SmartZ4Milk, o proxecto co que se impulsa a transformación do sector lácteo
A iniciativa, liderada por Grupo Lence e promovida por Clusaga, xa está en marcha e conta coa participación de 11 empresas, incluíndo 7 empresas lácteas e 4 empresas tecnolóxicas
SmarTZ4Milk-Cadea de valor láctea intelixente, trazable, sustentable e conectada- deu os seus primeiros pasos, marcando un fito significativo na transformación do sector lácteo galego cara á dixitalización, sustentabilidade e mellora da trazabilidade. O proxecto, liderado por Grupo Lence e promovido polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) a través da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, xa está en marcha coa participación activa das empresas colaboradoras. Das 11 empresas involucradas, 7 son empresas lácteas: Grupo Lence, CAPSA FOOD, Grupo Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN e ACOLACT), Bico de Xeado, Queizuar e Queixería Prestes. Ademais, empresas tecnolóxicas como Grupo AMSlab, ASM Soft, Plexus Tech e Sixtema achegan a súa experiencia na implementación de solucións dixitais innovadoras.
O obxectivo principal é transformar o sector lácteo minimizando o seu impacto na contorna, reducindo o desperdicio alimentario, dixitalizando ao máximo os seus procesos para optimizar as plantas e afrontando o reto de descarbonización en toda a cadea de valor, sen descoidar a importancia da calidade para que o leite continúe sendo parte fundamental dunha dieta saudable nos próximos anos. SmarTZ4Milk divídese en 18 proxectos primarios, cuxas temáticas se engloban nos 3 bloques.
Dixitalización, sustentabilidade e trazabilidade
O proxecto SmarTZ4Milk aposta pola dixitalización do sector lácteo galego mediante a implementación de tecnoloxías avanzadas como intelixencia artificial, Big Data, Blockchain e sensórica avanzada. Estas tecnoloxías permitirán mellorar a eficiencia, a calidade e a trazabilidade na cadea de valor láctea, así como facilitar a captación de datos en tempo real. A plataforma PITSA, que utiliza Quantum IA e Blockchain, será clave neste proceso, integrando información para unha toma de decisións óptima.
A dixitalización implicará a automatización de procesos e a sensorización avanzada, beneficiando ás empresas ao liberar tempo de tarefas manuais e aumentando a produtividade.
A trazabilidade dos produtos lácteos en SmarTZ4Milk garantirase a través de tecnoloxías avanzadas de monitoreo e control
Tamén se compromete a reducir o impacto ambiental do sector lácteo mediante a diminución de materias primas consumidas, emisións e xeración de residuos, ademais de promover prácticas de economía circular e o uso eficiente de enerxías renovables. O proxecto busca evolucionar a industria láctea cara á economía verde e a sustentabilidade, con iniciativas orientadas á redución da pegada de carbono e a pegada hídrica.
A implementación de tecnoloxías verdes e a promoción da economía circular en todas as etapas da cadea de produción láctea son fundamentais para asegurar a sustentabilidade do sector a longo prazo.
A trazabilidade dos produtos lácteos en SmarTZ4Milk garantirase a través de tecnoloxías avanzadas de monitoreo e control. A plataforma PITSA, que integra Blockchain e intelixencia artificial, permitirá unha trazabilidade ambiental e intelixente, asegurando a calidade e seguridade alimentaria desde as explotacións agrarias ata o consumidor final. Isto contribuirá a incrementar a confianza do consumidor e o valor do produto.
Rede de colaboradores
A coordinación de SmarTZ4Milk está a cargo de Clusaga, con Medrar Innovation Office como coordinador técnico e FI Group xestionando aspectos técnicos e económicos respectivamente. Ademais, o proxecto conta coa participación de universidades galegas como a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela, así como o Centro Tecnolóxico de Galicia (ITG), achegando coñecemento e soporte técnico.
Cun orzamento total de 16,8 millóns de euros e unha axuda concedida de 9,7 millóns de euros, o proxecto conta con financiamento do Ministerio de Industria e Turismo (MINTUR) e a Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU. A execución de SmarTZ4Milk prolongarase ata xuño de 2025.