Xornada sobre como a epixenética pode garantir unha cría sostible das razas autóctonas
O evento, que se celebra este xoves na Semana Verde, enmárcase no proxecto europeo GEroNIMO e contará coa participación de expertos internacionais e criadores locais

Imaxe de arquivo.
A FEUGA celebrará este xoves 5 de xuño unha xornada centrada na epixenética como ferramenta para fomentar a cría sostible de razas autóctonas porcinas e aviares. A actividade desenvolverase ás 13:30 horas na Sala Mirador do Recinto Feiral de Silleda, no marco da Semana Verde de Galicia, con entrada libre e gratuita no seguinte enlace.
Durante o encontro, os asistentes poderán coñecer as últimas innovacións en epixenética aplicada á reprodución animal, grazas aos avances do proxecto europeo GEroNIMO. FEUGA participa neste proxecto como responsable da relación con axentes implicados e da explotación dos resultados. A investigadora do INRAE e co-coordinadora do proxecto, Tatiana Zerjal, presentará as principais achegas desta iniciativa.
Posteriormente, desenvolveranse relatorios a cargo de expertos e criadores locais:
- Anisia Arias Vázquez (FEDERAPES e BOAGA) falará sobre a recuperación das razas autóctonas españolas.
- Juan José Insua Louro (AVIMOS) abordará as características da Galiña de Mos.
- Iván Rodríguez Paz (ASOPORCEL) analizará a pegada do Porco Celta en Galicia.
- Roberto Besteiro Doval (CIAM de Mabegondo) presentará o proxecto Bio4trace, sobre trazabilidade e selección xenética.
O evento concluirá cun espazo de debate e café para promover o intercambio de coñecementos e posibles colaboracións entre os participantes.
GEroNIMO é un proxecto financiado polo programa Horizonte 2020 da Unión Europea que busca ferramentas baseadas no xenoma e epixenoma para mellorar a selección animal, garantindo a súa saúde e benestar e preservando a diversidade xenética. Comezou en 2021 e conta con 21 socios de 12 países, entre eles FEUGA.