconto de toupeiras realizouse mediante GPS (modelo STONEX), mantendo sempre un intervalo de dúas semanas entre mostrexos para garantir a uniformidade dos datos. O día previo á aplicación de RATRON® GW efectuouse un novo reconto de todas as toupeiras xeradas desde o 22 de xullo e procedeuse de novo á súa destrución nas tres parcelas.

A aplicación do produto realizouse o 7 de agosto de 2024, e o seguimento da evolución da actividade da rata toupa estendeuse ata o 22 de febreiro de 2025.

En canto ás doses aplicadas:

  • Parcela 1 (mecanizada): 444 g de cebo en gran de trigo (25 g/kg), equivalente a 2.220 g/ha.
  • Parcela 2 (manual): 441 g de produto, equivalente a 2.205 g/ha.

Resultados

A evolución do número de toupeiras ao longo do período de seguimento mostrou diferenzas claras entre tratamentos (Figura 4). A análise estatística mediante o test de Friedman (χ² = 15,8; p = 0,00037) evidenciou diferenzas significativas entre parcelas, confirmando que a dinámica da actividade da rata toupa foi distinta segundo o tratamento aplicado.

O tratamento mecanizado mantivo de forma máis constante os valores máis baixos de toupeiras durante todo o seguimento, o que indica unha redución sostida da actividade, debida quizais ao estrés causado polo paso continuado da maquinaria durante a aplicación do tratamento. O tratamento manual tamén logrou reducións apreciables, aínda que con flutuacións máis marcadas ao longo do tempo. Pola contra, a parcela control presentou cifras elevadas de toupeiras e un incremento notable durante os meses de outono, coincidindo cun período de alta actividade da especie.

Dado que o número de toupeiras se considera un bo indicador indirecto da densidade poboacional, os resultados permiten inferir que ambos tratamentos reduciron a densidade de rata toupa respecto ao control. Non obstante, ningún dos tratamentos conseguiu a eliminación completa da poboación, probablemente debido á moi elevada densidade inicial presente en todas as parcelas.

Conclusións

Os resultados deste ensaio indican que o uso de cebos a base de fosfuro de cinc (RATRON® GW) pode únicamente provocar un certo efecto de “contención”, mesmo en situacións de elevada presión poboacional, que pode non ser suficiente para xustificar o seu uso.

Con todo, os datos confirman que este tipo de tratamentos non debe considerarse unha solución única nin definitiva, especialmente cando se parte de densidades iniciais moi elevadas. Ningún dos tratamentos logrou eliminar por completo a presenza de rata toupa nas parcelas experimentais. Ademais, cómpre ter en conta que a instalación de barreiras perimetrais impediu a chegada de novos individuos desde parcelas lindeiras, os cales previsiblemente terían recolonizado as madrigueiras que quedaron baleiras.

Este tipo de ensaios achega información valiosa para un uso responsable, eficaz e conforme á normativa das ferramentas actualmente dispoñibles para o control da rata toupa en sistemas agrícolas. Non obstante, á luz dos resultados obtidos e das recomendacións derivadas de estudos realizados en Francia sobre o control desta especie, despréndese que para acadar unha elevada eficacia do fosfuro de cinc é imprescindible integralo en estratexias de xestión temperá, aplicadas de forma coordinada en momentos de baixa densidade poboacional e combinadas con outras medidas agronómicas e preventivas.

Figura 1. Vista general de la parcela de estudio y detalle de la instalación de la barrera, que impidió la entrada o salida de ejemplares durante el tiempo en el que se desarrolló el ensayo.

 

Figura 2. Parcelas experimentales en las que se testó la eficacia del cebo en grano de trigo con una concentración de 25 g/kg. Según se indica en la imagen, subparcela 1: aplicación mecanizada; subparcela 2: aplicación manual; subparcela 3: control. Las líneas amarillas representan las barreras instaladas que evitan la colonización de nuevos ejemplares procedentes del exterior. Los puntos verdes representan las toperas georreferenciadas en el momento inicial.

 

Figura 3. Aplicación de fosfuro de zinc en las parcelas experimentales. Aplicación mecanizada mediante un dispositivo desarrollado específicamente por la Xunta de Galicia para este programa de control. Se efectúa de manera continua en transectos separados.

 

Figura 4. Recuento del número de topteras producidas por A. scherman a lo largo del tiempo en cada una de las parcelas experimentales en las que se testó la eficacia del cebo en grano de trigo con una concentración de 25 g/kg (mecanizado, manual y control).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *